Gonzalo Caballero e Villoslada avanzan as claves para derrotar ao PPdeG

Domingos Sampedro / Juan Capeáns SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

VÍTOR MEJUTO

Os candidados ás primarias do PSdeG desvelan cales serán as súas políticas de pactos

04 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

«Para derrotar ao Partido Popular hai que fortalecer o PSdeG»

Gonzalo Caballero cualifica de «torpeza» que Villoslada definira a Leiceaga coma a aposta do PP

XOAN CARLOS GIL

A renovación e a forza da militancia son os signos máis visibles da carreira de Gonzalo Caballero (Ponteareas, 1975) por acadar o liderado do PSdeG nas primarias do vindeiro domingo.

-Sobre que bases pivota o seu proxecto para dirixir o PSdeG?

-É un proxecto de cambio, fortalecemento e renovación, no que nos xogamos se prorrogamos os vicios do pasado ou conseguimos un partido capaz de conectar coa sociedade para construír un proxecto de vocación maioritaria.

-A qué obedece o seu acordo con Leiceaga?

-Coñezo a Leiceaga dende hai anos, os dous temos longa experiencia de compromiso na esquerda e de combate contra as políticas dos Gobernos de Fraga e agora de Feijoo, e compartimos unha idea de esquerdas, galeguista e de protagonismo da militancia. Pensamos que neste momento conviña ter un secretario xeral que saia fortalecido, elixido por máis da metade da militancia, e a iso responde o acordo.

-E os que falan de reparto de cadeiras e de cargos?

-Están nerviosos. Nós fomos capaces de presentar o acordo de forma transparente ante a cidadanía, e penso que a outra candidatura non podería dar unha rolda de prensa coas baronías e tutelas que ten detrás. O tempo do reparto de cromos corresponde ao pasado, aos que impulsaron a outra candidatura e intentan difamar. E que ninguén se confunda, deciden os militantes e os militantes xa non queremos ser manexados dende a sombra.

-Como ve o traballo de portavoz parlamentario de Leiceaga, logo de que Villoslada dixera que era a «aposta» do PP?

-É un magnífico portavoz. Villoslada cometeu a torpeza, pode que por falta de traxectoria política, de facer unha declaración inconveniente xusto antes do debate da autonomía. Todos os socialistas respectamos ao noso portavoz e o seu compromiso contra as políticas do PP.

-Que opinión ten da candidatura de Villoslada?

-A súa é unha candidatura deseñada por certas baronías, que teñen limitado a posibilidade de renovación e fortalecemento do PSdeG. Teñen un discurso de cambio, pero na práctica é só unha cuestión de pose. A relación con Villoslada é boa, pero depende moito dos poderes que queren manexar o partido dende a sombra e impediría que emerxera a rexeneración no PSdeG.

-Teñen nome esas baronías?

-Cada un que poña os nomes que considere, pero neste partido coñecémonos todos.

-Como leva iso de que o sector do alcalde de Vigo, seu tío, apoie precisamente ao seu adversario?

-Non entro niso. Levo 22 anos no PSdeG, a agrupación socialista de Vigo é a miña casa, polo tanto os militantes de Vigo son conscientes de que hai que abrir un novo ciclo e, respectando as tarefas do noso alcalde, penso que van a loitar por iso.

-Pode permitirse o PSdeG o luxo de no ter o seu líder no Parlamento galego?

-Pedro Sánchez foi elixido en maio, non está no Congreso, é o líder mellor valorado e o PSOE estase recuperando. En Galicia pode ocorrer o mesmo, xerar un liderado sen tutelas que xere a ilusión para ser alternativa.

-Como pode derrotar a Feijoo?

-Fortalecendo o PSdeG para convertelo nun instrumento de combate contra as políticas da dereita, facer un partido que recobre a iniciativa nas asociacións, na universidade, en contacto coa xente nova. O bagaxe témolo aí, é o de Emilio Pérez Touriño, que tamén foi terceira forza e pasou a ser alternativa de Goberno.

-Pactaría, chegado o caso, con En Marea e o BNG?

