Carmen Santos: «O noso modelo territorial é oposto ao de Anova, de maioría nacionalista»

Susana Luaña Louzao
susana luaña SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

XOAN A. SOLER

A líder de Podemos Galicia é clara: «Podemos vaise presentar ás municipais», aínda que «as mareas son as nosas aliadas»

05 nov 2017 . Actualizado a las 11:49 h.

O conflito de Cataluña xerou moitas tensións internas en Podemos polas diferentes visións que as familias do partido morado teñen sobre como se debe vertebrar España politicamente. Esas diferenzas e a ambigüidade empregada por Pablo Iglesias máis dunha vez obrigaron a Carmen Santos, secretaria xeral de Podemos Galicia, a ter que aclarar a miúdo nas redes sociais as afirmacións do seu propio líder.

-Se é necesario explicar a Pablo Iglesias débese a que a postura de Podemos non está clara. Pode aclarala vostede?

-O proxecto plurinacional de Podemos é incompatible co independentismo, pero se hai dous millóns de cidadáns que queren ser escoitados terá que ser cun referendo legal, e non vale o do 1-O. Podemos sempre dixo que non o validaba, nin tampouco o procés; nós non estamos co procés nin coa aplicación do artigo 155, non pode ser que un partido como o PP que ten un 8 % dos votos en Cataluña se faga co seu goberno. Non estamos nin con Rajoy nin cos independentistas, non queremos independencia nin autoritarismo, queremos democracia. Non é unha posición ambigua pero é certo que hai que explicalo e que hai que ser máis contundentes.

-Poñamos que se fai ese referendo legal e sae a favor da independencia. Que faría Podemos?

-Volcaremonos en convencer aos cataláns de que se queden con nós. Están enganándoos, aproveitando unha cuestión territorial que ten que ser modificada, porque a Constitución do 78 ten que ser reformada para adaptarse á realidade actual, non se pode humillar ás nacións históricas. Igual que eles piden dignidade para Cataluña, nós pedimos dignidade para Galicia.

-Galicia está a ser humillada?

-En Galicia non hai un sentimento independentista maioritario, pero si un sentimento de identidade. O que necesita este país é que existan forzas que desde a fraternidade e a convivencia decidan quedarse en España, como pasou con Escocia. Pero falando dos intereses da xente e non como pasa en Cataluña que se puxo en marcha un proceso que está baseado nos intereses dun partido que ten un problema co 3 % e dun partido imputado, o Partido Popular.

-Como afecta todo isto ás relacións entre Podemos Galicia e a dirección central?

-Temos unha excelente relación á hora de traballar no referente ao debate xeral, e a liña política común é diferencial pola nosa idiosincrasia. Podemos recoñece a Galicia como unha das nacións históricas dentro do Estado plurinacional, algo imprescindible para min á hora de representar ao partido, e iso tradúcese nas dinámicas da organización, polo tanto hai cousas nas que estamos de acordo e outras que vemos de xeito diferente. É lóxico que existan tensións con certos temas entre territorios, pasa en todas as organizacións, pero insistimos, sempre na lealdade e no respecto entre todos e á hora de aceptar as tendencias que se impoñen.

-Vostede ten unha boa relación con Carolina Bescansa. Que opina da chamada de atención que lle fixo a Podemos?

-O que dixo Carolina compartímolo moitos de nós, comezando por Pablo Iglesias, pero pensamos que debera producirse nos espazos de debate internos que temos, por iso xerou certo malestar nalgúns compañeiros que non o entenderon. Eu mesma tiven amosado posturas semellantes ás dela que foron compartidas por outros secretarios xerais e nunca tivemos problemas en expresalas nin en ser escoitados. A clave é estar dentro do marco político de Podemos, un marco do que se saíron, por exemplo, os anticapitalistas e así o manifestamos con contundencia e claridade. O pasado domingo situáronse fóra de Podemos.

-O problema de Cataluña provocou que no Parlamento de Galicia tres deputados de Podemos no grupo de En Marea, entre eles vostede, romperan a disciplina de voto por unha moción do BNG en apoio ao referendo catalán. Por que uns si e outros non?

-No grupo había máis deputados de Podemos que optaban pola abstención porque había unha ambigüidade nunha frase e nós non queríamos apoiar o referendo. Tivemos un debate e nós, que temos unha liña estratéxica, temos autonomía. Votouse e gañaron os votos a favor e unha parte decidimos romper a disciplina de voto.

-Non é unha proba máis das contradicións internas dentro do grupo de En Marea?

-Amosa a pluralidade que existe dentro desta alianza, por iso nós sempre falamos de alianzas territoriais e non dun partido político.

-Hai, xa que logo, posturas territoriais distintas dentro do grupo de En Marea?

-Nós non formamos parte do partido instrumental senón do grupo parlamentar, é a ferramenta do cambio. Na maioría das cousas estamos de acordo, pero eles xa sabían que este espazo era así. O noso modelo territorial é oposto ao de Anova, de maioría nacionalista.

-Afectarán esas tensións de cara ás municipais?

-Unidos Podemos está a traballar para presentarse en todas as comunidades. Queremos que En Marea revalide as alcaldías, pero Podemos vaise presentar ás municipais, é un escenario diferente ao do 2015. Podemos vaise presentar pero as mareas son as nosas aliadas. Temos proxectos diferentes con fins comúns e queremos traballar en conxunto, hai sintonía. Nos concellos, ademais, non está a cuestión territorial. Cada concello ten unha realidade e xa se estudará como nos presentamos en cada un, pero sempre cunha base común consensuada por parte de Podemos. Moitas mareas municipais comparten bases comúns con EU e con Podemos e non están integradas no partido instrumental, teñen independencia.

-E de cara ás autonómicas?

-O CIS reflexa que hai unha maioría que vota En Marea procedente de Unidos Podemos, e a xente quere ver esa representatividade no espazo político. Os datos están aí e como despois se configurou o grupo parlamentar tamén está aí.