Carmen Santos: «Sorprende a postura de Anova e BNG, porque Galicia non é independentista»

Susana Luaña Louzao
susana luaña SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

XOAN A. SOLER

A secretaria Xeral de Podemos-Galicia propón un modelo territorial no que «os pobos máis favorecidos sexan solidarios para non xerar desigualdade»

10 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Carmen Santos Queiruga (Porto do Son, 1981) leva ano e medio como secretaria xeral de Podemos Galicia e xa ten nas costas dúas campañas electorais, un ano de tensións internas no grupo parlamentario galego do que forma parte e as reiteradas conspiracións para movela da cadeira.

-Compensou deixar un cómodo traballo no CSIC?

-Cando partes dunha situación vital estable e un entorno laboral incomparable, se non tes unha convición persoal de querer cambiar as cousas non compensaría, pero para min é unha satisfacción poder contribuír a construír un país mellor, e o cariño da xente fai que pague a pena e que pense que estou facendo o correcto.

-É impulsiva, politicamente incorrecta. Iso xa non se leva?

-Son respectuosa, pero o que teño que dicir dígoo claramente e con contundencia para que a xente o entenda. Se hai que falar de corrupción ou dicir que esta crise é unha estafa hai que ser claros. Eu non estou na política para vivir dela, como outros que veñen a montar un chiringuito desde o que vampirizar no seu rédito persoal. Hai que dignificar a política. Como preludio, na miña etapa política quedou unha frase de Podemos, que o medo tiña que cambiar de bando, e outra de Roosevelt, que dicía que só había que terlle medo ao medo.

-Arrepíntese do chío no que responsabilizaba ao PP das mortes por violencia machista?

-Non me arrepinto de denunciar as políticas que non son axeitadas ou as prácticas da ultradereita e de movementos fascistas. Entendo que non gustase e asúmoo, pero chámame a atención que non fosen igual de contundentes cando membros de ultradereita pediron a nosa execución en Zaragoza.

-Ao PP chámalle vostede sempre o partido imputado. Tamén en Galicia?

-Penso que Feijoo, como ten maioría absoluta, está máis pendente de Venezuela e de Cataluña que de gobernar e limpar a corrupción en Galicia. Dixo que non á fiscalía anticorrupción, di que defende a sanidade e o rural, e os seus feitos demostran o contrario, hai un 20 % de paro, salarios precarios e contratos de menos dunha semana; fala de tramas incendiarias como se o do monte fose un problema de onte... Di unha cousa e fai outra.

-Dicía hai tempo que na súa propia familia estaba a vivir eses problemas de paro e precariedade. Segue a ser así ou chegaron os brotes verdes?

-Están a sufrilo a miña familia e os meus amigos, e non queda outra que tirar para adiante porque hai que vivir, pero non é o modelo que eu quero. Non sei se os do PP están en mellor situación...

-Presentaron un documento no que apostan por Galicia como unha nación nun Estado plurinacional asimétrico. Asimétrico é sinónimo de desigual: iso non se contradí coa política de igualdade social que persegue Podemos?

-Todo o contrario, o estado plurinacional baséase no principio de igualdade e solidariedade, e ten que haber un reparto da riqueza entre todos os territorios e os pobos máis favorecidos historicamente teñen que ser solidarios para non xerar desigualdade. O concepto de asimétrico refírese ás políticas públicas, non ao financiamento. Poño a pesca como exemplo, na que Galicia é unha potencia a nivel europeo que non pode ter, por exemplo, o mesmo tratamento que a Comunidade Valenciana ou Murcia. Hai realidades distintas e as comunidades teñen que ter marxe para aplicar as súas políticas, por iso apostamos por unha Facenda galega, para que as empresas tributen aquí e non en Madrid.

-O problema catalán é un torpedo na liña de flotación de En Marea?

-Cada quen defende o que considera que ten que defender, e iso forma parte da pluralidade das mareas.

-Está o BNG no Parlamento aproveitando esa debilidade a provocando que se rompa a disciplina de voto de En Marea?

-Sorprende a postura de Anova e do BNG, porque Galicia non é independentista. Cada quen coa súa responsabilidade, pero non sei se ao BNG lle interesa iso ou se é parte da súa ideoloxía.

-Beiras e Pablo Iglesias xa non son tan amigos?

-A admiración de Pablo Iglesias por Beiras tamén a comparto eu, pero non temos por que estar de acordo en todo. Non somos nin independentistas nin nacionalistas e niso pode ter máis afinidade coa CUP, pero Beiras non debería deixar de ser un aliado leal.

-Podería ser agora o PSdeG, coa súa nova dirección, un socio preferente para Podemos en vez de Anova?

-Oxalá o PSdeG consolide o cambio e empece a facerlle fronte ao PP. Teño un trato cordial con Gonzalo Caballero e podemos ser aliados obrigados. Non houbo conversas aínda, pero é algo que sabemos que debe ser así por unha cuestión numérica.

-Sería Carolina Bescansa unha boa candidata á alcaldía de Santiago?

-Carolina sería unha candidata excelente para calquera posto de responsabilidade, pero está a facer un traballo moi importante en Madrid. Os nosos candidatos para as municipais decidiranos os inscritos e as inscritas, ademais nós apoiamos aos alcaldes das mareas, que están a facer un gran traballo.

-Están desactivados os círculos?

-Imos abrir contactos coa militancia de cara ás municipais, pero os espazos de participación non son só os círculos, que son máis políticos de cara ás eleccións.

-Que pensa da manobra dos críticos para que se elixa un novo secretario xeral en Galicia?

-Agora o debate do partido está na proposta do Estado plurinacional. Falar doutra cousa é unha irresponsabilidade.