Juan Viaño Rey: «Xa podemos recompensar os sacrificios destes anos»

Susana Luaña Louzao
susana luaña SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

PACO RODRÍGUEZ

Nos últimos anos da súa docencia, nada lle satisfixo más que ter pilotado a súa universidade

15 abr 2018 . Actualizado a las 13:05 h.

Asumiu o cargo hai catro anos, coa Universidade de Santiago en perigo de quebra económica. Encamiñada a situación, Juan Viaño (Boqueixón, 1955) considérase co dereito de levar o temón da USC nesta nova etapa máis cómoda despois das eleccións do día 23.

-Foron os anos máis duros na historia recente da USC?

-Foron sen dúbida anos duros pola situación económica, foi necesario facer axustes moi duros tanto en persoal docente como de administración e servizos, traballouse en condicións moi restritivas. Cando chegamos no 2014 había un risco certo de insolvencia e foi necesario actuar de maneira cirúrxica. Había unha débeda de 50 millóns que se reduciu a 30 e tiñamos un déficit acumulado de 16 millóns que se reduciu a 9. A comunidade universitaria soubo adaptarse a eses sacrificios e ese tránsito permítenos agora afrontar o futuro dunha maneira máis optimista, con posibilidades de crecemento, e xa podemos recompensar os sacrificios destes anos.

-Que posibilidades hai de promoción, consolidación e creación de novas prazas docentes e de administracións?

-Hai áreas que teñen unhas necesidades moi importantes para atender a docencia diaria, pero penso que mesmo antes de finalizar o mandato van quedar cubertas, e algunhas, ata con folgura. De feito, pensamos que nos vindeiros catro anos poderemos repoñer ata o 116 % das xubilacións, cando ata o de agora o plan de equilibrio económico-financeiro non permitía cubrir máis do 70 %. E pensamos que no 2021 estará estabilizado todo o persoal interino. En canto á promoción, a Xunta autorizou cen prazas de contratado doutor a titular e cen de titular de universidade a catedrático. Pero é máis, esa autorización vai ata o 2024, polo que poderían ser, en total, 150 de titular e 150 de catedrático en seis anos. Garantimos ademais a estabilización de programas competitivos como Ramón y Cajal, Juan de la Cierva ou Marie Curie, e temos un plan de reorganización administrativa polo que, en administración e servizos, imos ter 80 prazas novas e poderemos estabilizar a 193 interinos.

-O novo mapa de titulacións é suficiente?

-Os tres graos que van comezar a impartirse no 2018-19, que son Biotecnoloxía, Criminoloxía e Paisaxe, están a ser moi solicitados, polo que van satisfacer unha demanda social. Nos vindeiros anos vanse implantar outros catro graos novos, todos eles en Lugo, que son Emprendemento, Robótica, Bioquímica e Xestión Cultural e Patrimonio. Evidentemente hai que estar atentos á demanda social e ofrecer títulos que poden ser necesarios ou non co tempo, e nese senso vai comezar un máster interuniversitario en drons e outro en xenómica e xenética tamén moi demandados. A maiores, para non perder o tren, apostamos polas novas tecnoloxías e pola docencia semipresencial e imos crear un centro de recursos de producións dixitais para apoiar todas estas iniciativas e ter unha oferta on line que poida satisfacer a demanda do mercado. Nese senso imos crear unha vicerreitoría de transformación dixital. E seguimos apostando polos dobres graos.

-A USC propuxo unha leve redución das prazas de Medicina pero a Xunta rexeitouno. Como van facer finalmente?

-Nos últimos anos aprobáronse 360 e nós pedimos 350 porque coas novas titulacións había un compromiso de distribuír o aumento de prazas. Pero non vai haber ningún problema, serán 360. Tampouco temos outra alternativa.

-Porque cre que a comunidade universitaria debe renovarlle a confianza?

-Pídolles que fagan unha lectura destes catro anos, de como estabamos no 2014 e como fomos quen de cumprir punto por punto o que dixemos.