«Os galegos que veñen hoxe a Suíza son xente nova con formación técnica e académica»

Mila Méndez Otero
Mila Méndez GINEBRA / E. ESPECIAL

GALICIA

Di que o recrutamento de traballadores galegos para o país helvético nos sesenta foi algo organizado

02 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Deixou Galicia por Suíza a finais dos oitenta, aínda que os seus motivos non foron os que moveron á meirande parte dos galegos emigrados nesa década. Luís Manuel Calvo Salgado decidiu mudarse ao fogar da súa muller, suíza, onde completou os seus estudos de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago co doutoramento na Facultade de Filosofía e Letras de Zürich. Foi profesor de Historia no campus e agora é xerente do Instituto de Historia da Arte en dita universidade. Dende terras helvéticas publicou traballos de investigación sobre a emigración galega, onde abordou cuestións como a inserción laboral das mulleres galegas no servizo doméstico das casas suízas ou os controis sanitarios na fronteira. E tamén é coautor dun libro sobre Tele-revista, un popular programa da televisión suíza para os emigrantes españois.

-¿Por qué se fixaron os galegos en Suíza?

-Foi o Estado, e concretamente o Instituto Español de Emigración, unha institución creada no franquismo, o que se fixou nos galegos para levalos a Suíza nos anos sesenta. O recrutamento de traballadores foi organizado conxuntamente cun representante das organizacións empresariais da hostalería e da construción suízos. Tiña oficina en Madrid e quería centrarse nunha área concreta para aforrar gastos, así que decidiu recrutar principalmente en Galicia. A partir de aí comezaron a funcionar as cadeas e redes migratorias normais: xente que vía que gañaba os cartos no país helvético e animaba a parentes e amigos a ir ao mesmo lugar no que eles vivían.

-¿Siguen a chegar galegos hoxe?

-Si, en realidade nunca pararon de chegar, aínda que houbo épocas nas que a emigración se reduciu moito. Ao comezo dos setenta había 120.000 españois en Suíza e o 40 % eran galegos. A partir do ano 1973 baixou o número de emigrantes pola crise do petróleo. E desde os oitenta foise dando unha recomposición das familias: había moitos homes que chegaran solos nos sesenta. Con motivo da reagrupamento familiar puideron traer pouco a pouco ás súas mulleres e, ás veces, aos seus fillos. Nos noventa baixou o número de emigrantes, en gran parte polo retorno de persoas xa en idade de xubilación, e dende a crise aumentou de novo a chegada de xente nova.

-¿Cal é o perfil que teñen os novos emigrados?

-Xente nova con formación técnica e académica que non atopa un traballo axeitado ás súas perspectivas no país. Suíza viuse afectada pola crise do 2008 moi cedo, pero reaccionou rápido.

-¿Hai similitudes cos que chegaron nos setenta ou oitenta?

-Hai investigacións que comparan as entrevistas que se facían aos emigrantes nos sesenta, setenta e oitenta coas de hoxe e vese que hai certos parecidos importantes na explicación da propia traxectoria migratoria. Tamén nas perspectivas, a pesar de que parten con circunstancias sociais, históricas e económicas diferentes. A semellanza máis importante é que, tanto daquela coma hoxe, a maior parte da xente di que non vén máis que para quedarse pouco tempo. Houbo quen o fixo daquela, pero moitos ficaron anos en Suíza, moito máis do que tiñan pensado. Iso pode pasar de novo.

-¿Séntense máis na casa os que emigran agora? Pregúntoo pola tradición migratoria ao país.

-Os medios de comunicación, as redes sociais e os móbiles fan que se sentan máis preto. Pero tamén hai unha rede aínda existente de centros galegos e de persoas da vida pública e da empresa privada que xa están establecidos en Suíza e acollen aos que chegan agora.

-¿Qué perfil lle interesa máis á economía suíza?

-O Goberno suízo ten tratados bilaterais de libre circulación coa Unión Europea. Os sectores económicos máis fortes en Suíza seguen a ser os dos servizos (banca, seguros, comunicación) e a industria química, por exemplo en Basilea. Nestes momentos tamén se está a dar un forte crecemento no sector da construción.