«Os criminólogos, como aconteceu noutros países, van ter que facerse co seu espazo»

T. M. SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

Guinarte, decano de Dereito da USC, di que outros profesionais están facendo o traballo dos criminólogos

04 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O actual decano de Dereito da USC, Gumersindo Guinarte, ten sido testemuña de parte do arduo traballo que supuxo converter Criminoloxía nun grao oficial.

-Á terceira, foi.

-Sempre pensamos que non tiña sentido non facer a transformación do título propio da USC nun oficial cando xa se impartía noutras universidades. Os alumnos que querían estudar Criminoloxía ou ían a outras comunidades ou, mentres foi posible, trataban de que se lle recoñecesen os estudos propios da USC noutras universidades.

-A televisión fainos relacionar a criminoloxía con, por exemplo, «Mentes criminais» ou «CSI».

-[Ri] A criminalística, as técnicas de investigación criminal, son unha parte da criminoloxía, que é algo moito máis amplo.

-Pero hai máis saídas.

-Hai saídas. O que sucede é que moitas das actividades profesionais que pode facer un criminólogo, como ata hai moi poucos anos en España non había oficialmente licenciados ou graduados en criminoloxía, están sendo desempeñadas por persoas con outra formación. Os criminólogos, coma noutros moitos países, van ter que facerse co seu espazo. Hai ámbitos desde Institucións Penitenciarias ata a seguridade en xeral, para oficinas de asistencia a vítimas, obviamente como membros dos corpos e forzas de seguridade do Estado, investigación privada... Hai moitos eidos nos que os criminólogos teñen de partida a formación máis completa, e é verdade que moitos deses labores están sendo desenvolvidos por outros profesionais, e por tanto eles van ter que competir e facerse co seu espazo.