Luís Villares: «Son un corredor de fondo»

O portavoz de En Marea e maxistrado en excedencia asegura que o seu traballo máis feliz foi unha breve experiencia como ferraxeiro


«A ver se tes sorte, que é un tipo moi serio», dime unha compañeira coa que me cruzo para ir á entrevista. Pero o caso é que Luís Villares (Lugo, 1978) reláxa pronto e ri moito. Falamos un anaco no seu despacho do Parlamento onde me conta, entre outras cousas, que o seu traballo máis feliz foi unha breve experiencia como ferraxeiro. Vivir para ver.

-Que tal o cambio de despacho, satisfeito, arrepentido?

-Estou contento do cambio. Eu vía cousas na xustiza que non podía resolver porque, claro, non se pode ir máis alá da lei. A política é o lugar onde se poden cambiar as cousas. O momento era o indicado; un momento no que parecía que todo o mundo tiña que implicarse.

-Vostede exercía en...

-Na Coruña. Pasei pola Fonsagrada, que foi o meu primeiro destino, e logo estiven en Madrid, na Audiencia Nacional, pero do contencioso, eh? Despois saíume a praza no País Vasco e logo outra en Lugo. E volvín a Lugo.

-Que é onde queren estar todos os de Lugo...

-Efectivamente. Non hai maior pracer que ir en bicicleta a traballar, ha, ha. Logo saíume o da Coruña e alí estaba cando o deixei.

-Os xuíces teñen que sacrificar algúns anos para preparar a oposición. Canto tempo lle levou a vostede?

-Tres anos e medio. Son anos nos que tes que estar recluído. Fas un pacto contigo mesmo. Renuncias a cousas aínda que sabes que, se sae ben, compensa. Claro que ves que os teus compañeiros ou a túa rapaza (eu daquela estaba cunha rapaza) empezan a traballar, a teren vacacións, o seu soldo. E ti, o único que tes é máis peso, menos pelo, a cara máis macilenta... ha, ha. O que tes que saber cando estás no medio do túnel é que hai saída. A xustiza é unha idea que seduce moito. Non mudas o mundo pero si a vida de moita xente, cando decides conflitos, amparas dereitos...

-Se fose o presidente, cal sería a súa primeira medida?

-A nosa preocupación é a xustiza social; que ninguén quede atrás, que se poida vivir con algo máis de dignidade. O primeiro consello da Xunta, dende logo, sería en clave social.

-Como era de pequeno? Neno de aldea, de cidade...

-De cidade, cun vínculo coa aldea, porque meu pai era de Baralla. Unha mestura feliz.

-Conte algunha trasnada infantil.

-Uf. Houbo varias (pensa un anaco). Lembro unha coa miña irmá, na que a estaba peiteando (ela aínda non falaba) e berraba moito. Miña nai preguntaba: «Luís, que lle fas á nena?». Eu contestaba: «Nada», pero estáballe pasando á pobre un cepillo de raíces. Facíao con boa intención pero, claro, a nena choraba desesperada, ha, ha.

-Seguro que súa irmá lle lembra a anécdota de cando en vez.

-Si. Con demasiada frecuencia.

-De mozo, ligaba moito?

-Non especialmente, ha, ha. Defendíame.

-Con que se entretén?

-Coa música. Toco a gaita e machuco algún instrumento máis. Meu pai xa era gaiteiro e na casa sempre tivemos moito ambiente nas festas. Cando había invitados a comer xa era unha escusa para que meu pai sacase a gaita e todos cantaban. Lémbroo con moito cariño. Temos casa en Tapia de Casariego e nos veráns faciamos unhas foliadas terribles.

-Practicar a gaita, segundo onde viva, non terá moi contentos aos veciños.

-Como dicía meu pai, a gaita non é ave de curral, ha, ha. Teño que recoñecer que sempre tiven uns veciños moi tolerantes. Tamén me gusta camiñar.

-Algún deporte?

-De rapaz facía atletismo. Era velocista. Pero deixeino.

-Velocista tamén metaforicamente?

-Agora son fondista.

-Xa postos, defínase en poucas palabras.

-Son un optimista impenitente, sempre me cualifico así. Inconformista. E fondista pola capacidade de aguante. Son un corredor de fondo.

-E agora defina Galicia.

-Galicia é un país rico, empobrecido pola mala xestión dos seus gobernantes.

-Elixa un compañeiro de cea: Arrimadas, Messi, Eduard Punset ou Cristina Pedroche.

-Hmmm. Estou entre Punset e Arrimadas.

-Cociña?

-Encántame a cociña. Teño unha cuadrilla coa que facemos as nosas cousas. Somos Os frebudos/as [Dío así, «os frebudos barra as»]. Xuntámonos para tocar e pasalo ben e, por suposto, para comer.

-E todo este barullo non o afastou destes momentos?

-Algo si. Estou intentando recuperar iso, pero no primeiro ano foi imposible; non era capaz de... conciliar. E son cousas moi necesarias para a supervivencia mental.

-Se fose o protagonista dunha película, quen sería?

-Pois... Deckard, de Blade Runner.

-Unha canción.

-Tempestades de sal, de Sés.

-O máis importante na vida.

-Os pequenos momentos de pracer.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
23 votos
Comentarios

Luís Villares: «Son un corredor de fondo»