A vaga de incendios forestais e a regra dos tres 30

Antonio Regueiro TRIBUNA

GALICIA

18 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Non é doado que coincidan como estes días circunstancias meteorolóxicas tan favorables para os incendios forestais de grandes dimensións e dificilmente controlables. Nestes días cumpriuse sobradamente na nosa terra a regra dos tres 30: temperaturas de máis de 30 graos centígrados, humidade atmosférica inferior ao 30 % e vento de velocidade superior aos 30 quilómetros por hora. E cando iso sucede os lumes forestais avanzan con gran rapidez e soen ser incontrolables.

Cunha árbore pódense facer milleiros de mistos... e cun misto pódense queimar milleiros de árbores. A meteoroloxía adversa que se cita no parágrafo anterior pode ser necesaria para que se produzan incendios na cantidade e coa intensidade dos que están arrasando Galicia, pero non soe ser suficiente. Ten que haber combustible e ten que haber quen lle prenda lume. Por desgraza, nos nosos montes, sen moita ordenación nin planificación, abunda a biomasa nos estratos arbustivo e arbóreo, e dominan neste último árbores que arden ben e propagan eficazmente os lumes de copas, como son os piñeiros e os eucaliptos. E, tamén por desgraza, parece que na nosa terra abundan os desalmados dispostos a prenderlle lume ao monte e a reducir este país a borralla, e con frecuencia aos poucos que collen sáelles barato.

Existen en Galicia outros importantes factores de risco de incendios forestais: a regresión demográfica no medio rural e o abandono das explotacións agrogandeiras, a proliferación de infraestruturas nos montes como pistas, camiños e sendeiros que favorecen o incremento de visitantes, a escasa valoración do monte por parte da sociedade, a desaparición das masas naturais de árbores autóctonas caducifolias que fan un importante papel de cortalumes, a diminución do pastoreo extensivo nos montes, o uso neglixente do lume como práctica cultural na agricultura e na silvicultura, unhas infraestruturas de prevención de incendios deficientes...

Tras do lume salvaxe só queda desolación, desaparecen a fauna, os fungos, os microorganismos, o tapiz vexetal e os horizontes orgánicos do perfil edáfico, o solo mineral, que tardou en moitos casos centenares ou milleiros de anos en formarse, queda exposto á erosión coas chuvias que virán posteriormente -estímase que en moitos casos no semestre seguinte ao incendio se perde o 90% do solo- anegando e enlodando vilas e reducindo a calidade das augas. As perdas económicas son tamén moi importantes e a incidencia social é especialmente preocupante, e non só pola triste e lamentable perda de vidas humanas -a nosa lembranza e pesar polas persoas falecidas estes días-, tamén polo sentimento de impotencia e derrotismo que xera nos propietarios forestais, que se resisten a investir nos seus montes por temor a que os seus aforros se convertan en cinza.

Galicia dedica un importante esforzo orzamentario ao seu servizo de incendios, hai que recoñecer que inviste máis en vixilancia, detección e extinción que en prevención e recuperación de montes queimados. Desde o noso punto de vista sería desexable prestar unha maior atención á prevención, pois o clima está cambiando e a meteoroloxía do ano actual pódese converter en frecuente, así que nos parece necesario, ademais de incrementar e mellorar accións de sensibilización, comunicación e outras de carácter policial e xudicial, fomentar a silvicultura preventiva encamiñada á ordenación do combustible vexetal nos montes, o aproveitamento da biomasa con fins enerxéticos, a diversificación das especies forestais ou o pastoreo controlado. Temos que poñérllelo difícil aos incendiarios facendo que o monte sexa difícil de queimar e, se se produce o lume, que sexa doado de atallar. En parte niso consiste a prevención...en apagar no inverno os lumes do verán seguinte.

Antonio Regueiro é catedrático da USC.