«Hai determinados youtubeiros que están poñendo de moda substancias tóxicas»

Lucía Rey
lucía rey BURELA / LA VOZ

GALICIA

PEPA LOSADA

Maite Lanza Méndez, traballladora social, destaca que cada vez están atendendo máis menores de idade con adición ao cánnabis

17 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

As novas tecnoloxías, e especialmente o seu uso indebido, están detrás de moitas das prácticas de risco e adicións nas que están caendo hoxe en día moitos adolescentes de Galicia en xeral e da comarca da Mariña en particular, como explica a traballadora social do Centro de Drogodependencias de Burela, Maite Lanza Méndez (Burela, 1972).

-Cal é a situación actual?

-Duns meses a esta parte, nós notamos un aumento da demanda de tratamento por cánnabis en xente moi noviña, de ata 14 ou 15 anos. Proceden de núcleos bastante poboados da comarca, pero tamén de municipios máis pequenos, porque os nenos desprázanse aos institutos ou saen de festa nos sitios máis grandes. Ademais, o acceso ás novas tecnoloxías tamén dá entrada a substancias e outras condutas de risco, como ludomanías, apostas... Estamos encontrando pacientes moi novos con este tipo de problemáticas. E en menores de idade está crecendo o consumo de tabaco, que era unha substancia que hai un tempo practicamente desaparecera en xente tan nova.

-A que se achacan eses consumos abusivos?

-O que nos trasladan os rapaces novos é que hai determinados cantantes e youtubeiros que están poñendo de moda substancias tóxicas, como os cigarros electrónicos ou vapeadores, por exemplo. Dan unha información que non é correcta porque falan sobre os beneficios de fumalos, dando a entender que non son tan nocivos coma o tabaco. Pero as substancias que levan tamén son tóxicas. Tamén se está fumando moito en cachimba, coma se fose menos prexudicial, cando a concentración que leva unha recarga equivale a un paquete de tabaco. 

-En todas esas modas que se fan masivas ao seren difundidas pola Rede, que papel xogan o consumo de alcohol e o botellón?

-Seguen existindo. E non só preocupa o botellón, xa que tamén hai locais que permiten o consumo a menores, aos que atraen con ofertas de fantásticos chupiños de cores, sabores... O alcohol está presente en moitas adicións, e hai ata un consumo lúdico de codeína. Estamos encontrando moitos tipos de abuso.

-Como acceden os rapaces ás substancias?

-As cachimbas, por exemplo, véndense tanto en estancos como en bazares. Co cánnabis hai un montón de xente traficando, e está a un prezo moi baixiño, accesible para moitos adolescentes. A codeína só se vende en farmacias, pero atópase nos xaropes para a tose, que mesturan con refresco e ata con larpeiradas.

-Semella que as campañas de prevención non son efectivas...

-Nestes momentos hai moi poucas. E logo pasa unha cousa: ou están moi ben estruturadas ou os rapaces interprétanas como lles interesa. Se un especialista lles explica como lles pode afectar o consumo dunha substancia, pensan que se consomen outra o risco é menor. Hai que ter en conta que a adolescencia é unha etapa complicada, na que os mozos queren investigar e pescudar por si mesmos, pensan que por probar non pasa nada...

-Que consecuencias teñen eses consumos?

-Os rapaces novos teñen máis riscos que os adultos porque os órganos non acabaron de formarse. A esas idades os pulmóns, o fígado, o cerebro... están aínda inmaturos e os efectos que ten o consumo de substancias tóxicas son aínda peores. E por outra parte están as intoxicacións, que se producen moi rápido.

-Podería recordar algúns dos efectos para a saúde?

-O cánnabis é un perturbador do sistema nervioso central. Un dos primeiros efectos é a perda de memoria e de concentración, pero tamén a síndrome amotivacional, polo que perden as ganas de todo. Un texto que memorizaban en 15 minutos pasa a levarlles hora e media. O alcohol pode provocar adición, ata o punto de que non saiban saír sen beber, pero tamén intoxicacións que poden acabar en coma. Os adolescentes cren que o coma etílico é un mito que non existe ata que lle pasa a algún amigo e levan un susto tremendo. E a mestura de whisky, ron ou xenebra con bebidas enerxéticas como Monster ou Red Bull é terrible. Provoca situacións de taquicardia e malestar, e camufla a intoxicación ata que está moi avanzada. O tabaco provoca desde dificultades para render a nivel deportivo, porque as vías respiratorias non responden igual, ata enfermidades graves a nivel respiratorio.

«Moitos consumos están asociados ao fracaso escolar e ao abandono da práctica deportiva»

Dúas psicólogas, un médico, un enfermeiro, un auxiliar de enfermería e unha traballadora social ofrecen atención psicolóxica, sanitaria e social aos pacientes do Centro de Drogodependencias de Burela. Cando se trata de menores, as intervencións son distintas. «Na terapia que se lles ofrece aos menores sempre teñen que vir acompañados polos pais ou por titores, que teñen que firmar unha autorización de tratamento e asistir ás terapias con eles», detalla Maite Lanza. A diferenza do que ocorre cos adultos, onde ás veces hai que pautar tratamentos farmacolóxicos, cos menores as terapias adoitan ser doutro tipo. «Incídese máis nas pautas educativas e de control familiar que no consumo», sinala a traballadora social.

Unha característica é común na maior parte dos casos: «Moitos consumos están asociados ao fracaso escolar e ao abandono da práctica deportiva», sinala a especialista.

-Que papel xogan os pais?

-É cuestión de permisividade no tempo libre. É certo que non podemos estar as 24 horas do día cos fillos, pero temos que ter un control de horarios, de actividades... mesmo das redes sociais, que se deberían supervisar. Canta máis ruada sen control hai, máis posibilidades de consumo.