Lucía Ferrón: «Estamos a almacenar toneladas deste residuo perigoso»

m. m. REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

senen rouco

A xefa de Hixiene Industrial do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral  é a encargada de supervisar as obras desamiantado

22 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Todas as obras de desamiantado que se levan a cabo en Galicia pasan pola súa oficina. O Issga é o órgano responsable de aprobar os plans de traballo das compañías autorizadas.

-Aumentou a conciencia do risco que supón o amianto?

-Cada día recibimos máis chamadas, pero tamén é certo que a vida útil dos materiais con amianto instalados se vai esgotando. Se no 2009 aprobamos un 150 plans de traballo, no 2016 foron 553. Respecto aos traballos executados, pasamos dos 500 aos 2.460 o pasado ano.

-Debemos estar preocupados?

-Todas as placas da coñecida como uralita anteriores ao 2002 teñen amianto. E todos temos preto un alboio, unha cuberta ou tubaxes que conteñen amianto. Pero, para que sexan perigosos, teñen que estar nun estado deplorable. Por iso, os traballadores, tanto os das empresas que retiran fibrocemento coma un fontaneiro, son os que corren máis riscos. Cando se manipula é cando pode romper e soltar po e, con el, as fibras de amianto.

-Pode un particular retiralo de forma individual?

-Somos conscientes de que os custos de recurrir a unha empresa autorizada poden ser elevados para un veciño que, simplemente, quere cambiar o teito dun galiñeiro. Loitamos para que se habiliten puntos limpos de recollida. Os residuos de amianto son altamente perigosos. As placas hai que retiralas enteiras, nunca partilas. Tampouco se poden enterrar de xeito descontrolado.

-Que se fai con el?

-Sotérrase en plantas de residuos. O problema é que o amianto segue aí. A Comisión Europea vén de instar ós seus membros a que o destrúan. Estamos a almacenar toneladas dun mineral que se empregou de forma masiva. Traspasamos o problema ás xeracións futuras.