Luca Chao: «O proxecto co que Carmen Santos se presentou ás eleccións está superado»

A militante de Podemos e diputada galega de En Marea cuestiona a eficacia do debate parlamentario tras a aprobación da reforma da lei sanitaria

.

santiago / la voz

Logo do subidón da manifestación de hai dous domingos en protesta pola reforma da lei sanitaria, chegou de bruzos a realidade: o proxecto do PP seguiu o seu camiño no Parlamento de Galicia, o que leva a Luca Chao (Lugo, 1988), como a outros deputados de En Marea, a cuestionar a efectividade do debate parlamentario.

-Decepcionada ano e medio despois de tomar posesión da súa acta de deputada?

-Entrar nun Parlamento no que ten maioría absoluta o PP supón un baño de realidade inmenso, xa non é necesario que pase un ano e medio, xa o sabes na primeira semana. Pensabas que ía valer para moito e chegas alí e serve para moi pouco. O PP tumba todas as nosas propostas, que non son nosas, son de colectivos que as traballaron moito. Cando piden o noso apoio eu xa lles digo que como non sexan quen de convencer ao PP...

-Militante de Podemos, deputada de En Marea e inscrita en Compostela Aberta: está incómoda coa tensión interna?

-É unha tensión ficticia alimentada pola dirección dos partidos, e seguro que equivocada. A nós, os que colaboramos activamente en Compostela Aberta, non nos importa de onde vimos. Vimos de tantos sitios e de ningún ao mesmo tempo! Traballamos nun obxectivo común, dende abaixo.

-A todo iso súmase a decisión da Marea Atlántica de prescindir de En Marea e de Podemos.

-Cada marea marca os seus propios límites. Os compañeiros da Marea Atlántica entenderon que os tempos de partes remataron e eu comparto esa tese; xa non estamos no 2015 e non son tempos de que cada parte reclame o seu. Que sentido ten que agora as marcas reivindiquen o seu anaco do pastel? Non é tempo de siglas nin de marcas. Iso superámolo, se non non hai confluencia. Se dixemos que iamos confluír, confluímos; o resto é enredar.

-Non é iso o que di a secretaria xeral de Podemos, Carmen Santos, que fala de alianzas por vez de confluencias.

-A opinión da secretaria xeral é, ao fin e ao cabo, a dunha inscrita máis. Como non poder ser doutra maneira, serán os inscritos os que decidan como ir ás eleccións, e a última vez que se nos preguntou sobre iso o 75 % en Galicia dixo que a confluencia era o camiño. Polo tanto, pouco debate vexo aí, non creo que cambiara tanto a opinión das bases en tan pouco tempo.

-Entregou o seu DNI para ser militante de Podemos como obriga agora a dirección?

-Fíxeno. Creo na militancia compartida e vou seguir militando en Podemos, en En Marea e en Compostela Aberta sempre que as organizacións o permitan e sigan a confiar en min.

-Como son agora as súas relacións con Carmen Santos?

-Non podemos negar que foron tensas, pero o traballo diario axuda a relaxar as tensións. Carmen e mais eu temos diferenzas políticas importantes, temos unha concepción moi diferente do que debe ser Podemos no noso país, pero iso non nos impide ter un trato cordial, como pode ver calquera no Parlamento.

-Pensa que Podemos ten que renovar os seus cargos en Galicia?

-É necesario convocar unha asemblea cidadá para renovar os cargos, sen dúbida. Os tempos en política son tan acelerados que o proxecto co que Carmen se presentou ás eleccións está superado. Penso que será pronto.

-Yolanda Díaz dixo que xa era hora de que unha muller liderara En Marea. Vese no cargo? Ou no liderado de Podemos Galicia?

-Descártome para os dous, pero penso que hai moitísimas mulleres en En Marea que deben dar ese paso e confío en que o fagan. Dende logo, coincido na diagnose de Yolanda: é triste que Galicia sexa a segunda comunidade con menos alcaldesas; só un de cada dez alcaldes é muller en Galicia. Iso temos que solucionalo con máis mulleres para as municipais. E o liderado de En Marea non o vou decidir eu nin Villares, senón as bases, pero penso que si, que chegou o momento de que sexa unha muller.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
23 votos
Comentarios

Luca Chao: «O proxecto co que Carmen Santos se presentou ás eleccións está superado»