O Día de Galicia volve dividir aos partidos na súa reivindicación política

Mario Beramendi Álvarez
mario beramendi SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

XOÁN A. SOLER

O BNG izará a bandeira nacionalista o día no que Anova e En Marea irán separados

25 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Galicia conmemora hoxe o seu día máis grande nunha xornada na que as reivindicacións políticas, o rigor institucional e a devoción relixiosa volverán a convivir nas rúas da cidade de Santiago, inundadas tamén por miles de turistas. Isto é o que marca a tradición. E as divisións das forzas políticas da esquerda tamén forman parte dela.

Como organización nacionalista, o BNG de Ana Pontón chama a participar a todos os que sentan Galicia como un país. Farao cunha posta en escena que servirá para marcar distancias respecto a quen conformaron alianzas políticas con forzas cuxo centro de decisión está en Madrid. Esquerda Unida irá a Mugardos e Podemos a Sarria, pero o foco estará, sobre todo, non moi lonxe da praza da Quintana, onde Ana Pontón dará o seu tradicional discurso. Por segundo ano consecutivo, Anova e En Marea organizan actos por separado. Os primeiros estarán no compostelán parque de Galeras, onde está previsto que asistan Beiras e Martiño Noriega, e os segundos, con Luís Villares, organizan a súa festa nun parque que está a uns douscentos metros en liña recta, é dicir, ao seu carón.

O 25 de Xullo servirá así para escenificar as diferenzas existentes no chamado espazo de unidade popular. Por un lado, o partido instrumental, que se considera o paraugas común de todos e a organización lexitimada para incluír o conxunto de sensibilidades, e por outro, organizacións como Anova, que consideran que a dirección de En Marea está agora moi lonxe da pluralidade necesaria para representar o interese común.

Por outra banda, na comarca de Barbanza, en Rianxo, fronte ao busto de Castelao, os socialistas volverán celebrar o seu Día de Galicia, nun acto ao que asistirá Emilio Pérez Touriño e ao que volve por primeira vez dende o ano 2008. Alí estarán tamén Gonzalo Caballero, secretario xeral, e Xoaquín Fernández Leiceaga, portavoz.