Francisco Dans: «Non se pode cargar aos propietarios do monte co peso da prevención do lume»

Serxio González Souto
serxio gonzález VILAGARCÍA / LA VOZ

GALICIA

MARTINA MISER

A Asociación Forestal de Galicia apoia a manifestación do 3 de xuño contra as medidas da Xunta, cuxo custe avalía en 50 millóns de euros

27 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A Asociación Forestal de Galicia agrupa a dous milleiros de propietarios de montes, entre os que se atopan 280 comunidades en man común. A entidade, que onte celebrou a súa asemblea en Vilagarcía, debateu en profundidade as normas de prevención do lume implantadas pola Xunta logo da devastadora vaga de incendios do outono. O seu director considéraas inxustas e inviables.

-Que teñen de malo?

-En primeiro lugar, que non atacan a verdadeira razón do problema e, en troques, cargan os propietarios do monte co peso da prevención do lume, algo que non se pode facer. Por iso apoiamos a manifestación do domingo que vén en Santiago, convocada por organizacións sociais vinculadas ao eido rural. Somos un sector con xente moi capaz e boas ideas, pero semella que nós camiñamos cara a un lado e a Administración vai por outro.

-Por que arde o monte?

-Ben, en primeiro lugar hai que subliñar que non é un problema homoxéneo en toda Galicia, ao que se lle poida dar a mesma resposta. Os grandes incendios prodúcense nos mesmos sitios que hai cincuenta anos. Nos macizos do interior de Ourense e Pontevedra e en bisbarras coma O Barbanza. No resto do país estamos en números equiparables aos do resto de Europa. Por que arde? O abandono do territorio conduce á selvatización do monte e dos terreos agrícolas. Isto é gravísimo e, unido a un mal uso do lume, en ocasións intencionado, e a condicións de tempo desfavorables, da este resultado.

-Que facer, entón?

-Claro que son precisos cintos de seguridade, medidas de prevención e de control da maleza. Pero non a costa dos propietarios, aos que se nos esixen limpezas de por vida e servidumes de milleiros de hectáreas que, polo baixo, custarían uns 50 millóns de euros. E todo iso sen axudas nin accións complementarias. Falta organización, políticas axeitadas, incentivos para crear un espazo atractivo para o investimento. Non se pode dispor de recursos alleos sen compensacións.