Fernando Souto: «Pardo Bazán faría unha gran obra co esperpento que se está a vivir en Meirás»

Brais Capelán A CORUÑA / LA VOZ

GALICIA

CESAR QUIAN

A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica de A Coruña vén de levar ao Congreso unha iniciativa para ilegalizar a Fundación Franco, que xestiona o pazo

11 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O pazo de Meirás leva case un mes sendo xestionado pola Fundación Nacional Francisco Franco (FNFF). Practicamente todas as institucións denunciaron a situación dada no palacete propiedade da familia do ditador. Sen embargo, aínda ninguén deu coa chave para evitar que a asociación exalte a figura de Franco e o seu réxime durante as visitas guiadas ao espazo situado no concello de Sada. Onte foi a Asociación para la Recuperación da Memoria Histórica a que presentou no Congreso unha iniciativa para ilegalizar a FNFF. Tamén desde A Coruña estanse a dar pasos cara un único fin: «Devolver o pazo a quen o pagou». Para iso, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica local constituíu a Xunta Pro Devolución do pazo de Meirás, na que se poderían enrolar os concellos e institucións que «defendan o uso público deste espazo».

-Como reciben a nova de que a Fundación Nacional Francisco Franco xestiona as visitas ao Pazo?

-Como todo o mundo. Foi a través dunha entrevista á filla de Franco. O que é sorprendente é o comunicado da FNFF, asumindo esta situación con total normalidade. É unha situación esperpéntica.

-Cal sería a medida máis urxente para poder resolver esta situación?

-O primeiro paso é a ilegalización dunha entidade que non cumpre os principios básicos democráticos. O segundo paso será que a xestión do pazo pase a mans de institucións democráticas, como é o Concello de Sada, ao que nós apoiamos nestes termos. E o terceiro sería a devolución do espazo a quen o pagou, que son os veciños e a cidadanía en xeral.

-Como é posible que non se soubese desde un comezo que a FNFF xestiona o pazo?

-É unha evidente situación de impunidade da familia Franco. Non dan explicacións a ninguén. Están nunha especie de limbo e crense os señores de Meirás. Non cren nos principios democráticos e, por iso, consideran que non teñen que dar explicacións.

-Que opinan da actitude da Xunta ou do Goberno ante esta situación?

-Teñen que ter moita precaución, xa que son os representantes lexítimos do Estado. Están adoptando posicións tibias fronte a defensa da democracia. Aquí non hai bandos, só existe o bando democrático. Fóra, non hai lei. Nós actuamos continuamente coas institucións e esiximos unha maior claridade ao Goberno e á Xunta. Hai que recordarlles que son os lexítimos representantes do pobo.

-Atenderá o Congreso á súa petición para ilegalizar á FNFF?

-A FNFF naceu en 1977. Polo tanto, non cumpre a lei de fundacións. Non é unha cuestión de ilegalización, senón que non é legal. Hai que actuar desde as institucións e adoptar medidas para que se respecten os dereitos mínimos. Esta entidade nega as vítimas do franquismo. Non entendemos como non se actúa ante esta situación e si noutras moito máis cuestionables.

-Consideran este movemento como unha burla por parte da familia Franco?

-É unha auténtica provocación que a Fundación Franco xestione o pazo. Emilia Pardo Bazán faría unha gran obra de teatro co esperpento que se está a vivir en Meirás. Un espazo de liberdade e creación estase a converter nun reduto dunha familia que se nega a entrar no século XXI. O pazo de Meirás é a punta dun iceberg para a nosa asociación. Esta volta ao pasado ponlle os pelos de punta desde a un votante do PP ata o último militante do Partido Comunista.