Luís Villares: «Galicia só gañou en recortes»

Susana Luaña Louzao
susana luaña SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

PACO RODRÍGUEZ

O voceiro de En Marea pensa que Galicia perdeu dous anos

25 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O voceiro de En Marea pensa que Galicia perdeu dous anos, e culpa a Feijoo pola súa submisión ao anterior Goberno popular.

-Que gañou Galicia nestes dous anos?

-Galicia perdeu. Perdeu a xente porque está sometida a ter peores servizos en sanidade, educación, nos servizos sociais, en traballo. Perdeu calidade de vida e estamos obrigados a dicir que perdeu vida. Que cando un Goberno como o de Feijoo recorta significa vivir peor, morrer antes, ter que emigrar ou non saír de pobres. No único que gañou Galicia foi en recortes.

-Cre que Feijoo renunciou á carreira en Madrid?

-Esta pregunta estaría ben que a contestase Feijoo no Parlamento de Galicia para non ter enganados aos galegos. Aínda que non se saiba o que vai facer, podemos estar seguros de que fará o que lle conveña a el, á súa ambición e á súa carreira.

-En que vai centrar En Marea a súa oposición?

-Nos mesmos eixes que ata agora: en devolverlle vida á xente, en que Galicia sexa unha sociedade máis xusta, máis equilibrada e igualitaria. Temos que acabar coa precariedade laboral, especialmente entre os novos; temos que acabar coa fenda social que discrimina ás mulleres e, por tanto, coa fenda salarial. Temos que frear a emigración e temos que conseguir que a xente volva a Galicia para traballar e vivir aquí. Seguiremos insistindo nun cambio de política territorial que, ademais de acabar coa política forestal de saqueo, sirva para darlle ao rural a importancia que merece e que fixe poboación no territorio. Isto tamén nos leva a unha política medioambiental que non estea baseada no espolio dos nosos recursos sen nada máis que miseria a cambio.

-Feijoo ten que esixir ao PP no Congreso o que non lle pediu ata agora?

-O travestismo de Feijoo con respecto ao Goberno de Madrid é dun cínico moi subido. O que tiña que ter feito cando o goberno era amigo non o fixo. Foi submiso e deixou a Galicia submisa e sen recursos, con tal de non estorbar a súa ambición madrileña. Cada vez que calou en calquera destes argumentos, coma en moitos outros, non miraba por Galicia: miraba polos seus intereses directos. Que agora faga todo tipo de reclamacións ao Goberno central só quere dicir que durante todos estes anos estivo facendo teatro e deixando aos galegos sen os servizos aos que tiñan dereito.