O PSdeG reclama no Congreso 600 millóns máis de inversión en Galicia

Francisco Balado Fontenla
fran balado MADRID / LA VOZ

GALICIA

Presentan emendas para corrixir o mal trato dado por Rajoy nos Presupostos

17 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Seiscentos millóns de euros máis de inversión en Galicia nos Presupostos Xerais do Estado (PXE). É o que reclama o PSdeG, que presentou unha batería de emendas parlamentarias coas que pretende que se pase dos actuais novecentos millóns de euros que asignan no documento confeccionado polo Goberno, que confía aprobalos a próxima semana, ata os arredor de 1.500 millóns.

Este foi o principal motivo que levou onte a Madrid ao secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, que se reuniu coa portavoz do PSOE no Congreso, Margarita Robles, o secretario xeral do grupo na Cámara, Rafael Simacas, e a vicesecretaria do PSOE, Adriana Lastra.

Na xuntanza tamén estiveron presentes a maioría dos deputados galegos do seu partido. Os que non puideron asistir á cita por problemas de axenda aproveitaron o xantar para intercambiar opinións co líder dos socialistas en Galicia. Segundo comentou o propio Caballero, a postura dos deputados socialistas durante as votacións, que presumiblemente se desenvolverán ao longo do martes e o mércores da vindeira semana, non pode ser outra que a dun non rotundo á proposta do Goberno. Denuncia a inexistencia «dunha prioridade social», a carencia de calquera tipo de iniciativa para a transformación «do modelo produtivo do país» e tamén a falta de repercusión da recuperación económica a niveis macro nos petos das familias e dos cidadáns, é dicir, «a falla dunha axenda social».

No PSOE asumen que o PP logrará sacar adiante as súas contas para o 2018 grazas aos pactos con Ciudadanos, o PNV e os partidos nacionalistas de ámbito canario, pero confían en que as emendas, aínda que presumiblemente serán rexeitadas pola maioría da Cámara, non caerán en saco roto, xa que posteriormente poden ser reutilizadas ou recicladas nalgunha proposición non de lei.

A postura oficial de Ferraz cos Presupostos é un non rotundo. Desde un primeiro momento negáronse con firmeza a colaborar, escudándose no déficit de gasto social neles, polo que denuncian que son unhas contas malas para España. Pero Gonzalo Caballero lamenta que estas contas son especialmente malas e prexudiciais en clave galega. «Rajoy, galego, ten as súas prioridades fóra de Galicia», lamenta. Denuncia que mesmo durante os peores anos da crise, sempre que houbo un socialista na Moncloa foron adxudicados preto de 1.500 millóns de euros á comunidade.

Serios e rigorosos

Facendo gala do seu perfil de economista -compaxina as súas obrigacións á fronte do partido co seu traballo de profesor na Universidade de Vigo-, Caballero defende que as emendas que expresaron desde o seu grupo en clave galega son froito dun traballo rigoroso, «ben presentado, con fórmulas de financiamento, fronte a outras forzas emerxentes que propoñen unhas cuantificacións de difícil realización», manifestou, en referencia a Podemos.

Ademais, desde o PSdeG tamén denuncian «unha campaña de mercadotecnia de Rajoy e Feijoo», en moitas ocasións edulcorada «con visitas a Galicia do actual ministro de Fomento», que consisten en presentar inversións fóra dos Presupostos sen prazo, polo que non as considera cribles. Entre elas, a do enlace da AP-9 coa Cidade da Cultura en Santiago, a da conexión do AVE a Lugo ou a da nova autovía entre Vigo e O Porriño.