José Alberto Díez de Castro: «Queremos graos que enchan as aulas, o outro é dar clase ás paredes»

Tamara Montero
tamara montero SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

PACO RODRÍGUEZ

«Os cartos que se dan para docencia ás universidades son moitos e deben ter unha rendibilidade social», afirma o secretario xeral de Universidades

06 nov 2017 . Actualizado a las 16:37 h.

Comezaba esta semana coa presentación do redeseño do mapa de titulacións en Galicia, un documento que, segundo lembra José Alberto Díez de Castro (Málaga, 1956), non existe en ningunha outra comunidade autónoma, porque acadar o consenso é un traballo difícil.

-Retíranse oito graos. ¿O único criterio foi a demanda?

-A baixa demanda foi un factor importante, non o único, porque a proba é que existen títulos singulares, que teñen baixa demanda pero que se manteñen. Un título pode deseñarse e ser teoricamente moi bo, pero se a xente non quere estudalo é absurdo mantelo no sistema. Hai varios casos de demanda baixa persistente, que é estrutural, que non se pode remontar e non é cíclico. Chega un momento en que o mellor, en vez de seguir ofertando títulos que a xente non quere estudar é tratar de buscar outros que teñan futuro e perfís profesionais interesantes.

-Pero hai graos nos que a demanda foi moi baixa e se recuperaron, como Matemáticas.

-Digamos que pasamos o tempo prudencial. Realmente os cartos que se dan ás universidades para dar clase son moitos e deben ter unha rendibilidade social. Falamos de grupos moi pequenos ou unipersoais e non ten sentido que a Administración invista para que ao final dentro de dous ou tres anos o número de egresados sexa un, tres, cinco, sete... e mentres haxa perfís profesionais e formación que demanda o mercado laboral e que non se está a ofertar.

-Os graos con menos demanda sometéronse a un plan de viabilidade que non se deixou rematar, como o de Xeomática.

-Moitas veces non é polo título, porque é habilitante e os poucos egresados parece que teñen boa saída laboral, pero a xente non quere estudalo. O plan de viabilidade é o último recurso.

-É como a uci dos graos.

-É como unha medida de graza. Ou facemos algo espectacular, radical, que teña gancho, que faga atractiva a titulación ou nada. Non é a ver se remonta un pouco.

-¿Que consigue que unha carreira recupere alumnado?

-Hai factores e non os controlamos todos... O alumnado diminuíu case á metade. No 1999-2000 había 99.0000 universitarios. Os datos provisionais do curso 2016-2017 son algo máis de 51.000 alumnos. Inflúe a cuestión demográfica, pero ademais, nos últimos anos houbo unha competencia por parte da FP superior. Logo está o ciclo económico. Arquitectura, que viña dunhas cifras extraordinarias, baixou moitísimo e remontará cando o ciclo económico mellore. E logo hai outros factores que non se coñecen moi ben. Hai algo que as familias e os estudantes cren, que con iso non van ter boas saídas laborais. Penso que é un problema de percepción, que moitas veces pode ser falsa, pero que cando se produce é moi difícil de cambiar. Queremos graos que enchan as aulas, porque o outro é literalmente dar clase ás paredes, e o máis importante, estamos gastando moitos cartos públicos e non obtemos un rendemento, porque os custes son os mesmos se hai unha persoa en clase ou se hai 50, pero o resultado é totalmente diferente. Non é un problema de recortes, é mellorar a oferta.

-O tamaño do sistema mantense.

-Vimos que o tamaño do sistema era o adecuado. Non pechamos graos, cambiámolos por algo mellor e incluso ofrecemos financiamento. Este mes asinaremos de novo o convenio para accións singulares e iso estamos a facer nos últimos anos para a especialización dos campus, e seguiremos facéndoo. Unha das cousas que serán preferentes serán necesidades detectadas para que eses novos graos teñan calidade: un laboratorio, nosos espazos, profesorado... Hai que axudar porque non se trata de coller un profesor e transplantalo. A condición é mellorar o sistema.

-¿Os graos singulares sufrirán modificacións?

-Pode haber novas incorporacións como eses tres pares de enxeñarías que temos enriba da mesa, porque parece de sentido común que estudos de enxeñaría forestal e agraria ten que haber no sistema. Todo se fai a petición das propias universidades e pode ser que nun momento diga que xa non reúne as características de singularidade, de que se se se perde non se perde algo importante do coñecemento. Pero é unha posibilidade para medio ou longo prazo.

-¿Cambiarán o plan de estudos?

-Teñen que facelo. A declaración de singularidade non é gratis. A «salvación» é coa obriga de presentar un plan de mellora da calidade bianual ou trienal. Ese plan debe ter obxectivos que serán avaliados e tomaranse medidas segundo o grao de cumprimento.

-Para os graos duplicados con demanda pénsase nun tronco común e logo especialidades. Un traslado de expediente é moito traballo burocrático.

-Pódense facer moitas cousas: primeiro, simplificar non só o traslado de expediente, senón a convalidación de créditos. As universidades non o consideran un problema importante, pero si o é. O mellor é facer como mínimo dous anos comúns exactos, iguais. E logo esa posible orientacion ou especialización. Non ten sentido que haxa títulos multiplicados e que nin sequera coincidan. Aceptamos que un alumno vaia a Polonia a cursar materias que nin sequera coinciden no nome e aquí non te fías de que a formación que reciben en Galicia non é equivalente.

-Este ano que entra tamén medra o financiamento universitario por obxectivos.

-Chegamos a ese invento de vasos comunicantes, e que se hai unha baixada de matrícula pasen a indicadores e ao revés. Pero o obxectivo era que as universidades tiveran un incentivo para mellorar a investigación e a transferencia, o punto feble de case todas as universidades españolas. Agora, no 2018 será o máximo histórico de plan de financiamento. O máximo estaba en 416 millóns de euros. Este ano son 420. Superamos o 2009, mentres o orzamento total da Xunta non recuperou niveis do 2009.