Jorge Tuñas Caamaño: «No PP xulgáronme antes do xuízo, sen respectar a presunción de inocencia»

emilio forján NEGREIRA / LA VOZ

GALICIA

FORXÁN

O alcalde de Negreira volveu hai uns días ao cargo despois de ser absolto dunha acusación de apropiación indebida

23 nov 2017 . Actualizado a las 10:58 h.

Jorge Tuñas Caamaño (A Coruña, 1971) retornou ao seu cargo de alcalde en Negreira polo PSOE sete meses despois de renunciar para enfrontarse a un xuízo, tras ser acusado polo anterior goberno -do Partido Blanco e o Partido Popular- de apropiación indebida de 18 teléfonos móbiles do Concello cando era rexedor no 2011. O retorno á alcaldía ten lugar despois de quedar absolto.

-Asegura que foi presa dunha cacería política e mediática.

-Si, porque foi unha denuncia política de dous partidos que gobernaban no concello [Partido Blanco e Partido Popular], que o único que buscaban era apartarme da política municipal para que me inhabilitasen. Porque non foi unha denuncia veciñal nin da fiscalía de oficio. E hai que recordar que, en plena campaña electoral do 2011, un medio sacou unha reportaxe sobre distintos casos da corrupción en Galicia, creo que moitos máis graves que o meu, e ilustraban esa información cunha imaxe miña. Logo está a repercusión mediática que tivo o meu caso, desde o meu punto de vista excesiva se o comparamos con outros casos.

-Non dubidou vostede en pedir a dimisión do voceiro do PP.

-Foi un dos concelleiros daquel goberno e dos que máis política quixo facer con este asunto, incluso xa me xulgou días antes do xuízo, coa frase que recordou o voceiro de Ciudadanos de que xa sería de traca que eu saíse absolto. Cando unha persoa non respecta a presunción de inocencia dun compañeiro de corporación non me queda máis que pedirlle a súa dimisión, que xa lle pedín no ano 2013. É sarcástico que o PP denuncie a alguén cando ten ás súas costas todo o que ten.

-E non escatimou críticas mesmo cara ao presidente da Xunta. A que se deben?

-É unha persoa que fai política con todos os temas posibles. Quen non se acorda dos comentarios no 2006 coas catro mortes a raíz dos incendios forestais, e ao mesmo tempo pide que non se lle faga o mesmo a el, polo que ten dúas varas de medir moi distintas, unha cando estaba na oposición e outra cando goberna, que lle pide máximo respecto ás demais forzas políticas. E sei que fixo algunha gracieta sobre min, porque algún veciño contoumo, que non vou dicir, pero pouco menos que culpándome.

-Pediulle xa unha entrevista?

-Si, e espero que me conteste e me reciba, e dicirlle o que lle teño que dicir á faciana do presidente da Xunta.

-E cales son os proxectos que estima prioritarios para Negreira por parte da Xunta?

-Temos pendente a segunda fase do saneamento da nova depuradora comarcal, que colle parroquias da Baña e Negreira, a ampliación urxente do colexio do Coto e a necesidade dunha residencia da terceira idade na que concordamos todos os partidos.

-E o traballo pendente no Concello, daralles tempo a executalo?

-Eu dixen na campaña que o programa electoral é un contrato que temos cos veciños. Cumprilo ao cen por cen é imposible, pero nalgúns puntos cumpriuse, e máxime se temos que concentrar os recursos no problema da auga se isto non cambia. Tamén queremos sacar adiante a ampliación da estrada á Ponte Nafonso co compromiso adquirido polo presidente da Deputación da Coruña, dotar dun parque infantil cuberto á vila e crear unhas pistas de atletismo.