Ana Pontón: «Hai quen se alporiza con dicir cona e non coa discriminación»

Mario Beramendi Álvarez
mario beramendi SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

xoan a. soler

Di que as liortas no BNG son prehistoria. Defende que «é unha anomalía democrática que poida ser investigada pola CIA»

02 mar 2018 . Actualizado a las 12:16 h.

Veñen de cumprirse dous anos dende que Ana Pontón (Sarria, 1977) fora elixida como portavoz nacional do Bloque, unha nave que daquela se fundía e que hoxe logrou endereitar o rumbo.

-Que mudou neste tempo?

-Fixemos un relevo xeracional, achegamos outra maneira de comunicar e, sobre todo, conseguimos poñer ao BNG como unha forza política á alza, que é referencia na defensa dos intereses de Galicia e que está a facer un traballo de oposición recoñecido dentro do Parlamento.

-O modelo de organización, porén, mantívose. É o mesmo de hai 36 anos...

-O modelo que nós temos é unha vantaxe en tempos dunha crise do réxime e dos partidos. O BNG é unha organización atípica, unha fronte que pretende unir a todas as persoas que defendemos a Galicia como unha nación sen Estado e que queremos os nosos centros de decisión aquí.

-Non é vostede a portavoz do BNG con maior marxe de manobra da historia? 0s seus predecesores no cargo non viviron tan tranquilos internamente...

-Falar dos problemas do BNG é falar da prehistoria. Unha das vantaxes que temos é que somos unha organización moi democrática, con órganos de decisión colectiva. Isto é un aval.

-A paz interna da fronte explícase porque os que pensaban diferente marcharon...

-Nós seguimos sendo hoxe unha organización política plural, mesmo gañamos pluralidade coa entrada doutros colectivos. E seguimos tendo debates, pero temos unidade e unha convicción: a nosa función é pasar das solucións aos problemas dos galegos.

-O BNG non ten representación en Vigo e Ourense, e na Coruña só lograra un concelleiro. Que agarda para as vindeiras municipais?

-Imos constatar que somos unha forza política á alza, consolidar o proceso das pasadas autonómicas.

-Como pensan recuperar en xuño de 2019 o voto fuxido ás mareas nas eleccións do 2015?

-O voto non é das organizacións políticas, é das persoas. E en cada proceso deciden. Nós imos ir a por todas nestas eleccións e cun sorriso na boca. O que poidamos avanzar depende das propostas que fagamos nós.

-Ou do desgaste de quen gobernou nas cidades...

-Isto é igual que un partido de fútbol: ti tes que estar en boa forma e facer o que debes facer. Se a iso engadimos que o contrario está debilitado, tes máis posibilidades de poder gañar. O BNG está en forma e é un sinónimo de marca de calidade na xestión municipal. Temos exemplos que non só son Pontevedra e Allariz, senón concellos de vilas como Rianxo, Tomiño, Bueu, Carballo ou Moaña. O Bloque transforma os lugares onde goberna e melloran a calidade da vida das súas xentes.

-Escoitándoa a vostede tódalas semanas xorde unha pregunta. Tan mal está Galicia?

-Temos un país marabilloso. Ten unha potencia e unha capacidade impresionante. O que me preocupa é que a subordinación de Feijoo a Rajoy nos leva á irrelevancia política. E iso pagámolo nós. Falo do recibo luz, da AP-9, de infraestruturas ferroviarias. Temos unha Xunta submisa e iso é un lastre para a modernización.

-Entón como vota tanta xente a Núñez Feijoo?

-Gañar eleccións non quere dicir que se leve a razón en todo. Hai datos obxectivos: pagamos as peaxes máis altas do Estado, e Feijoo bendí iso. Outros levan 25 anos con AVE, e nós levamos 25 anos gozando de máis atrasos e tomaduras de pelo. As maiorías absolutas dan capacidade para gobernar pero non dan a razón. E non lle traen felicidade aos galegos e ás galegas. Galicia non está nos debates importantes. Nunca vira tantos desplantes a Galicia como os que lle está facendo Rajoy a Feijoo.

-Tal e como pensan os galegos sobre a organización de España, en que medida a posición do BNG co conflito catalán lle pode facer perder apoio social?

-En Galicia hai moita identificación co país, e moitos cidadáns que están moi preocupados pola deriva antidemocrática que está levando o Estado español, onde se persegue a persoas polas súas ideas e se secuestran libros.

-Vaia lea se armou coa campaña do Día da Muller na que din que están ata a cona...

-Sei que é unha campaña politicamente incorrecta, pero contundente á hora de expresar que estamos fartas. Hai moito puritanismo. Hai quen se alporiza con dicir a palabra cona e non coa discriminación da muller, coa brecha salarial ou coa precariedade. As descualificacións do PP rozan o ridículo.

-Como valora aparecer nunha listaxe da CIA de políticos relevantes?

-Cando lin a nova case me resultou cómica, pero enseguida pensei na anomalía democrática de que poidas ser investigada por ter unha responsabilidade política. Sabemos cal é o funcionamento da CIA, capaz mesmo de organizar golpes de Estado que custaron milleiros de vidas, e sabemos tamén o que representa o CNI e a súa relación coas cloacas do Estado.

De correspondente de guerra ao efecto Pontón

m.b.

De nena quixo estudar xornalismo, por aquela imaxe tan idílica que había dos correspondentes de guerra. Pero logo foi evaporándose aquel soño da infancia. Ao final licenciouse en Políticas e aí leva case toda a vida, na política. Algo que no seu caso foi vocacional e moi apegado ao sentimento de que Galicia non estaba ben tratada. E tamén ao feito de que unha parte da súa familia tivo que emigrar.

A política tamén son estados de ánimo. E diso sabe moito a actual portavoz do Bloque. O domingo 26 de xuño de 2016, sendo xa líder da fronte, Pontón saíu ante os medios cos candidatos e o resto da executiva nunha noite negra, que confirmaba a perda da representación nacionalista en Madrid. Fora unha noite de bágoas e poucos repararon na mensaxe de Pontón. «Para o BNG a campaña das eleccións galegas comeza hoxe mesmo», dixo.

A fronte camiñaba cara á irrelevancia máis absoluta. E incluso había un temor fundado a unha catástrofe. Aquela frase soou aos folgos que se dan no tanatorio. E poucos puideron imaxinar que, tan só tres meses despois, o BNG, contra todo prognóstico, ía salvar os mobles.

Algúns bautizaron aquilo como o efecto Pontón polo papel desempeñado pola portavoz no debate da TVG. Sexa o que fose, o cambio de imaxe ou de discurso, produciuse unha sorte de milagre. Alguén que levaba xa moito tempo na política aparecía, de súpeto, como un referente electoral novo, fresco, case descoñecido.