Ángeles Vázquez: «Un pirómano non pode saír da cadea e andar solto polo monte»

Tamara Montero
tamara montero SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

SANDRA ALONSO

A conselleira de Medio Rural cre que hai que cambiar o Código Penal e que o custo do operativo debe ir ao peto do incendiario

27 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Atípico. Así define a  conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez (Melide, 1972) o verán que está a vivir Galicia, con comarcas, como a de Verín, onde non cae unha pinga dende hai meses. E iso vai en contra da campaña contra os lumes forestais.

-Este ano hai máis incendios pero menos superficie queimada.

-Vivimos un verán relativamente tranquilo, aínda que esta semana torceuse e houbo moitísimo traballo e moita intranquilidade. É unha mágoa, porque Galicia non pode estar cada verán ao auspicio dos incendios e dos incendiarios. Creo que quixeron poñer a proba o operativo e funcionou. Un verán máis Galicia ten que falar de incendios, pero en zonas localizadas, zonas historicamente incendiarias.

-Que aconteceu para que en tres días arderan mil hectáreas?

-Esta foi a semana na que máis incendios se concentraron, e ademais de maneira continuada e reiterada en varias zonas, con distintos focos e coas temperaturas máis altas do ano e a humidade máis baixa. O 80 % dos incendios desta campaña quedaron en conato, pero chega un momento no que en certas condicións non es capaz de atallalos. Hai incendios accidentais, hai outros que son neglixencias, e outros que son claramente intencionados nos que non es capaz de atallar. E non es capaz cando cho poñen nunha ladeira e o vento sopra a favor, cando che poñen varios conatos separados 200 metros entre si e acaban uníndose, ou cando prenden en zonas totalmente inaccesibles.

-Tres de cada catro incendios son intencionados. Por que?

-Ogallá tiveramos unha resposta, porque atallariamos o problema. Un incendio haino que tomar como se fose un atentado e hai que dar un paso máis: reformar o Código Penal. Ao igual que hai sentenzas onde unha persoa está illada de outra porque lle pode facer dano, un pirómano non pode saír da cadea nun mes de xullo ou agosto e que non o teñamos localizado. Un pirómano non pode andar solto polo monte e non lle podemos ter unha patrulla da Garda Civil ou da Autonómica para el. Despois do que pasou en Portugal, do que está pasando en León, un pirómano non pode andar solto así. Pasou en Maceda, era unha persoa con 30 incendios nas súas costas. Esa xente, sexan enfermos, teñan maldade, pola razón que sexa, non poden campar ás súas anchas. Teñen que ter un xeolocalizador, sexa unha pulseira ou outra cousa.

-Queimar 1.300 hectáreas como en Verín, que pena debe ter?

-Non pode saír barato e teno que pagar. Cando falo de pagar non falo só de privalo de liberdade. Falo de economía. O operativo que temos en Galicia hai que pagalo e págano todos os galegos, así que ten que ir ao peto de cada incendiario. Seis meses de cadea non son nada en comparación coa desfeita que puido provocar, porque un piñeiral tarda 20 anos en volver ser produtivo. É demasiado pouco tempo e ao mesmo tempo, sendo ou non enfermo, non sei se illalo, pero dende logo hai que telo controlado. Teñámolo controlado durante unha longa temporada. Haberá xente que se cure, pero coa que se vexa que é reincidente hai que tomar medidas duras.

-Galicia arde polos eucaliptos?

-En Galicia arden os eucaliptais, os piñeiros, os castiñeiros, ardeu algunha vide, arden os pastos.. Galicia arde cando alguén lle prende lume, e ese alguén ás veces faino nos eucaliptais e outras veces a carón dunha urbanización ou dunha praia. Está claro que Galicia non se pode converter nun monocultivo e ese non pode ser só eucalipto. Temos espazo para todo e estamos traballando para en setembro pechar definitivamente a revisión do plan de ordenación forestal. Hai que tentar chegar a un consenso, pero hai varias cousas que están claras: hai zonas que son propias para o eucalipto e deixemos que sexa produtivo, pero o que non se pode permitir son plantacións de eucaliptos preto das casas, sen gardar as distancias, e o que non se poden permitir son plantacións en zonas agrarias.

-Está descontrolado?

-Non se lle pode chamar descontrol, pero este ano houbo 590 expedientes e 960 requirimentos, é un número importante. Dende esta semana, aparte de facer notificacións facemos balizados. Chégase a unha plantación, rodéase e díselle ao propietario que non cumpre, que ten tantos días para proceder ás cortas e recordámoslle as sancións. Galicia é a comunidade máis importante a nivel forestal e o eucalipto dá vida e postos de traballo, pero temos que facer as plantacións onde hai que facelas.

«A velutina veu para quedar»

Que o monte está abandonado é outra explicación que se lles dá aos incendios.

-Non é verdade. O que non se pode dicir é que Galicia ten 600.000 hectáreas improdutivas. E que hai hectáreas que serán sempre improdutivas porque hai biodiversidade e ten que haber monte raso, monte baixo, hai acantilados onde é imposible facer unha plantación. A partir de aí todo se pode mellorar e estamos traballando moito na sanidade vexetal, que é un problema do que ninguén fala pero que está patente e no que facemos moitísimo investimento. Eu vin como ardía monte perfectamente ordenado, regulado e limpo. Hai monte moi produtivo, se non non seriamos a primeira comunidade a nivel forestal.

-Está a lacra dos incendios e a da avespa velutina.

-A velutina veu para quedar e temos que concienciarnos. Conseguiuse que a xente vexa que a picadura non é diferente da dunha avespa normal e que xa non haxa ese temor, e estanse poñendo todos os medios posibles, pero non hai medidas contundentes.

-A xente pon trampas.

- Mellor que consulten a especialistas e que se poñan en contacto con nós, porque as trampas están ben, pero o problema é que colles a velutina e colles a autóctona, caen todas e non é solución, porque a nosa avespa parece que combate á velutina.