Eduardo Meilán, un bo e xeneroso galego

Xurxo Martiz

GALICIA

Kopa

Foi presidente da Irmandade Galega de Venezuela entre 1985 e 1987

15 may 2018 . Actualizado a las 10:35 h.

Contaba Eduardo que el era un dos emigrantes que máis veces celebrara o seu aniversario fóra de Galicia. En 1947 marchara coa nai a Venezuela vivir co pai. En 1947 chega a Venezuela, acollido polo presidente Rómulo Gallegos, o guieiro espiritual e político de Eduardo: Xosé Velo, nacionalista galego, mestre precursor en Venezuela do nacionalismo galego entre o exilio económico que chegaba a miles desde Galicia.

Non existía conversa na que Eduardo non mencionara a Velo, desde que este lle dixera que «o galego máis importante que parira Galicia era Castelao» nunha das moitas conferencias de divulgación de Velo entre a colectividade galega de Caracas. Eduardo viviu todo o proceso de unión entre os tres centros galegos de Caracas, unión nacida do maxín do propio Velo, que resultaría na actual Irmandade Galega de Venezuela, hoxe a sociedade de galegos máis numerosa e importante do mundo, da que o propio Eduardo chegou a ser presidente entre 1985 e 1987 e vicepresidente entre 1971 e 1972.

Eduardo foi o meu substituto como profesor de Cultura Galega no colexio Castelao de Caracas, con 72 anos. Coma min, fixérase patriota galego viaxando e contárame que fixera súa a lingua galega por un golpe na conciencia cando, de mozo, leu no xardín de San Carlos o poema de Rosalía Na tomba do xeneral inglés Sir John Moore e se decatou de que non era quen de entendelo; nese momento decidiu facer súa a identidade que lle tiñan prohibido. Eduardo Meilán, un bo e xeneroso galego. «E non tornou, que a morte / segouno alí nos estranxeiros campos, / cal frol que cai onde a semilla súa / terra n’atopa en que arraigar poidera».

*Xurxo Martiz é autor de varios libros sobre o exilio en Venezuela