Caballero: «Será un pracer, cando sexa, debater con Feijoo e amosar que está espido»

Domingos Sampedro
domingos sampedro SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

Sandra Alonso

O líder dos PSdeG-PSOE di que o Goberno de Sánchez non tomou unha soa medida «que retrase un só segundo» o AVE a Galicia

12 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai xusto un ano, Gonzalo Caballero (Ponteareas, 1975) percorría as agrupacións socialistas para presentar a súa candidatura a un PSdeG-PSOE que agora dirixe. Hai cousas que mudaron na escena política, como o relevo na Moncloa, pero el segue a demorar a súa entrada en Parlamento.

-Vai aló un ano, que cambiou no seu partido neste tempo?

-Hai un ano estaba percorrendo agrupacións e este verán sigo a pé de país para estar en contacto coa sociedade e impulsar un proxecto que poda producir un cambio. É un traballo que facemos de forma constante.

-Para ser máis concretos, que mellorou no PSdeG neste ano?

-Penso que agora hai un partido revitalizado, recuperamos músculo político, presenza na rúa, melloramos a posición alí onde estabamos e tamén temos máis fortaleza dende o Goberno do Estado. En Galicia hai unha alternativa que avanza fronte ao PP.

-A inexperiencia de parte da dirección do PSdeG é un hándicap?

-Eu creo que temos unha magnífica dirección. É certo que configuramos unha dirección moi renovada, pero tamén se nos pide innovación, cambios, e todo o traballo estámolo a facer cunha relación moi fluída cos grandes piares do partido, os presidentes Laxe e Touriño, que nos aportan unha combinación moi boa de renovación e experiencias que sitúa ao PSdeG na vangarda.

-O mellor para revitalizar o partido é un secretario xeral a tempo parcial e un responsable de organización dedicado a xestionar pantanos do Miño?

-O que escoito é que había moitos anos que non había un secretario xeral tan pendente dos problemas do país. Estou visitando dous ou tres concellos cada día e manteño o traballo de docente universitario. A miña traxectoria heterodoxa e inconformista está completamente ao servizo de producir un cambio nas próximas eleccións autonómicas, porque ata o de agora a forma clásica de facer política serviu para darlle maiorías ao PP. Cando fun elixido non tiña responsabilidades institucionais e non a teño a día de hoxe, e iso, dende unha visión clásica da política, pódese ver como unha debilidade, pero eu enténdoo como unha fortaleza, porque aporta credibilidade nunha etapa de afastamento entre a política e a sociedade.

-Digamos que non se ve como un secretario xeral a tempo parcial?

-E que non é un traballo a tempo parcial, senón a maiores da miña labor na universidade. A política para min non é un mecanismo de ascenso persoal ou de mellora laboral, eu chego á política coa vida resolta e todo o que fago está ao servizo de producir un cambio en Galicia.

-E que me di de que o xefe do aparato do PSdeG estea ocupado en xestionar a Confederación Miño-Sil, é o máis idóneo?

-O responsable de organización deixa o Parlamento para centrarase na Confederación Hidrográfica porque iso é moi importante para a Galicia interior, pero vai compatibilizar esta labor institucional co seu cargo orgánico, igual que ocorre a nivel federal coas responsabilidades entre o Goberno e o partido.

-Vostede pode acceder ao Parlamento e non o fai e o responsable de organización deixa o seu escano. Pensa que non é importante o que se fai no Hórreo?

-O debate parlamentario por si só non chega para facer un proxecto de cambio en Galicia. A sociedade civil non está tan pendente do Parlamento como pode parecer, e o que máis me preocupa non é debater co resto das forzas políticas, senón coa sociedade. No Hórreo temos un grupo que funciona de forma axeitada e penso que ese labor é compatible co que podemos facer fóra.

-Haberá quen pense que teme ao desgaste que poden causar os cara a cara con Feijoo.

-O PP está convencido de que o seu poder é eterno, Rajoy pensaba iso e os socialistas retirámolo, e estou convencido de que o ciclo político de Feijoo está finado. Eu estou acostumado ao debate de ideas e será un pracer, cando sexa, debater con Feijoo e amosar que está espido e que esa imaxe de gran xestor é unha falacia construída pola febleza da oposición.

