Antonio López: «Temos unha primeira idea clara: cambiar a forma de tomar decisións»

Tamara Montero
tamara montero SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

SANDRA ALONSO

O reitor electo da USC pedía na súa campaña un cambio

24 abr 2018 . Actualizado a las 07:22 h.

Antonio López pedía na súa campaña un cambio. E a Universidade de Santiago votou cambio. O catedrático de Dereito Financeiro será o novo reitor.

-Pasou de perder hai catro anos por vinte votos a gañar por unha maioría moi considerable.

-Si, hai unha avalancha de confianza que nos axuda moito e ao mesmo tempo nos fai asumir aínda máis responsabilidade. Pero dános moito ánimo para seguir adiante. Confirma que o que diagnosticabamos e o que propúñamos é o que necesita a comunidade universitaria e iso emociónanos, claro que si.

-Por que cre que as cousas cambiaron tanto en catro anos?

-É verdade que nestes catro anos a xestión coincidiu con momentos difíciles, pero tamén houbo algunhas decisións que se puideron ter tomado doutra maneira. Hai o custo da xestión e dos recortes, e axustar as contas non é un obxectivo en si mesmo. Temos persoal, recursos, e cando prestamos os servizos en peores condicións creas unha sensación de insatisfacción. Iso debemos telo en conta para o que fagamos en diante.

-Medrou a participación e tamén a dos estudantes, historicamente desmobilizados, e apoiaron a súa candidatura.

-Nas últimas foron os estudantes os que inclinaron a balanza cara ao outro lado. Temos un apoio moi importante en todos os sectores, a falta de ver os número exactos. Iso tamén temos que canalizalo e tennos que servir para animar á participación dos estudantes a través dos órganos de goberno. Conciencialos de que eles tamén teñen algo que dicir nisto. Teño que ter un recordo moi especial para os estudantes da miña facultade, porque foi un apoio que case me emociona.

-Mañá [por hoxe] que pasará?

-Teño que contestar a unha entrevista ás 8.30 horas [sorrí] e, despois, analizar con detalle o que aconteceu e comezar a pensar de aquí en diante.

-Hai planificación a cen días?

-Temos unha primeira idea clara, un cambio que se pon en marcha o primeiro día, pero que logo hai que alimentar. Temos que cambiar a forma de tomar as decisións e de facer. Temos que contar con todo o mundo, democratizar e ter máis autonomía.

-Hai que seguir saneando contas.

-Hai que buscar unha fórmula para refinanciar a débeda, facer unha análise rigorosa do gasto e en dous anos negociar un novo plan de financiamento, e demandar o financiamento público que precisamos.