Nidia Arévalo: «Isto engancha moito»

A líder do PP no concello de Mos ten un fermoso sorriso e o magnetismo dos que melloran nas distancias curtas


Nidia Arévalo (Mos, 1975) é a líder do PP no concello, partido que goberna con maioría absoluta, aínda que non sempre foi así. Ten un fermoso sorriso e o magnetismo dos que melloran nas distancias curtas. Aínda que semella un pouco nerviosa, vaise relaxando a medida que falamos.

-De onde lle vén ese nome tan pouco frecuente?

-Da Arxentina. A miña familia materna emigrou a Bos Aires. Os únicos que retornaron foron meus avós. Miña nai coñecía a unha nena que se chamaba Nidia e decidiu, xa entón, que se tiña unha filla chamaríalle así.

-Non coñecerá a moitas...

-A ningunha, pero encantaríame que algunha nai e pai, de aquí, de Mos, llelo puxesen á súa filla. Eu non llo puxen á miña porque María é un nome que me gustou dende moi pequena, así que repítese a historia de miña nai.

-Que idade ten a súa filla?

-Acaba de facer tres anos.

-E a conciliación...

-É durísima. Cando a nena era máis pequena resultábame máis fácil, porque non era consciente de que marchaba para ir traballar. Agora é máis duro, porque me pide que non marche. A verdade é que hai días que case non a vexo.

-Así tamén ten unha visión máis clara dos problemas dunha parella nova.

-Pois si. Deume unha visión máis real das necesidades en todos os aspectos. Sinto mellor o que pensa unha nai cando deixa ao seu neno no cole.

-Sente xa a vertixe das municipais?

-Eu diría que vivo permanentemente nesa vertixe. É máis ben unha preocupación por que a xente estea contenta coa xestión. Na primavera será a vertixe de verdade. Se queres ao teu pobo, a preocupación é cada minuto.

-Iso semella un pouco abafante.

-Non é abafante, é apaixonante.

-Diría que é vostede feminista?

-Non. Son defensora da igualdade. Non creo que sexa bo ser feminista nin machista.

-Fixo folga o 8 de marzo?

-Non. A mellor forma de reivindicar a igualdade é traballar. Oxalá todas as mulleres tivésemos a oportunidade de traballar. As que queiran.

-Como se lle ocorreu meterse en política?

-Vocación.

-Xa era delegada de clase?

-Pois si, ha, ha. Un par de cursos. Teño a referencia de meu avó, que foi concelleiro. Dende moi pequena intrigábame moitísimo qué era isto. Eu quería ser o que facía el. Ensinoume a querer a este concello e a dedicarme a isto. Con moi poucos anos xa vivía as eleccións con moita preocupación. Con 18 anos afilieime ao PP e con 23 xa entrei na corporación. Agora levo dez anos como alcaldesa.

-Un día duro o que accedeu á alcaldía coa moción de censura.

-Foi duro, si. Pero creo que os veciños, tras térenme revalidado dúas veces, opinarán que valeu a pena. Cando menos os que me votaron.

-Tivo medo aquel día?

-Medo nunca, eu estaba convencida do que estaba facendo. Tiña que facelo. Quedei a 90 votos da maioría absoluta e durante uns meses tiven que asistir a un espectáculo esperpéntico.

-Que é o que menos lle gusta deste traballo?

-Deixar tanto tempo soa á miña filla.

-Non rematou os estudios de Química.

-Cando empecei aquí estaba aínda na facultade. E isto engancha moito. Vaslle restando horas aos estudos ata que dis: non podo. Agora dáme moitísima pereza. Nalgún momento tentarei rematalos... Pero mire, en ningún currículo que eu fixera pon que fose licenciada. Eu sempre poño estudos de Química. O que non entendo é que se lle dea tanta importancia a isto. Máis que á xestión feita o último ano, por exemplo.

-Como se ve dentro de 15 anos?

-Pois con moita actividade, seguro. Non sei se na política ou fóra, pero con actividade.

-Defínase en catro palabras:

-Esixente, metódica, tenaz e moi apaixonada.

-A que xogaba de pequena?

-De pequena xogaba ás casiñas, ás bonecas, a facer a comida. Aínda recordo que tipo de herbas collía e como lles chamaba. Crecín xogando ao lado das ruínas do que hoxe é o pazo de Mos.

-E segue gozando da cociña?

-Si. Encántame. As ceas sempre as fago eu.

-Namorouse moitas veces?

-Unhas cantas, máis dunha.

-Que lle gusta facer?

-Camiñar e ir á praia.

-Elixa un só adxectivo para Pablo Casado: guapo, audaz, intelixente, capaz.

-Capaz.

-E para Pedro Sánchez?

-Ningún.

-Nin sequera guapo?

-A min non me gusta.

-Celta ou Dépor?

-Fai falta que conteste?

-Unha canción.

-Puedes contar conmigo, de La Oreja de Van Gogh.

-O máis importante na vida.

-María, a miña filla.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
11 votos
Comentarios

Nidia Arévalo: «Isto engancha moito»