Antón Gómez-Reino: «Queixouse Beiras? Nunca os deputados galegos tiveron tanta visibilidade»

O voceiro de En Marea no Congreso vén de participar como observador nas eleccións mexicanas

Gómez-Reino, nunha intervención no Congreso
Gómez-Reino, nunha intervención no Congreso

santiago / la voz

Logo de participar como observador nas eleccións mexicanas, Antón Gómez-Reino (A Coruña, 1980) encara ao longo desta semana a súa segunda etapa como voceiro de En Marea no grupo confederal Unidos Podemos.

-Na quenda do grupo de En Marea no Congreso correspóndelle de novo ser voceiro nunha lexislatura cando menos atípica, non?

-Hai que felicitarse de que dunha vez por todas esta lexislatura se defina nun marco que xa non é bipartidista, que é un marco que se parece máis á sociedade galega en particular e a sociedade española en xeral. Vimos de dous anos moi difíciles con recortes e coa corrupción dun Goberno do Partido Popular que, evidentemente, era insostible e prexudicial para as maiorías sociais. Agora ábrese outro momento diferente, un momento non sei se diría de esperanza, pero si de alivio.

-Satisfeito co papel de En Marea no grupo confederal?

- Creo que o grupo confederal é un experimento máis que satisfactorio e unha aposta que tamén é unha foto en movemento da pluralidade da sociedade dun estado plurinacional como o español. Diría que En Marea non é soamente unha peza, é unha peza fundamental no grupo.

-Sen embargo, no plenario de En Marea, Beiras queixouse pola falta de visibilidade do grupo.

-Dixo iso Beiras? Eu penso que é máis que evidente. Por poñer números enriba da mesa: 19 proposicións de lei, 79 proposicións non de lei, seis interpelacións urxentes no Congreso e preguntas orais ao Goberno en pleno. Eu creo e diría, se non me equivoco, que nunca os deputados galegos tiveron tanta visibilidade. Sen deixar de ser autocríticos, que todo traballo é mellorable, pero penso que todos os deputados e a senadora de En Marea levamos temas absolutamente centrais; Alexandra, as infraestruturas; Miguel Anxo, cultura; Yolanda, o que ten que ver coa axenda social; eu, en materia internacional e no ámbito dos sectores produtivos do país, e Pam, os asuntos que agora mesmo están no centro do debate político, como son o feminismo e a igualdade.

-Lamentou que Pablo Iglesias se esquecera de Galicia no seu discurso na moción de censura?

- Pablo Iglesias nomeou en diferentes momentos dese discurso a Galicia. Nese intre, os grupos parlamentarios do Congreso estaban a debater sobre Cataluña e o País Vasco, non sobre Galicia. Creo que é máis que evidente o compromiso público e político no día a día de Pablo Iglesias e do conxunto de Podemos para con Galicia, en particular, e para a proposta plurinacional, en xeral.

-Mellorou a súa relación con Carmen Santos?

-Non é o momento de falar do traballo da secretaria xeral en Galicia, hai canles internas para facelo. Creo que a receita para calquera militante e para calquera dirixente de Podemos é traballar para poder mellorar a organización cara a dentro e para darlle visibilidade cara a fóra, e que tamén se saiba implicar no conxunto do espazo do cambio en Galicia, onde hai outros actores fundamentais e actores fraternos cos que construímos politicamente cada día.

-Nega vostede, como ela, ser de En Marea?

-É evidente que son deputado dunha coalición electoral que se chama En Marea, que foi segunda forza política con resultados históricos en Galicia, e é coñecido que procedo do activismo, dos movementos sociais e fun fundador e promotor da Marea Atlántica e tamén unha das persoas que fundou Podemos Galicia. O fundamental non é o nome ou as siglas, senón a ferramenta e o espazo político.

-Está inscrito en En Marea?

-Son inscrito de En Marea en Galicia e son inscrito de Podemos no estado.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Antón Gómez-Reino: «Queixouse Beiras? Nunca os deputados galegos tiveron tanta visibilidade»