Román Rodríguez: «En ningún caso haberá redución no número de unidades, das aulas»

Sara Carreira Piñeiro
sara carreira REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

Salvador Sas | EFE

El conselleiro de Educación defende a elección da data porque «queriamos pechar o curso sen estrés na aprendizaxe dos rapaces»

29 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Ninguén na consellería pensaba que o traslado de alumnos de secundaria de tres CPI (As Pontes, O Porriño e Ribadavia) e a fusión de dous centros de primaria en Outes ía ocasionar a treboada que hoxe chega ás portas da Consellería de Educación, onde vai haber unha manifestación, sobre a que o conselleiro di que «cada un é responsable dos seus actos».

-Unha das queixas destes días é a elección da data para comunicar o traslado dos rapaces de secundaria, o día 23 de xuño. Por que o fixo así a consellería?

-Entendemos que era a mellor data posible: pechar o curso sen estrés nin interferencias na aprendizaxe dos nenos. Facelo a metade de curso era prexudicar o proceso de aprendizaxe.

-Cre que as familias tiveron toda a información necesaria?

-Dende que se avisou ao centro, os inspectores da Xunta están a disposición das familias para explicar todo o proceso, que non vai ser máis que cambiar uns metros a aula. Este é o momento de solucionar os problemas que poidan xurdir.

-Non se unirán nunha soa aula os rapaces do colexio cos do instituto? Porque a masificación é outra das preocupacións da comunidade educativa.

-En absoluto. Ningún caso dos catro colexios que se reorganizan, e en Galicia hai 1.100 colexios públicos, que tamén temos que pensar na escala do que estamos a falar, pois ningún caso, repito, leva aparellado o peche dunha unidade escolar.

-É dicir, haberá o mesmo número de aulas...

-Efectivamente. Por exemplo, se nun CPI había unha unidade de 1.º de ESO e no instituto unha de 1.º de ESO, agora no instituto haberá dos unidades de 1.º de ESO. Os rapaces de secundaria destes tres colexios integrados non só estarán igual que agora senón incluso mellor: van ter os mesmos profesores, mellores servizos de orientación e apoio, máis materias para escoller... E temos que recordar que en Ribadavia os edificios [o CPI e os IES] están parede con parede; en O Porriño hai que cruzar a rúa, cen metros; e nas Pontes están a 650 metros de distancia. Pero creouse unha alarma sen fundamento, dicindo que ían pechar centros.

-Os rapaces de 12 anos agora irán a un instituto con rapaces de 18, e no CPI o curso máis alto era 4.º de ESO.

-Como recolle a lexislación española, os rapaces de primaria estarán con rapaces de primaria e os rapaces de secundaria estarán con rapaces de secundaria.

-Non hai sitio na escola pública para ofrecer CPI nas cidades?

-Hai modelos educativos diferentes, e nós respectámolos, pero os principios educativos dende a Loxse a hoxe son que os alumnos de primaria e secundaria teñan o seu propio espazo.

-Pero entenderá ás familias...

-Por suposto. Hai unha vinculación emotiva co colexio, é lóxico. E a reorganización dos alumnos causa incerteza nas familias, eu compréndoo e enténdoo. Eu son pai tamén. Pero estas familias teñen que saber que se vai mellorar o servizo e a atención aos seus fillos; a min iso daríame tranquilidade, que o meu fillo vaia ter máis oportunidades.

-Pensando nos vindeiros anos, hai varios CPI en Galicia que están en concellos nos que tamén hai institutos, como Fene, Narón ou Nigrán, por dicir algúns. Cal será a súa situación no futuro?

-Para pensar nunha reorganización non só ten que haber institutos moi preto, senón que estes institutos conten con oferta suficiente para acoller aos rapaces do CPI e manterse por debaixo das ratios [30 alumnos por aula na secundaria]. E agora estas circunstancias non se dan en ningún caso máis. Nin a curto nin a medio prazo.

-Esa é outra cuestión. Non habería que facer unha reorganización xeral e dialogada do mapa escolar galego?

-Todos os anos adóptanse medidas coma estas, dende ciclos de FP que pechan a aulas que abren ou pechan. É un proceso constante, paulatino, unha cuestión progresiva que ten que ver coa demografía, a xeografía e os servizos educativos, e que se fai sempre con absoluta normalidade.

-Entón, por que cre que nesta ocasión hai tantas queixas?

-Escoitei críticas que din que a Xunta pecha colexios no rural. E non pode ser menos certo. Precisamente estes CPI están en núcleos urbanos. Este modelo de integrar primaria e secundaria só se dá en Galicia, hai case setenta e mantense, aínda que nalgúns casos case hai máis profesores que alumnos.

-Estamos a falar dos CPI, pero tamén hai un colexio de primaria implicado, o CEIP Emilio Navasqüés, de Cruceiro de Roo, en Outes. Ese si que pecha.

-Pecha o edificio, pero non as unidades escolares. Os rapaces xuntaranse cos de Serra de Outes no novo CEIP de Outes, que lles ofrece plurilingüismo, é practicamente novo e teñen transporte e comedor.

-Pero pasan de xornada continua a xornada partida.

-Esas cousas son as que se poden solucionar agora.