Os nenos do milenio toman o mando de Galicia

GALICIA

Martín Lorenz, Gabi Blanco, Edu Carro, Andrea Liñares, Inés Pose e Iván Caamaño, compartiron a súa forma de ver a vida con La Voz
Martín Lorenz, Gabi Blanco, Edu Carro, Andrea Liñares, Inés Pose e Iván Caamaño, compartiron a súa forma de ver a vida con La Voz VÍTOR MEJUTO

Tecnolóxicos, conectados, con conciencia social, pero cun futuro cheo de incerteza, os cativos do 2000 chegan á maioría de idade, pero como será a súa vida con 18 anos máis?

25 jul 2018 . Actualizado a las 14:16 h.

Edu Carro, Martín Lorenzo, Inés Pose, Iván Caamaño, Andrea Liñares e Gabi Blanco comparten con La Voz os seus soños e inquedanzas ante a etapa que están a piques de comezar. Estes veciños da localidade coruñesa de Arteixo representan á xeración que vai marcar o futuro da comunidade nos vindeiros anos.

Naceron cando todo ía cambiar. Os cativos do 2000 son, ou están a piques de ser, maiores de idade. Son rápidos, tecnolóxicos e informados, pero chegan á idade adulta coa carga que lles deixa a crise. Tamén sendo menos que xeracións anteriores. Máis de 100.000 mozos e mozas galegos teñen entre 15 e 19 anos. Son a metade menos que hai unha década. Inés, Andrea, Gabi, Iván, Edu e Martín, veciños de Arteixo, son os nenos do 2000. Para eles, un dos retos principais da idade adulta está na formación e no traballo. «Son poucos, o 40 % viven nas sete cidades máis poboadas. Estudan, están hiperconectados e as súas expectativas de transición á vida adulta son máis incertas e precarias que as dos seus pais», explica a profesora de Socioloxía da UDC Obdulia Taboadela. Todos teñen claro o que queren facer agora. Gabi, de 17 anos, e Edu, de 19, comparten estudos. Estudan un ciclo de hostalería. Van para cocteleira e barista.

«É unha rama con saídas. Eu quero traballar para así seguir estudando música. Un ámbito no que o futuro é moi incerto». A hostalería conquistou a Edu. «Agora búscase xente moito máis formada. Os que sabemos, estamos valorados». E que saben que a formación continua vai ser un dos seus grandes retos. «A aprendizaxe neste ámbito cambiante é máis necesaria que nunca. Ter unha base de formación técnica e tecnolóxica sempre terá aplicación. Dende as empresas deben empoderar aos empregados para ser os donos do seu proceso de aprendizaxe», explica Juan Antonio Rossell, director de Talento y Transformación de Everis.

Eles saben tamén que cada vez se lles esixe máis. Inés, de 18 anos, atopou o seu camiño fusionando as súas virtudes tecnolóxicas e artísticas. Quere ser deseñadora gráfica ou dedicarse aos videoxogos. «Coñecín por Internet a deseñadoras impresionantes. Teñen aí unha plataforma para amosar o seu traballo. De min valorarán o ser versátil, creativa e traballar en equipo».

VÍTOR MEJUTO

Gran presión formativa

Unha combinación que a todos lles presiona. «Pídesenos saber de todo. Eu estou estudando unha FP de carrozaría e enviei currículos durante dous anos para traballar a media xornada e nada», explica Iván, o maior do grupo. «Non podemos adquirir a experiencia que piden», conta Andrea, de 18 anos, futura educadora infantil. O mesmo pensa Martín, a uns meses dos 18. «A todos preocúpanos o traballo. Estudo sistemas microinformáticos e redes. Gústame e aproveitei que ten saídas». Todos estes mozos o mozas senten que van entrar nunha competencia caníbal. «As empresas buscamos talento e xuventude. A experiencia xa non se mide cun horizonte temporal. Importa a diversidade de roles, responsabilidades ou adaptación a contornas cambiantes», apunta Rossell. «O problema destes mozos non é de acceso á formación, senón ás oportunidades laborais e de construción da súa vida. Están baixo o paraugas da familia máis tempo. Ter unha longuísima mocidade ten máis inconvenientes que vantaxes». Todos desexan independizarse cedo. Hai gañas: os ingresos non os ven tan seguros. Tamén cren que 1.000 euros estarían ben coma primeiro salario. «A idea sería ir mellorando nas empresas», di Martín, que soña con mercar unha casa no campo.

