Os rexedores das mareas responden: Seguen a considerarse os alcaldes do cambio?

GALICIA

La Voz

Que proxectos teñen para este ano nas súas cidades? Dadas algunhas diferenzas que xurdiron, será posible manter as coalicións para as próximas eleccións?

14 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Que proxectos ten para este ano nas súa cidade?

Xulio Ferreiro:  Os grandes retos son a recuperación dos terreos portuarios, profundizar nun cambio de modelo de mobilidade e a constitución da área metropolitana. Ademais temos que plantexarnos seriamente un cambio no modelo económico e produtivo que permitan crear riqueza e emprego con máis forza do que o estamos facendo. Ter aprobados os orzamentos a inicios de ano vainos dar a posibilidade de iniciar obras moi importantes. É un ano ilusionante pola cantidade de cousas que estamos poñendo a andar.

Consulta aquí a entrevista completa ao alcalde da Coruña

Martiño Noriega. En primeiro lugar, queremos darlle continuidade ao relato da lexislatura na aposta polo campo social, onde duplicamos fondos e puxemos en marcha a renda social municipal, que vai ser pioneira no Estado. Tamén é importante a aposta pola Compostela verde, coa apertura dos sendeiros verdes; e a cuestión cultural, cun incremento moi importante de fondos. Pero se algo hai que destacar é que será o ano da obra pública en Santiago, en parte porque hai moito proxecto tramitado que non se conseguiu executar no 2017.

Consulta aquí a entrevista completa ao alcalde de Santiago

Jorge Suárez. Trala estela da recuperación do emprego nos estaleiros públicos e un posible acordo para un plan industrial, un dos principais eixos para o desenvolvemento de Ferrol é facer pivotar unha alternativa ao monocultivo naval, acompasándoo con actuacións en materia de urbanismo. Tamén avanzar en materias de benestar e emprego, na mesma liña dos dous últimos anos.

Consulta aquí a entrevista completa ao alcalde de Ferrol.

Pasados tres anos, segue a considerarse o alcalde do cambio? Por que?

X.F.: Non sei si me cualifiquei así algunha vez, pero aquí se instalaron actitudes que antes non había, e nese sentido eu si que non cambiei, sigo sendo o mesmo que era no 2015. Houbo unha onda de cambio no 2015, basicamente porque entramos no sistema institucional xentes que estabamos fora, e seguimos a ser eses intrusos porque sempre está ben ter un pé dentro e un pé fora.

M.N.: O espazo político que representa Compostela Aberta está consolidado e en situación de seguir disputando hexemonías, e si que ten un vector evidentemente de cambio respecto da anterior lexislatura do Partido Popular. O Concello facilitou que a cidade recuperara latexo.

J.S.: Esa etiqueta deben ser outras os que a outorguen. En xeral a percepción social do equipo de goberno, xa que na miña opinión falamos de órganos colectivos e non caudillistas ou unipersoais, é que este goberno, con todas as dificultades, trata de traballar con intensidade, humildade, transparencia e honestidade.

Será posible manter a coalición para as próximas eleccións?

X.F.: Marea Atlántica naceu para non ser unha coalición, senón para ser un espazo amplo de confluencia. Para o 2019 eu creo que non ten por que cambiar. Polo tanto, penso que non vai haber tensións e, se as hai, que poden ser lóxicas neste mundo, van ser facilmente resoltas.

M.N.: As candidaturas municipais chegaron para quedarse e, aínda que están situadas nun espazo máis amplo, a reedición destas candidaturas municipais semella o máis lóxico; o contrario eu creo que significaría unha irresponsabilidade superlativa.

J.S.: Ferrol en Común é un espazo de unidade popular sen coalicións nin siglas, e penso que ese é o camiño. Falamos dunha pequena revolución que se deu no 2015 que, por desgraza, non tivo continuidade no ámbito de país ou estatal. O camiño é seguir atendendo a esa demanda de transformación social antepoñendo os intereses cidadáns a siglas. Falamos de persoas, non de siglas nin pegatinas.