Xosé Constenla: «Os incendios forestais son o síntoma dun territorio enfermo»

O xeógrafo e profesor universitario vén de gañar o premio Ramón Piñeiro de ensaio co libro «O colapso territorial en Galiza»


santiago / la voz

No tempo libre dedícase á música, e leva xa catro discos. Pero a vida profesional de Xosé Constenla (Santiago, 1980) atópase nos mapas de Xeografía, disciplina da que imparte clases nas universidades de Vigo e León e pola que acaba de gañar o premio Ramón Piñeiro de ensaio co libro O colapso territorial en Galiza (Editorial Galaxia), que se presenta hoxe (19.30 horas) na libraría Couceiro, en Santiago.

-Qué é o colapso territorial?

-A idea de colapso está no maxín da xente. Ao igual que as veces atoan as urxencias nos hospitais ou nas autoestradas, tamén o territorio deixou de funcionar, porque as diferentes pezas que o conforman, as aldeas, os montes, as vías de comunicación, deixaron de cooperar unhas coas outras e comezaron a competir.

-Por que deixaron de funcionar?

-Pola introdución das leis de mercado e a mercantilización do territorio. Antes, un paisano tiña unha terra e dedicábase a cultivala, para iso era; pero coas leis do mercado, sobre todo a partir da lei do solo de 1956, xérase a expectativa do valor de cambio. Entón esa parcela ao mellor xa non se cultiva, abandónase e comeza a verse como un solar. E nunha terra tan fragmentada como a nosa, iso xera especulación.

-Entón o abandono do rural ten algo que ver co colapso?

-Por suposto. O colapso territorial ten unha serie de síntomas, e cando falamos do abandono non é tanto a causa do colapso, senón a consecuencia do que David Harvey chama acumulación por desposesión, é dicir, que nos mercados hai interese en rachar o vínculo co territorio para poder acumular riqueza.

-Como se corrixe isa situación?

-O colapso é inxestionable por parte dos poderes públicos, nin o keynesianismo nin o liberalismo van ser capaces de reverter a situación, porque foron os causantes de converter o territorio nunha despensa ilimitada.

-Entón?, porque a resignación non parece unha boa receita.

-O que temos é a oportunidade de facer un cambio mental, deixar de pensar en termos de rendemento económico e pensar tamén no rédito social ou ambiental. Os economistas ou sociólogos falan da idea de desenvolvemento, de progreso, como se fora ilimitado, pero os xeógrafos pensamos en clave espacial, en como subtraer o territorio da lóxica mercantil. Dirá como? Pois convertendo o territorio nun suxeito político e dándolle dereitos.

-Que tipo de dereitos?

-Nas constitucións de Ecuador ou Bolivia figura xa o dereito da natureza, por exemplo, que di que por riba das necesidades humanas hai que garantir a vitalidade da natureza, con discriminación positiva cando os intereses humanos baten cos ecolóxicos. Boa parte do colapso prodúcese por rachar o vínculo co territorio, por ir dun lado a outro descoñecendo a súa lóxica, e hai que reconstruír esa relación.

-Por que arde Galicia cada ano?

-Os incendios forestais son o síntoma dun territorio enfermo, igual que o despoboamento, a turistificación dalgunhas zonas ou a diseminación de urbanizacións por calquera parte. Un síntoma de que o territorio só interesa en termos de produtividade é que, cada vez que o queiman, sempre hai alguén que gaña cartos, alguén que está acumulando por desposesión.

-Pois dígao, quen gaña?

-Nalgún caso poden gañar as empresas madeireiras, noutros a malla de propietarios que non coidan o seu, e mesmo as empresas de extinción dos lumes ou colectivos que actúan sobre o territorio. E iso, unido ao déficit de ordenación do territorio, xera una situación ingobernable.

-Que cambio habería que facer para que Galicia non arda?

-Á marxe de que o mapa municipal constrinxe e non é útil para coordinar a ordenación do territorio con sentido de país, penso que deberiamos empezar a cambiar o xeito de ensinar Xeografía nos colexios.

-Xa non é útil aprender as capitais ou os ríos?

-Si, pero hai que ir más aló, á observación e experimentación no eido local. Hai que coñecer o río máis próximo e entender por que se desborda, hai que falar dos lumes. Non creo que haxa moitos colexios que dedicaran a clase de Xeografía a observar unha zona queimada, pero iso é fundamental para reconstruír o vínculo co territorio e que no futuro se xestione isto doutro xeito.

-Todo iso está ben, pero non apaga os lumes no verán.

-Claro que non, por desgraza. Por iso tamén apuntaría medidas de urxencia para o inmediato, das que tivemos a oportunidade de debater na xornada sobre lumes organizada por En Marea no Parlamento. Falo do prioritario, que é salvar vidas e bens nos incendios forestais, e por iso o primeiro é formar á cidadanía, á policía e protección civil sobre evacuacións, tamén hai que prever zonas de auga e captación e, por último, é necesario darlle carácter público aos medios de extinción e, sobre todo, que estean coordinados.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
23 votos
Comentarios

Xosé Constenla: «Os incendios forestais son o síntoma dun territorio enfermo»