A Edu, aínda que pensa en clave galega, non lle importaría marchar fóra para aprender. Mesmo quere ter o seu propio local de hostalería. «Non me fago ilusións. O que quero é saír da casa en poucos anos. Non se pode vivir cos pais a estas idades», di con só 19 anos. Gabi non o ve preto. «Os soldos e os pisos non van ao mesmo ritmo, así que penso que acabarei compartindo vivenda alugada». Taboadela pensa que «as credenciais educativas seguen a ser o mellor pasaporte para o ascenso social, pero os problemas do mercado de traballo afectan mesmo aos que teñen máis cualificación».

VÍTOR MEJUTO

E na familia? Pensan en ter fillos con 18 anos máis? Andrea e Iván si. Ela veo «moi lonxe». El descártao ata os trinta e pico. «Quero gozar da vida antes». Mentres, Inés, Edu e Gabi decántanse polo non. A un non lle gustan os nenos, outra o veo como unha «grande responsabilidade», pero tamén como algo que non poden nin pensar a estas alturas.

Perigo demográfico

«Hai que investir en políticas que aseguren apoio e cobertura ás familias para a crianza e aos novos para o seus progresos profesionais e persoais. O puntual non serve. Galicia é a comunidade con maior saldo vexetativo negativo», explica o demógrafo Carlos Ferrás, que fai unha proxección de futuro sobre as familias. «Imos cara ao envellecemento e as unidades familiares con menos membros e maior idade media. Teremos familias interculturais polos saldos migratorios positivos que coincidirá coa emigración dos galegos cualificados». Cambiará en 18 anos poñer o traballo por diante dos fillos? «Hai que desenvolver políticas contra a pobreza e a desigualdade e crear un marco contra a precariedade», apunta Taboadela sobre unha xeración con outra forma de consumir e relacionarse. Todos ven a televisión á carta ou empregan Internet. «Mercamos moito na rede, o que non atopas en tendas físicas», di Inés. «Eu son gótico e hai cousas que só hai on-line», apunta Edu. «E é o xeito de comparar prezos», engade Iván.

Nas redes tamén se informan e seleccionan máis que nunca. Andrea busca nelas información sobre a educación infantil, o seu futuro. «Vexo o que se fai na profesión». A Martín gústanlle os memes. «Despois indago de onde vén o tema». Gabi e Inés atoparon grandes oportunidades de coñecer xente. Instagram é a rede das redes para eles e cren que as plataformas sociais pervivirán na súa madurez. «En Instagram coñeces a moita xente: interactúas, fas enquisas co teu público. Eu sei de parellas que se coñeceron así», comenta Gabi, mentres Inés apunta que hai que ter precaución. «Hai moito intento de engano na rede». Así ven eles o mundo, por unha pantalla, aínda que soñan con viaxar cando teñan aforros.

Con isto conectan, non tanto coa política. «Simpatizo máis cos novos partidos, pero non me implico», apunta Iván. «Eu sei algo de política porque hai que estar informado, pero pouco», di Edu. A Andrea non lle interesa «nada», mentres que Iván matiza que iso non significa «que a nosa xeración no estea informada».

Tan ao día están que non se lles escapa a batalla pola igualdade. Edu pensa que a súa xeración xa non vai ter que seguir loitando, que o machismo e a desigualdade están nos maiores. Andrea nunca sentiu a discriminación, pero recoñece que coñeceu rapaces máis novos ca ela «con mentalidade dominante». O mesmo pensan da identidade sexual. «Parece que hai que poñer etiquetas: homes ou mulleres, como sentes. Cada un que sexa coma queira», sentencia Inés.