«Gústame a guerrilla parlamentaria»

GALICIA

Miguel Ángel Santalices, presidente do Parlamento, préstase ao xogo da entrevista aparentemente sen paracaídas

26 sep 2017 . Actualizado a las 18:37 h.

O presidente do Parlamento, segunda autoridade do país, recíbeme no seu despacho, que é un despacho abraiante. Ata el o recoñece: «Cando fun visitar ao Rei tiña un despacho que era a metade do meu». Miguel Ángel Santalices, (Bande, 1955), préstase ao xogo da entrevista aparentemente sen paracaídas pero, como todo o mundo sabe, non se pode ser político tantos anos ao seu nivel sen levar paracaídas.

-Que tal se portan os deputados?

-Ben. Non teñen outra opción. Como vai portarse mal un representante do pobo se o mira todo o mundo? Falouse moito dunha cousa que eu dixen...

-...Sobre a vestimenta dalgún deputado.

-Unha carallada. Eu a veces tamén veño sen gravata ao Parlamento, pero non está rifado a gravata coa elegancia. Vostede vén sen gravata e vén elegante.

-Ha, ha. Esa si que é boa. Deixemos o tema. Mellor ser presidente do Parlamento de Galicia que do de Cataluña, eh?

-Vaia pregunta que me fai! Eu falo dende o respecto, pero creo que, parlamentariamente, houbo un erro porque se vulnerou a democracia baseada no parlamentarismo. Pasouse por riba de algo que ten moita importancia: a xunta de portavoces. E nin se tivo en conta a opinión da mesa do Parlamento. Nós temos uns notarios que nos dan as pautas para que non nos equivoquemos. Porque eu non son xurista, son médico. Sen eles podo cometer un erro. E alí nin preguntaron; pasaron a apisoadora por encima e ao que saia.

-Dicía un bedel deste Parlamento que nos últimos anos baixou moito o nivel do debate.

-Non baixou, cambiou. Antes había grandes oradores: Méndez Romeu, Suárez Canal, agora Pedro Puy... Actualmente a confrontación é máis directa. Para o presidente do Parlamento era máis cómoda a situación anterior porque ata podía despistarse un pouco. Agora non se pode. Outra cousa é o que a min me guste máis.

-E que lle gusta máis?

-A min gústame a confrontación, a guerrilla parlamentaria.

-Chegou a exercer de médico?

-Un mes, en Bande. Unha substitución en 1979.

-E nunca o botou de menos?

-Para o meu pai foi un desgusto grande cando optei pola política. Eu tamén boto de menos a clínica, pero intento trasladar esa eiva ao Parlamento promovendo dietas saudables e outras campañas de divulgación médica.

-Conte aquí unha trasnada que fixera de pequeno?

-(Pénsao un pouco e comeza a explicar unha que finalmente prefire non rematar. Segue con outras). Unha vez cortamos as antenas de todo o pobo e deixamos á xente sen televisión. E outra vez subimos ao coche de liña, a primeira que viña a Bande, e soltamos o freo de man. O coche foi pola costa abaixo e formouse un bo escándalo.

-Vaia, vaia. E agora a segunda autoridade de Galicia. Como se sinte con iso?

-Chegoume de rebote; nunca pensei selo. Pero aínda non me metín de cheo en iso. Si en representar ao Parlamento, en difundilo. Neso síntome cómodo. Noutros actos protocolarios, xa non tanto.

-Que lle gusta facer?

-Pasear. Porque me relaxa e porque é saudable. E a pintura.

-Pinta?

-Non. Gústame vela. Aquí, no Parlamento, temos unha das máis importantes pinacotecas de Galicia.

-Cociña?

-Nada. Nin o intento. E iso que agora hai moita xente que o ten como hobby; din que os relaxa. Pero penso que a min xa non me vai merecer a pena meterme niso.

-Cocido ou churrasco?

-Cocido! É máis san.

-Será do Celta, non?

-Todos os de Ourense somos do Celta. É paixón o que temos. Dixéronme que había máis socios do Celta en Ourense que no propio Vigo. E créoo.

-É dos que bailan?

-Bailo o xusto, e non me gusta. Teño a sensación de que fago o ridículo e de que todo o mundo me mira.

-Ten un obxectivo?

-Teño algo na miña cabeza, si. Levo moito tempo na política e sei que terei que deixala. Quero saber parar e ter algo que me manteña activo. Teño dúas ou tres cousas pensadas.

-Dígame unha canción?

-Voulle dicir dúas. Unha por familia [é sobriño-neto do gaiteiro Faustino Santalices] O romance de don Gaiferos. E, xa máis moderna, Viva la Vida, de Coldplay.

-Que é o máis importante na vida?

-Pois vivila con tranquilidade, sen facer dano aos demais e saber que todos necesitamos de todos.

-E esas pulseiras que leva?

-Esta é a de Ourensanía e esta puxéronma unhas nenas nunha visita ao Parlamento. Dixéronme que non a podía quitar, que daba sorte. E mire, cando a puxen era vicepresidente.