Ana Pontón: «En Galicia hai máis conciencia nacional da que se transmite no voto»

A líder do BNG asegura que se en algo coinciden os galegos é en que o centralismo «é letal para este país»

«En Galicia hai máis conciencia nacional da que se transmite no voto» Entrevista a Ana Pontón, portavoz nacional do BNG

santiago / la voz

O próximo 25 de xullo cúmprense cincuenta anos da primeira celebración do Día da Patria. As vodas de ouro. E ao fronte do BNG está unha muller que aínda non nacera daquela. Ana Pontón (Sarria, 1977) chama a todos os galegos a participar.

-Que non mudou neste medio século para que siga vixente esa convocatoria?

-Galicia precisa ao nacionalismo para facerlle fronte aos seus retos como país. Temos recursos que non redundan no noso beneficio, como a electricidade. Segue a haber salarios máis baixos, pensións máis baixas, emigración. É evidente que necesitamos soberanía e ferramentas para mellorar a vida dos galegos.

-Non cre que hai sectores sociais que ven nesa mobilización un vestixio do pasado, unha añoranza dos tempos da Transición?

-Eu estou aquí, teño corenta anos, e non son un vestixio do pasado. Coma min hai moita xente nova, e non tan nova, que seguimos defendendo unha idea de rebeldía: que Galicia é unha nación, que existimos, que podemos mellorar por nós mesmos. Se hai algo que está de moda para transformar son os movementos das nacións sen Estado. Así que o que vexo eu é que o nacionalismo é modernidade.

-O BNG vén de pasar tempos difíciles. Como o ve de saúde?

-Un Bloque renovado, ilusionado, unido e, sobre todo, centrado no que lle da sentido á política: preocuparse do que lle pasa aos cidadáns e de poñer alternativas enriba da mesa.

-Esta situación de tranquilidade non é porque os que pensaban distinto están fóra?

-Nós temos debate, discutimos sobre alternativas, tácticas, sobre cal debe ser a liña. E o facemos dende a unidade como proxecto. Cando a temos semella que é un problema, e cando non parece que tamén. É bastante difícil acertar. A min dáme a sensación de que todo isto é como o machismo: critican ás mulleres cando levan saia longa, e tamén cando a visten curta.

-Qué está a facer o BNG para atraer novos votantes?

-Abrimos unha etapa nova, cunha organización que se renovou. Párame xente pola rúa e dime que me votou sen ser nacionalista. Temos que seguir gañando espazo, conquistar a todas esas persoas que teñen sentimento de país e non acaban de definirse como tal. En Galicia hai máis conciencia nacional da que se transmite no voto. Aí está o noso traballo: tarifa eléctrica galega, transferencia da AP-9, e máis cousas. Por primeira vez na historia, en toda a etapa de Feijoo non se transferiu nin unha soa competencia. Se en algo coincidimos os galegos é en que o centralismo é letal para este país.

-Como pensan recuperar o terreo perdido nas cidades?

-Somos a primeira forza en elixir candidaturas, e estamos a traballar non só en nomes, senón en proxectos. Os gobernos locais do BNG son marca de calidade, incluso con recoñecemento internacional, como Pontevedra.

-Non atoparon problemas de banquiño para armar as listas?

-Nós temos xente, e iso é un valor. Sen desmerecer a importancia das caras, nós estamos a propoñer un debate sobre modelo, de proxectos.

-Pode ser o BNG unha vítima da polarización do voto entre o PP e as mareas?

-Eu vexo que a polarización real neste país é a dun proxecto que funciona, como Pontevedra, referente fóra de Galicia, fronte a un modelo como o do PP en Ourense, que leva tres anos e non é capaz de aprobar uns orzamentos. É a cidade da parálise.

-Eu estaba a referirme, sobre todo, aos casos de A Coruña e de Santiago...

-O debate vai estar nos modelos. Cada un de nós temos a nosa cidade, pero se nos preguntaran onde nos gustaría vivir, alén dos afectos, moitos responderían que en Pontevedra: por calidade de vida, por oferta cultural. Esa é a polarización que lle interesa aos cidadáns.

-Escoitándoa a vostede xurde unha pregunta. Tan mal está Galicia?

-Somos un país fantástico, con enormes potencialidades. Pero temos un goberno que non ten proxecto. Se nos preguntamos que fixo Feijoo neste tempo, a resposta é nada. Eu podo estar en desacordo coas medidas de Fraga, que foi mal gobernante, pero aí está o Camiño, por exemplo. Gustarame máis ou menos, igual o faríamos doutro xeito. Pero que fixo Feijoo máis alá de privatizar e recortar a sanidade? Se lle vai lembrar polas fotos cun narcotraficante. Non hai proposta económica, nin de transformación social. Só se dan pasos atrás.

-Se é así, se non fai nada, como é posible que o vote tanta xente?

-Unha cousa é a lóxica electoral e outra a crítica racional. Os votos dan lexitimidade para gobernar, e iso non o discutimos, pero iso non anula a crítica política que lle poidamos facer. O PP utiliza constantemente ese argumento: como somos poucos, non podemos falar. E isto é unha emenda á totalidade á democracia.

-Eu falaba doutra cousa, da desproporción que hai entre un diagnóstico tan contundente, tan crítico, e o grao de respaldo social que ten Feijoo...

-Trump acaba de gañar en Estados Unidos, e iso non avala a súa política, nin creo que sexa beneficiosa para Estados Unidos nin para o mundo. En Galicia estamos peor que cando Feijoo chegou. Pero hai un relato moi ben construído por unha radio e unha televisión instrumentalizadas polo Partido Popular. Por iso propuxemos un concurso público na CRTVG.

-Cando estiveron PSdeG e BNG no goberno repartiron a tele e a radio pública. Non fixeron iso...

-No bipartito non vin venres negros nin dimitir presentadores. En calquera caso, o argumento do pasado non invalida que nós poidamos propoñer alternativas.

-Sempre se fala de se Feijoo vai repetir, vaise presentar vostede?

-Agora estamos traballando nas municipais, pero iso dirao a militancia do BNG.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
68 votos
Comentarios

Ana Pontón: «En Galicia hai máis conciencia nacional da que se transmite no voto»