Un experto sobre As Catedrais: «Ás veces parece unha feira»

Serafín González, presidente da Sociedade Galega de Historia Natural, considera que «houbo unha promoción desaforada» das praias

.

ribadeo / la voz

O accidente mortal ocorrido na praia das Catedrais, en Ribadeo, ao desprenderse nunha cova unha pedra que golpeou unha rapaza de 24 anos na cabeza, foi unha fatalidade que evidenciou as carencias na xestión do monumento natural. Mesmo se aplica dun xeito errado a cota que estableceu en 4.812 os visitantes diarios en verán e Semana Santa, pois se ignora que a análise que determinou esa cifra indicaba que se deberían repartir en 2.792 no areal e 2.030 no resto do monumento natural. Urxe tomar medidas. Así opina Serafín González, presidente da Sociedade galega de Historia Natural.

-Xa en outubro do 2014, cando se someteu a información pública o plan de conservación das Catedrais, presentamos unhas alegacións e advertimos que o acantilado é inestable, que podería haber desprendementos, o cal, por outra parte, non deixa de ser unha evidencia. E polo que transcendeu estes días, tamén xeólogos e xeógrafos advertiron desta situación.

-O risco, pois, existe. Non se tomaron as medidas axeitadas? Por que?

-Por unha banda, houbo unha propaganda abusiva deste espazo natural que deu lugar a unha masificación brutal das visitas. Hai visitantes pisando por todos os recunchos, na praia e na parte superior dos cantís, onde hai hábitats de interese prioritario na UE. Ese paso de tanta xente prexudica estes hábitats, dende un punto de vista biolóxico, ambiental, pero tamén da estabilidade do propio acantilado, e supón un risco para as persoas que están arriba e abaixo.

-Non se coidou o espazo?

-Vese xente por todos lados, chegando ao borde do cantil. Houbo unha promoción desaforada, fixéronse edificacións, aparcadoiros, instálanse postos de venta ambulante... Máis que un monumento natural ás veces parece unha feira. Xa sei que algúns dirán que os visitantes deixan cartos, pero unha avalancha dese tipo diminúe o lecer e pon en risco o monumento natural. O que fixo a Xunta co plan de conservación, limitando o acceso en Semana Santa e no verán a 4.812 persoas ao día, non hai nada que o xustifique, porque aplícase dun xeito arbitrario e non se controla a xente que está enriba da praia. O número de visitantes tense que axustar á capacidade que ten o sistema para que todo o mundo goce e para que As Catedrais persistan no tempo, mentres a forza do mar o permita. Pero vese unha masificación. É un exemplo do que non se debería ter feito con un espazo natural.

.

-A postura da SGHN pasa por reducir o número de visitantes?

-A Xunta debería limitar máis o acceso, tanto pola conservación do espazo como pola seguridade das persoas e o lecer dos visitantes, xa que As Catedrais en determinados momentos é unha romaría.

-Canto habería que reducir as visitas?

-Non o temos calculado, pero é evidente que 4.812 é un número elevado, porque ademais concéntranse nunhas poucas horas diúrnas.

-Pensa que vai haber cambios?

-O lóxico sería que se atendese as recomendacións dos expertos, pero... A masificación expulsa as visitas máis respectuosas, con maior valor engadido para o sector turístico, e ás veces acaba matando a galiña dos ovos de ouro. E As Catedrais hai anos que está superada pola masificación.

-Visitantes con bañador e casco?

-Ao mellor para entrar en determinadas covas si faría falta casco. Habería que implementar medidas de seguridade e, dende logo, prohibir taxativamente que a xente saia dos camiños marcados na parte superior dos cantís. A vixilancia debería intensificarse, en temporada e puntualmente fóra dela. Sería sinxelo multando a quen non respecte a prohibición de saír dos camiños marcados. E habería que erradicar plantas invasoras, delimitar ben os sendeiros, informar dos valores do espazo, eliminar construcións...

-Está ameazado o monumento natural?

-Non está ben conservado. Hai especies desprotexidas, están entrando outras invasoras e dende un punto de vista paisaxístico está degradado pola intervención humana. Dende logo, dista moito de estar como debera.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
22 votos
Comentarios

Un experto sobre As Catedrais: «Ás veces parece unha feira»