Rosa Quintana: «Este foi o peor consello da historia, a partir de agora xa será mellor»

E. Abuín REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

kiko delgado | EFE

A conselleira de Mar augura que veñen anos de estabilidade para a frota galega

14 dic 2017 . Actualizado a las 07:16 h.

A conselleira de Mar cre que o consello que arrancou o luns e acabou onte de madrugada marcará un fito. Non haberá máis así, pois Galicia xa terá todas as pesqueiras en niveis sostibles.

-De verdade todo é peixe? Compensa a subida do rapante ou o lirio o recorte da pescada, do xurelo e da xarda?

-Por partes. Enfrontabámonos a unhas propostas moi duras porque o comisario de Pesca se empeñou en acadar o rendemento máximo sostible (RMS) para todas as especies no 2018. Nós tiñamos moito problema coa pescada do norte e a do sur, das que partiamos duns descensos do 30 % para ambas, aínda que para a do Gran Sol se suavizou despois ao 19 %. Esta última quedou nun -7 %, co que o sector está tranquilo. A pescada do sur era a que estaba en peor situación e foi a que levou máis tempo na negociación. E aí si que nos fixeron unha excepción e permítennos chegar ao RMS no 2019. Pero foi unha negociación tan dura que nin sequera nos deron o -10 %. Non houbo quen os apeara do -12 %. Das 36 especies principais, soben o 25 %, mantéñense o 47 % e baixan un 27 %. Ademais, no caso da cigala, que tiña un peche para o 2017, 2018 e 2019, conseguimos que se faga unha valoración do ICES (Consejo Internacional para la Exploración del Mar), e poderase abrir cunha cota científica. Resultado? Satisfactorio para o duro que foi o consello. Eu calculo que este será o peor da historia, porque a partir de agora xa temos todos os caladoiros en moi boa situación e xa non será tan complexo. É certo que con respecto ao que tiñamos o ano pasado baixamos un 5,5 % en todas as especies, pero agora veñen os intercambios, flexibilidades, e creo que imos estar igual que o ano pasado.

-Entón, o peor xa pasou?

-Eu penso que si.

-Galicia foi cargada de informes socioeconómicos e non foi suficiente. Que facer para que vexan a dependencia da pesca?

-Na reforma da política pesqueira (PCP) logramos que se meteran en plano de igualdade os aspectos biolóxicos, os sociais e os económicos, pero a CE ten moitísimo interese (e isto xa vén da época de Damanaki) en acadar o RMS o máis rápido posible. Nós sempre avogamos porque fose o máis rápido posible, só que dando unha flexibilidade ata o 2020. Pero entroulles a présa e sucumbiron á presión dos ecoloxistas por chegar canto antes ao RMS. No obstante, o propio sector amosouse satisfeito porque o que queren é estabilidade e iso si que se conseguiu e, ademais, melloraron os criterios de flexibilidade e, no caso do xurelo, váiselle pedir ao ICES que faga unha valoración para ver de incrementar a posibilidade de intercambiar cota da zona VIIIc, que sobe, á IXa, que baixa un 24 %. Agora é dun 5 % e nós pedimos que sexa de entre un 15 e un 25 %.

-Que facer para acabar coa discriminación con respecto aos países do norte? Haberá que recorrer á Xustiza?

-Trátannos igual, o que pasa é que as augas do norte xa teñen todas plan de xestión e nós aínda non o temos, por iso estamos traballando para ter plan de xestión no caso da pescada do sur.

-A que viñan as queixas, logo?

-É que na primeira proposta de compromiso sempre lles dan máis a uns países que a outros. Despois incorpóranse os estudos socioeconómicos e outros e aí xa empezan as discrepancias, pero ao final vaise suavizando todo.

-Entón a Galicia tamén lle resolverán o das especies de estrangulamento retirándoas do TAC como fixeron coa solla?

-España levaba ao respecto un punto na orde do día, porque a ministra é a presidenta dun grupo de traballo sobre os descartes e xa están comprometidos nese equipo a buscarlle unha solución para o problema para as especies de estrangulamento e para os descartes. Por tanto, temos todo o 2018 para traballar niso.

-O arrastre está bastante ao límite da rendibilidade: os recortes provocarán máis despezamentos?

-Creo que está ben. Este ano despezáronse 24 barcos e xa quedou equilibrado. Dende logo, España, unha das cousas das que se pode sentir satisfeita é dese equilibrio tanto no biolóxico como no social e económico. Eu creo que veñen anos de estabilidade.

-Por que Galicia non é tan optimista como Portugal e non se pronuncia sobre a sardiña?

-Tanto á ministra como a min nos gusta ser serias e consecuentes co que hai. Presentamos o plan conxunto, pero aínda se ten que pronunciar a Comisión. Eu non podo dicir se a ameaza está disipada. Só que hai boas expectativas.

-Que pasaría coa xouba?

-Non vai ter problema.