-Por que non marchou Feijoo a Madrid a liderar o PP?

-El saberá as razóns, pero a miña percepción é que coa súa historia persoal e co retroceso que está sufrindo o seu partido veu que non era capaz de facer un proxecto gañador ante Pedro Sánchez. Feijoo anunciou laiándose que non se ía a Madrid, o que amosa que lle gustaría irse.

-Para o PSdeG era mellor que marchara ou que ficara?

-Estamos preparados para calquera escenario e gañarlle a Feijoo, Rueda, Tellado ou quen sexa.

-Que lectura fai dos primeiros meses do Goberno de Sánchez?

-Hai un cambio de ciclo político que era necesario, porque había que poñerlle fin á etapa de Rajoy. O Goberno está encarando ben os principais problemas do país, cunha axenda social importante para que os efectos do crecemento cheguen a todas as persoas que o precisan. Vai haber goberno socialista para tempo, porque o resto da esquerda está desinchada e o PP e Ciudadanos andan desnortados.

-E ve espazo para o compromiso con Galicia?

-Creo que se están asumindo compromisos con Galicia que superan todos os que tiña feito o PP. Feijoo foise reunir con Pedro Sánchez e tivo que recoñecer que o presidente do Goberno incorporou todos os asuntos importantes para Galicia. El sabe que o PP está en caída libre e que ten que ter algunha estratexia salvavidas fronte ao PSOE, pero se opta pola confrontación e pon os intereses do PP por riba dos galegos, entón estará errando e non terá credibilidade.

-Que ocorrería si se retrasa algún prazo do AVE galego?

-A reunión mantida co presidente foi clara, o Goberno de Sánchez non tomou ningunha medida que retrase un só segundo a chegada do AVE a Galicia. Están traballando para que remate o antes posible e incluso Feijoo tivo que recoñecelo. 

«As mareas están aí porque acadaron máis votos, pero os socialistas temos xestionado mellor»

 Gonzalo Caballero explica como será a escolla de candidatos para as municipais, algo que o PSdeG abordará á volta do verán.

-Cando se abordará a elección de candidatos municipais?

-A idea é facelo despois do verán, pero o certo é que coa chegada dos socialistas ao Goberno de España mudou o escenario e agora hai máis marxe para tomar decisións.

-Serán candidatos por primarias?

-Aplicaremos o procedemento establecido, que pode incorporar algunha vía distinta ás primarias.

-Que farán na Coruña ou en Santiago para recuperar o peso que sempre tivo o PSOE?

-Nesas cidades tivemos alcaldías moito tempo e todo o que chegou despois foi peor. Temos que incorporar proxectos que falen de cada cidade, da súa visión estratéxica, que foi moi feble co PP e coas mareas.

-Está facendo autocrítica?, porque o PSOE investiu gobernos das mareas na Coruña e Ferrol.

-Os gobernos das mareas están aí porque acadaron máis votos que nós, pero os socialistas temos xestionado mellor. A nosa contribución foi para configurar gobernos de esquerdas, pero iso non impide que pensemos que cando o PSOE gobernaba esas cidades estaban moito mellor, porque había máis capacidade de xestión e planificación.

-Como valora que o delegado do Goberno en Galicia se convertera en branco das críticas do PP, máis aínda que vostede?

-O PP estaba afeito a controlar toda Galicia e agora ve que temos un PSOE máis forte con capacidade para cuestionar as súas políticas. O Goberno do Estado ten que defender a súa xestión e combater a visión sesgada que intenta dar o PP, e penso que Javier Losada dende a Delegación do Goberno cumpre moi ben este traballo.

-Ten razón Feijoo ao reclamar os 200 millóns que o Estado lle reten a Galicia polo IVE?

-O Goberno do PP xerou o problema da liquidación do IVE coa complicidade de Feijoo e agora o Goberno do PSOE está a resolvelo. Feijoo é consciente de que as enquisas non lle van ben ao PP e busca confrontar por réditos electorais.

-É dos que pensa que Pablo Casado vai durar á fronte do PP?

-Non vai durar a súa credibilidade, porque está lastrado por todo o referente aos seus estudos universitarios e ao seu mestrado. Non fago predicións porque quero ser respectuoso, pero é evidente que Casado está tan tocado como Cifuentes.