José Dorado: «Por desgraza, Galicia necesita agora máis xeriatras que pediatras»

Lucía Rey
lucía rey VIVEIRO / LA VOZ

GALICIA

PEPA LOSADA

O pediatra do centro de saúde de Viveiro apunta a que en Mallorca ou Madrid máis do 40 % das prazas de pediatría están ocupadas por outros especialistas, fronte ao «vinte e pico» de Galicia

07 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Máis de catro décadas exercendo -os primeiros anos no Hospital de Santiago e os últimos 38 no centro de saúde de Viveiro-, outórganlle ao pediatra José Dorado Díaz (Vilalba, 1952) unha grande experiencia na asistencia médica, e unha interesante visión sobre o déficit de pediatras que rexistra a comunidade galega. «É un problema xeral de toda España, non só específico de Galicia», apunta, e afirma que en Mallorca ou Madrid máis do 40 % das prazas de pediatría están ocupadas por outros especialistas, fronte ao «vinte e pico» de Galicia.

-A propia Xunta recoñece que é incapaz de conseguir pediatras para cubrir a demanda, especialmente en atención primaria...

-Todo é mellorable, pero a mellor non creo que vaia. Nos países do noso entorno, como Francia ou Inglaterra, non existe a pediatría ambulatoria. Para ver a un pediatra, [as familias] teñen que pedir vez e ir a un hospital, que é onde hai esa asistencia, e ademais hai que pagar polas urxencias, cousa que aquí non. Nese aspecto a nosa medicina é modélica. Agora tamén temos o programa Neno San, a pediatría atende ata os 14 anos, cando antes só o facía ata os 7, e cada pediatra ten unha enfermeira especializada. O nivel de asistencia é moito mellor que hai 20 anos. Veremos o que dura, iso é outra cousa porque non sei se a economía do país o permitirá. Nacen moitos menos nenos que xente morre e, por desgraza, Galicia necesita de forma inminente máis xeriatras que pediatras.

-¿Cal podería ser a solución?

-Importar especialistas sen títulos homologados de mi, como fixeron noutras comunidades, é ilegal. E, se traemos xente de fóra, os nosos titulados non van ter traballo porque sobresaturaremos o mercado. Que na convocatoria mir do ano que vén Galicia pedise 26 prazas en lugar de 20 ou que aos pediatras nos permitan xubilarnos aos 68 ou aos 70 anos son medidas que tratan de mellorar a situación.

-¿Como se organiza a atención pediátrica en Viveiro, que no verán multiplica a poboación?

-Nesta área, que cobre Viveiro, Ourol e O Vicedo, debe haber unhas 1.800 cartillas pediátricas, e somos dous pediatras, polo que cando falta un acostuma quedar o outro. Nun día normal, entre revisións, urxencias, controis... podemos ver entre 25 e 30 nenos, aínda que os luns, por exemplo, acostuma haber máis. E no verán esa taxa aumenta, pero non se exacerba tanto como se podería pensar, porque chega menos poboación pediátrica que hai dez anos. O que hai é moita xente maior. Podemos chegar a unha media diaria de 40 nenos, que é bastante, pero non é desorbitado. Ademais, desde o 15 de xullo temos un médico de desprazados de reforzo que cobre a poboación pediátrica a partir dos 2 anos.

-¿Como comezou o verán?

-Non fai falta ser médico para ver que no verán hai menos incidencias de enfermidades que no inverno. Nesta época hai sobre todo gastroenterites, procesos dermatolóxicos por picaduras de insectos, algún proceso infeccioso..., pero os procesos catarrais diminúen, aínda que este ano seguimos véndoos.