-Somos a esquerda en Galicia e temos capacidade de diálogo con outras forzas, pero agora toca fortalecer o partido e será logo de cada convocatoria electoral cando se tomen decisións.

«Non vou demonizar os acordos con En Marea e o BNG»

Villoslada di representar «algo distinto» e rexeita a falta de transparencia no pacto do 1-O entre Caballero e Leiceaga

Domingos Sampedro

Juan Manuel Díaz Villoslada (Ourense, 1965) pide paso no complexo labirinto dos socialistas galego con ánimo de desensarillalo. O próximo domingo pode quedar atrapado no esquecemento da segunda ringleira de escanos do Hórreo ou elevarse definitivamente ao primeiro plano.

-Nas primarias sempre apelan ao debate das ideas por riba das persoas. Desta volta falouse máis de aparato e familias políticas.

-Nestas primarias non houbo a polarización das pasadas xerais. Si houbo intentos iniciais de apelar a ese tipo de discurso, pero eu digo que cando un alcalde ou concelleiro socialista dunha vila galega amosa o seu apoio a un candidato, a iso non lle podo chamar aparato. Utilizar ese tipo de semántica non é bo e non axuda nada. De feito, a militancia escarmentou con iso do aparato e as baronías, termo que non me gusta porque é feudal. As palabras son importantes, e o PSdeG ten que ser capaz de facer as cousas doutro xeito, algo distinto.

-As palabras e os feitos. Que mal lle sentou o pacto entre Leiceaga e Caballero do 1-O!

-[Ri]. Enfadeime, si, porque pareceume inoportuno facelo un domingo pola tarde en plena crise de Estado. E tampouco dende o punto de vista simbólico, porque se cumpría un ano do comité federal (coa saída de Pedro Sánchez). Pero aínda molesta máis que se fale de pactos nesta fase do traxecto e que usen os avais para trazar liñas de alianzas. Se un candidato se retira, que é lexítimo, eses avais xa non existen, e o militante debe ter liberdade. O que non se pode é mercadear cos avais.

-Pero é lexítimo.

-O problema é que ese pacto pode agochar un reparto de responsabilidades, chega na fase final das primarias, non respecta á militancia e non é transparente. Eu podo entender os pactos ao arrancar o proceso ou ao día seguinte da votación, non agora.

-Que vai pasar o día seguinte?

-Se gaño, teremos que analizar no grupo parlamentario a integración coa nova dirección e o reparto de responsabilidades. Se perdo, seguiría no meu escano, porque todos temos obrigas.

-Con Leiceaga de líder, «o candidato do PP», segundo vostede.

-Non, non é un comentario feito motu proprio, dino dirixentes do PP, por iso facía a referencia.

-No caso de gañar, contaría vostede cos seus rivais?

-Esa é a miña aposta do día 9. Coñezo a estupendos compañeiros que apoian a Caballero, e sobre todo aos que están con Leiceaga. No caso de gañar os incorporaría pola súa valía política, pero, insisto, vou integralos pola súa profesionalidade, coa máxima lealdade, pero sen pensar en cotas nin correntes.

-Vai poder coas confrontacións herdadas do pasado?

-A confrontación non está nas bases, iso é o que un aprende cando visita máis de 70 agrupacións. A confrontación está nas elites, nas persoas que teñen responsabilidades orgánicas ou institucionais. Pero a xente está noutra dinámica. A primeira necesidade da militancia é abrir unha nova etapa de unidade.

-Como se derruba ó PP?

-A fórmula é un partido unido, ben posicionado na esquerda, que traballe en clave de goberno e con capacidade de xestión. E facéndoo ben nas municipais do 2019.

-Seguro que vai precisar pactos: como os aborda vostede?

-Somos un partido de máis de cen anos e temos que aspirar a ser a primeira forza, pero o mapa electoral é o que é e o que non vou facer e demonizar os acordos de goberno con En Marea e o BNG. Temos que buscar as alianzas nos espazos de encontro, que os hai, como se demostra nos concellos e nas deputacións, aínda que temos diferenzas, como as aspiracións nacionalistas do BNG ou o rupturismo de En Marea.