«A medio prazo habería que pensar en desmantelar encoros dos ríos»

Cándida Andaluz Corujo
Cándida andaluz OURENSE / LA VOZ

GALICIA

MIGUEL VILLAR

José Antonio Quiroga Díaz, novo presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, cre necesario facer pedagoxía sobre a importancia da auga entre todos os sectores da poboación

07 sep 2018 . Actualizado a las 13:21 h.

Esta tarde presentarase de forma oficial, pero José Antonio Quiroga Díaz leva dende principios de agosto traballando como novo presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil. Ten sobre a mesa varios asuntos pendentes, pero a súa prioridade é, afirma, loitar contra a contaminación dos ríos.

-Non se ten conciencia sobre a importancia da auga e iso redunda en que non hai unha cultura, conciencia e sensibilidade moi desenvoltas. Esta é unha eiva nun momento no que hai signos evidentes e medibles de que algo se move, de que o clima está cambiando. Queremos facer fincapé pedagóxico na importancia que ten a auga. Entendemos que habería que levar este tema aos centros escolares como unha cuestión vital.

-Que é o máis urxente na conca?

-Para min o prioritario neste momento é a saúde das augas. Tela en cantidade e en calidade é un reto importante. Para iso haberá que pór atención no tema dos vertidos. Un dos grandes problemas das augas é a contaminación, haina dende o nacemento ata a desembocadura dos ríos. Poremos especial atención.

-Que medidas ten previstas?

-Sobre todo preventivas. Na medida das nosas posibilidades faremos o posible por instalar sistemas eficientes de depuración onde hai problemas, sexa Sarria, Monforte, Ponteareas ou San Cibrao das Viñas. As actuais depuradoras son insuficientes, non se planificaron ben. Algunha delas non está adaptada a recibir vertidos con compoñentes químicos, aínda que por lei as industrias tiñan que ter un tratamento primario antes de verter á rede. E outras son ineficientes porque conflúen nelas tanto as de saneamento como as pluviais, e en época de choiva non dan abasto.

-Cre que son suficientes as sancións que se impoñen por contaminar o río?

-Hai unha actividade importante en canto a sancións, pero por si soas non son suficientes. Faremos unha xuntanza cos empresarios de San Cibrao das Viñas para analizar o tema e trasladarlles a inquedanza que propician estes vertidos. Queremos que eles asuman a transcendencia que teñen os vertidos e o mal funcionamento das empresas.

-Algúns falan da sobreexplotación dos recursos hídricos. Que pensa ao respecto?

-A grande proliferación de encoros na conca do Miño ten morto o río. A sobreexplotación é unha evidencia, está aí.

-Hai volta atrás?

-A proliferación de encoros é filla dunha época histórica e socioeconómica. Na actualidade non sería viable. Estamos nun país de garantía xurídica e hai uns convenios que haberá que respectar, pero a medio prazo habería que pensar en desmantelar encoros dos ríos. Non se descarta ver a maneira -xa o fixeron noutros países europeos- de desmontar algún destes atrancos. As compañías eléctricas, lamentablemente, só pensan en termos económicos.

«Hoxe en día a agricultura e a gandaría son un dos principais problemas»

As explotacións gandeiras e agrícolas interfiren tamén na situación dos ríos.

-Como traballarán para frear a contaminación que provén destes sectores?

-A agricultura e a gandaría son hoxe en día un dos principais problemas. A Limia é unha zona onde hai un serio problema que se deriva da actividade primaria, pero tamén é das poucas comarcas que sustentan unha potentísima actividade. Moita xente utiliza produtos sen as medidas de seguridade pertinentes, porque non causan un dano inmediato. Hai alternativas e maneiras de dar os produtos, épocas e cantidades. No futuro próximo levaremos adiante unha campaña entre agricultores e gandeiros, independentemente das sancións ante situacións que desbordan. É un problema para os ríos e para a saúde da xente. A política da avestruz é a menos aconsellable, hai que facer fronte á orixe desta problemática.

-A Hidrográfica leva anos pendente dunha sede con todas as oficinas.

-As distintas dependencias están repartidas por catro lugares. Iso non é beneficioso, non redunda para nada no bo funcionamento interno nin na atención ao administrado. Unha nova sede é desexable. É algo que dende o principio anda flotando, pero parece que o proxecto non naceu con bo pé, pois xa sufriu varios atrancos. Imos ver se proximamente lle poñemos norte. E penso que será moi bo para a cidade de Ourense. De todas maneiras, aínda que sexa relevante, prefiro pensar en acabar primeiro cos vertidos aos ríos.