«A enfermidade que máis nos preocupa é o sarampelo»

GALICIA

Galicia pode presumir de boas novas no tema da vacinación.

16 may 2018 . Actualizado a las 07:38 h.

Galicia pode presumir de boas novas no tema da vacinación. A cobertura no calendario infantil é moi alta e en adultos, coa creación hai case un ano dun calendario, aumentaron as taxas. Pero, di Xurxo Hervada, «somos cautos».

-A cobertura infantil é moi alta en Galicia, dun 97 ou un 98 %, pero que pasa con eses centos de nenos que non se vacinan?

-En Galicia os datos que damos son os rexistrados hai un pequeno número de nenos que se vacinan e non se rexistran, por exemplo porque nese momento non funciona o sistema e non poden introducir os datos, e logo sabemos que hai algunha porcentaxe, que supoñemos é pequena, poida que dun 1 %, de familias que teñen un certo non diría rexeitamento, pero si unha mínima desconfianza cara ás vacinas.

-Ou que nin se preocupan.

-Exactamente. Non seguen a pauta de vacinación, e ao mellor cando hai que levar ao neno ao pediatra, que no primeiro ano de vida faise bastante porque adoitan ter catarros ou outras patoloxías, se hai febre non é aconsellable vacinalos, polo que se non volven queda aí esa pequena porcentaxe. Pero se se mira o calendario aos tres anos, as cifras que nos saen son do 99 %. Ás veces no primeiro ano hai perdas, e os nenos vacínanse máis tarde porque os pais pensan que son moi pequenos, aínda cando non é verdade, porque sempre se poñen as vacinas cando máis benefician.

-Detectan casos de enfermidades que levaban anos sen aparecer?

-Non, afortunadamente. A enfermidade que máis nos preocupa é o sarampelo, pola facilidade de difusión que ten e pola cantidade de casos que está habendo en países de Europa, mesmo houbo un abrocho en Portugal. Pero non, non tivemos, o último caso segue a ser o do 2011 e non apareceu ningún máis, e aínda así somos cautos. Sabemos que se aparece algún caso non podemos ter moito problema, pero que apareza é factible.

-É partidario da vacinación obrigatoria como se impuxo noutros países?

-Non, na situación na que está Galicia non estamos a favor, porque a vacinación, pese ao ruído que fan os antivacinas, segue a ter unha aceptación moi boa. É mellor seguir traballando en convencer á xente e non facela obrigatoria, o que pode provocar un rexeitamento á imposición. Se estiveramos na situación de Italia e Francia, cun 60 % de cobertura, si se podería discutir, pero na situación actual non. Si que pensamos que debemos mellorar no traballo de vender as bondades das vacinas, porque cando non existe a polio, alguén pode pensar que por que se vai protexer se non coñece a ninguén ao seu redor que a teña. Pero se mil fixeran iso, teriamos un problema.