Galicia canosa

Manuel B. Desar TRIBUNA

GALICIA

09 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Bendita sexa Galicia por nos permitir aspirar a centenarios. Aos que falan mal do Sergas ou dos nosos médicos e sanitarios había que poñelos de xeonllos. Hai uns días souben doutra milagre que me tocou preto: dobre transplante de fígado e dun ril. Sobreviviu. Isto non acontece nas sanidades anglosaxonas, e menos para a xente do común. Hai cousas que funcionan e moi ben en Galicia e en España. Por razóns profesionais tiven que contrastar o sistema galego de transplantes co teutón, e o noso gaña por K. O.

Viviremos máis anos. Os que temos fillos aspiramos a que eles vivan aínda máis e mellor cá nós. Pero isto ten uns custes e debemos prepararnos. Por desgraza, os economistas non estamos ao mesmo nivel profesional cós nosos médicos, se cadra por non superar un MIR e longas gardas mal pagadas, nas que cómpre tomar decisións vitais en cuestión de segundos.

A economía é unha disciplina lúgubre. Sempre esculca nunhas necesidades que medran con restricións de recursos para asumilas. Mais non lle imos facer caso ao ministro xaponés de finanzas, Taro Aso, cando dixo que os vellos deberían darse présa en morrer. Non sei que entenderá el por vello, considerando que naceu en 1940. Pero fóra desa animalada, o certo é que Xapón pode ensinarnos moitas cousas sobre a «xeronomía», ou economía senescente. O primeiro é que non debemos ter tan poucos fillos coma os xaponeses, aínda que cheguemos ser tan competitivos coma eles. Precisamos xente nova para que os nosos maiores gocen da súa vellez e nós da súa sabedoría vital. Cómpre financiar máis medios para atendelos mellor, e iso só é posible rexuvenecendo a nosa sociedade para impulsar a nosa economía. A teima da silver economy, ou economía canosa que din en Bruxelas, só nos conduce ao racionamento permanente. Traballar ata os 72? Wolfgang Clement, exministro alemán de economía (SPD), xa o dixo. Pero Alemaña é outro desastre demográfico. Daquela, aprendamos dos erros dos prósperos nipóns e xermanos.