Nava Castro: «No verán non queremos incrementar a presenza de turistas»

Sara Carreira Piñeiro
Sara Carreira REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

PACO RODRÍGUEZ

Aproveitar a cultura, a paisaxe e a gastronomía durante todo o ano é o obxectivo da directora de Turismo

02 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Nava Castro di sentirse moi orgullosa de ser a responsable do turismo de Galicia, porque esta terra, cre firmemente, é un paraíso. Por iso non dubida en pasear polos sitios hot, dende Santiago en xullo a Ferrol ou Viveiro na Semana Santa, no seu tempo libre. Agora, o seu obxectivo é ampliar a oferta galega para que os visitantes non se concentren no verán e se repartan ao longo de todo o ano; está segura de que, con todo o que Galicia ten que ofrecer, conseguirano.

-Está a rematar o verán. Que balance fai da campaña?

-Penso que estamos na consolidación do turismo, despois dun lustro de intenso crecemento. En xullo, que son os últimos datos que temos, aumentou un 5 % a estadía nos hoteis e un 2,5 % as tarifas, e iso é moi importante. É certo que non tivemos tantos visitantes como no mesmo mes do ano pasado, pero é que o 2017 foi un ano extraordinario. Se miramos máis atrás, nos últimos cinco anos, o 2018 está a ser o segundo mellor ano; creceron as noites neste tempo un 25 % con 1,1 millóns de pernoitas; os viaxeiros pasaron de 430.000 a case 500.000; tamén aumentou a estadía, e a ocupación media nos hoteis creceu trece puntos.

-Tampouco é necesario aumentar moito os turistas no verán, non? Galicia quere ser Levante?

-Creo que os casos das Cíes e das Catedrais demostran que podemos controlalo para conservar tanto o turismo como a nosa riqueza. Podemos aprender dos erros do pasado, e estou a pensar en Altamira. Aínda que este ano cremos que imos consolidar a cifra de turistas en cinco millóns, na tempada estival non queremos incrementar máis a presenza de visitantes. Os nosos obxectivos son potenciar as campañas de outono e primavera, para dar estabilidade ao sector todo o ano, cun turismo máis rendible e sostible.

-Estase a conseguir?

-Se falamos dos primeiros sete meses do ano, e facendo unha comparación co exercicio 2013, os incrementos son moi importantes: pasouse de 3,5 millóns de pernoitas no 2013 a 4,3 este ano; o número de viaxeiros está en 2,2 millóns fronte aos 1,8 de hai cinco anos; a ocupación media pasou dun 25 % a un 34; e a estadía media tamén medrou, de 1,3 noites a 1,95. E non podemos esquecer as tarifas, que son tan importantes, e que pasaron de 50,4 euros a noite a 56,2 nestes anos. Tamén nos fixamos, e moito, no turismo interno, o que facemos os propios galegos, e igualmente mellorou neste lustro, de 1 millón de noites a 1,2 millóns. Todos os indicadores din que o incremento é sostido ao longo do ano.

-É diferente o perfil do turista de xullo do que ten o turista de marzo ou outubro?

-Non é moi diferente. É un perfil totalmente distinto do que vai ao sur [de España]. O que vén a Galicia busca durmir fresco no verán, un turismo lento, experiencial. Iso serve para o verán e para outras épocas.

-Por onde pode crecer o turismo galego fóra dos meses de verán?

-Temos moito por explotar. Por exemplo, o turismo ornitolóxico, o avistamento de aves, que pode ofrecerse todo o ano e no que temos marcados os sitios. Tamén temos o turismo dos parques naturais, dentro da categoría de visitas activas e sostibles. E os entroidos, que imos presentar a vindeira semana, todos xuntos. Ou as rutas dos viños, porque hai que ofrecer alternativas aos visitantes, mesmo no verán: se un día hai mal tempo en Sanxenxo, sempre se pode facer un percorrido polas adegas. Estamos traballando para que haxa unha ruta polo Condado e polo Ribeiro. Teño claro que no sector turístico a ruta do viño vai ter un longo percorrido.

-Falando do viño, din que o libro «Todo isto che darei», de Dolores Redondo, o Premio Planeta 2016, e ambientado en parte na Ribeira Sacra, fixo máis polo turismo da zona que o que tiñan feito dende Galicia. Somos demasiado modestos e ten que vir alguén «de fóra» para poñer en valor o que temos?

-Que alguén recoñeza o noso sempre nos axuda a valoralo, non si? Xa ocorreu co The Way [unha película protagonizada por Martin Sheen sobre o Camiño] e hai outras cousas, como as candidaturas a Patrimonio da Humanidade das Illas Cíes e da Ribeira Sacra. Son cousas que axudan a situarnos no mercado, queremos de feito promocionar xuntas as Festas de Interese Turístico Internacional, como a Semana Santa de Ferrol e Viveiro, ou as de interese autonómico.

-Esa é outra. É doado facer promocións conxuntas? Non hai minifundismo e localismo dabondo?

-Non pasa nada por ir xuntos na promoción, porque cadaquén ten a súas cousas, e diso o sector vaise dando de conta. Eu noto unha gran diferenza con hai cinco anos: nesa época, cando queriamos facer por exemplo unhas xornadas de portas abertas nas adegas dunha zona, encontrabamos a moita xente remisa a participar; e agora todos veñen, apúntanse e ata abren o domingo.

-Así que os galegos traballamos xuntos e diversificamos a oferta. Onde temos que mellorar?

-Hai cousas. Por exemplo, non temos moi en conta a mobilidade dos visitantes: cando fixemos a xuntanza de clubes náuticos en Baiona, que é un turismo que nos interesa moito, dixéronnos que faltaba un teléfono ao que poida chamar a persoa que vén no iate para alugar un coche no mesmo porto. Imos aprendendo, e para iso temos que mirar os espellos: os diferentes Camiños van aprendendo do Francés; os dos viños, da Ribeira Sacra...

-Cales son as tendencias?

-Pois os chamados City break, que é pasar a fin de semana nunha cidade; as andainas, do que sabemos moito grazas ao Camiño; e cousas novas como a viñoterapia, por exemplo, que combina o coidado persoal coa gastronomía. Nós, como Administración, temos que atender ás tendencias para reportarllas ao sector, e tamén aos datos, claro.

-Para rematar, que turismo interior fai a directora de Turismo de Galicia?

-Sempre busco á familia no meu ocio, pero como turista aproveito os sitios de referencia, como a Semana Santa en Ferrol e Viveiro, onde hai xente, para saber como vai todo.