O exdeputado do PSOE e alcalde de Becerreá defende o seu soldo no ente da Deputación e carga contra os seus excompañeiros por facerlle «a cama»
31 may 2018 . Actualizado a las 12:26 h.Manuel Martínez leva tres anos nunha treboada política que parece que non vai escampar, e menos cando queda un ano para as eleccións, nas que liderará unha lista independente no seu concello e se fará querer por outras opcións, incluída a de Ciudadanos, aínda que este partido onte foi claro: «Comportamentos como o de Martínez nunca terían cabida no noso partido». Unha vez que Darío Campos o expulsou do goberno da Deputación de Lugo, agora o PP apoia que cobre 57.000 euros como presidente da sociedade urbanística provincial Suplusa.
-É ético cobrar esa cantidade?
-Ata hai uns meses estaba cobrando esa cantidade como vicepresidente e o PSOE estaba encantado de pagarme. Eu non estou na política por cartos, podo cobrar de mestre, teño os anos para poder xubilarme e son alcalde de Becerreá. O que vou cobrar en Suplusa, se finalmente se aproba, é legal. É unha sociedade mercantil na que fixen un traballo, e queda moito por facer. E, por certo, no 2015 Besteiro chegoume a ofrecer, en vez da presidencia da Deputación, ser xerente de Suplusa e cobrar 90.000 euros. Xa ve, 30.000 máis que agora.
-Síntese traizoado polo partido no que milita desde 1978?
-Enganado, utilizado e ninguneado. Cada un terá unha imaxe miña, pero eu cumprín escrupulosamente co partido e cos acordos asinados. Son un animal que tropeza dúas veces coa mesma pedra. Creo que formo parte dunha xeración do PSOE que cría na lealdade e o compromiso, pero agora hai unha terceira xeración de social-arribistas que chegaron con todo feito e que están a ver que poden conseguir e como poden aguantar. Darío Campos está a ser utilizado, como un monicreque. É unha persoa sen carácter, non cumpre cos acordos.
-É consciente de que para moitos vostede é a vella política e que hai que dar paso a xente nova?
-Imaxino que podo dar esa imaxe, pero, mire, en xuño do 2015 conseguín o apoio da executiva provincial e dos deputados que logo me venderon e que me utilizaron. Na miña lista para presidir a Deputación ía o que hoxe é secretario xeral do PSOE en Lugo [Álvaro Santos, hoxe inimigo político], pero acabaron utilizándome a min ou a Santín, un político prometedor e honrado. Fixéronnos a cama.
-Vai seguir en política e non descarta unha lista provincial.
-Voume presentar como independente por Becerreá, porque o que teño claro é que non me quero de xustillo de ningún partido político. Outra cousa é que, se hai unha agrupación de independentes que opten a unha candidatura provincial, poida sumarme. Os alcaldes de Chantada e Monterroso teñen en marcha esa idea nun partido xudicial e optan a un deputado, pero habería que ver se en Lugo se crea outra.
-Pero non dan a sensación de ser cabreados dos partidos...?
-Eu non estou cabreado, nin sequera co PSOE. O que non vou facer é ir polos concellos quitándolle xente ao PSOE. Non teño tanta carraxe como se quere vender. Se hai xente do PP ou do PSOE cabreada, benvidos.
-Non ten bo concepto de Pedro Sánchez. Mañá votaríalle si na moción de censura contra Rajoy?
-Si, si, e que ao PSOE non lle quedaba outra saída. España necesita un Goberno que tome decisións e claro que votaría si.
-Segue sendo socialista?
-É que non é unha cuestión de carné, senón un sentimento. Defenderei aos desfavorecidos e a igualdade de oportunidades.