Estrela Gómez: «A falta de formación impide detectar máis casos de maltrato infantil»

Sara Carreira Piñeiro
sara carreira REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

CÉSAR TOIMIL

A coordinadora da Asociación Galega contra o Maltrato a Menores defende a figura do psicólogo forense para rapaces, porque a primeira declaración dun neno é fundamental

30 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Estrela Gómez é mediadora social e está ao fronte da Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (Agamme), un colectivo que loita pola protección dos rapaces contra a violencia, de todo tipo, que están a sufrir.

-Segundo os procedementos incoados nos xulgados galegos, cada ano hai 400 vítimas de maltrato na casa. Esa cifra é real?

-O maltrato infantil na casa é a violencia máis habitual sobre os nenos e a que produce máis desprotección, porque a eses nenos non lles defende quen debería. A proporción de denuncias é baixísima, moi por debaixo da realidade. Hai un dato moi fiable, do Consello de Europa, que din que o 20 % dos menores sofren abusos sexuais... Así que a cifra de maltrato físico ten que ser máis alta, porque engloba outras cousas.