Román Rodríguez: «A adecuación de prazas en Maxisterio non suporá o peche de facultades»

Sara Carreira Piñeiro
sara carreira REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

SANDRA ALONSO

O conselleiro de Educación vén de presentar no Senado a súa proposta dun «numerus clausus» de alumnos de Educación

31 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

«O noso profesorado ten un notable alto, pero temos que aspirar a un sobresaínte, porque o futuro da nosa sociedade pasa pola educación». O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, repite varias veces esta frase ao longo dunha entrevista centrada na proposta que presentou esta semana no Senado: vincular -«adecuar» é o termo que utiliza, porque non lle gusta falar de numerus clausus- a cantidade de graduados en Maxisterio (Educación Infantil e Primaria) á capacidade de absorción laboral do sistema educativo.

-Isto ten algo que ver co mir que anunciou o ministro o pasado sábado?

-É unha proposta dentro do debate xeral: eu leveina ao Senado e inclúe outras fases, pero ten que ser de ámbito estatal. A primeira sería a adecuación do número de prazas á capacidade de absorción laboral do sistema. Non é algo que inventase eu, xa o ano pasado a Conferencia de Decanos de Educación pediu isto mesmo, porque ter un número de graduados moi por riba do que se necesita xera moita frustración a estes alumnos. A segunda fase sería un proceso semellante ao mir, e digo «semellante» porque os dous servizos teñen moitas diferenzas organizativas, estruturais... E a terceira fase é programar unha carreira docente, unha formación continua con incentivos que sexan máis que os biolóxicos, como participar en proxectos de innovación ou implicarse na formación continuada.

-Pois a idea do mir parece que non gustou aos profesores, nomeadamente aos sindicatos.

-Non o entendo, porque non vai nunca en contra do profesorado, senón a favor da súa consideración social e o seu prestixio. A cuestión é ter os mellores profesores posibles, e iso non quere dicir que hoxe non sexan bos. En Galicia temos 30.000 docentes no servizo público e somos a terceira comunidade de España, así que podemos dicir que os nosos mestres e profesores son moi bos. Temos un profesorado de notable alto, pero temos que aspirar a un sobresaínte, e podemos fixarnos naqueles procesos que melloraron outros ámbitos, como o da medicina. O primeiro beneficiado sería o profesor.

-Teñen medo de que os profesores en prácticas se convertan en mestres «baratos».

-Pero falan de suposicións, porque en ningún momento se manifestaron sobre o que vai ser. Non o sabemos. Non ten sentido falar de salarios, é un ruído innecesario neste momento. Cústame pensar que un profesor non queira ter a percepción social dun médico.

-Volvamos á súa proposta de revisión do alumnado de Educación. Suporá en Galicia, unha comunidade con seis facultades, o peche dalgunha?

-En absoluto. A adecuación do alumnado de Maxisterio non suporá o peche de ningunha facultade. Non é algo que acabaramos de inventar, é unha demanda dos propios decanos. Facer unha carreira supón investir moito tempo e esforzo para un rapaz, e diñeiro que lle custa á súa familia, e tamén inviste o Estado. Calquera alumno que está a facer hoxe o grao de Educación quere devolverlle á sociedade o que a sociedade investiu nel, e quere vivir de acordo co que el mesmo investiu. Non podemos permitir que todo ese esforzo, duns e doutros, se converta en frustración.

-Di vostede que Galicia ten moito de que presumir en educación. Fíxoo en Madrid esta semana?

-Galicia mellorou moito en calidade e en equidade. Estamos no primeiro posto de España nisto, temos a maior porcentaxe de alumnos con necesidades educativas especiais nas aulas ordinarias. Isto fíxose cun esforzo moi notable, pero aínda queda moito por facer. Aínda así, non debemos ser negativos; moitas veces pensamos noutros lugares e talvez se os coñecésemos quedariamos máis contentos co que temos, se soubésemos como atenden aos rapaces con necesidades educativas especiais en Holanda ou Alemaña...