Luís Villares: «Quero pensar que non hai ruptura, senón só un desencontro puntual»

O voceiro e líder de En Marea cre que no plenario de xuño as actuais diferenzas quedarán atrás, ou que «xa desde o domingo quedaron atrás»


santiago / la voz

Logo da tormenta da fin de semana, o novo líder de En Marea está convencido de que amainará. Pero polo de pronto, como dixo nun tuit Iago Martínez, de Marea Atlántica, a votación do domingo puxo as cartas boca arriba e xa se pode falar claro.

-Falando claro, que pasou para chegar a este cisma?

-O resultado electoral das primarias deu lugar a tres listas, a de Máis Alá! co 58 % dos apoios, e as outras dúas, co 42 %. Aí xurdiu un dilema, se había que facer unha coordinadora proporcional ou non. A min non me parecía xusto que non se respectase a proporcionalidade, ademais os estatutos aprobados en decembro fixaban ese principio de proporcionalidade. Ese foi un dos elementos do desacordo.

-Como aceptou encabezar unha lista que o descartaba a vostede como líder?

-Eu respecto o que me pida a maioría e se me piden que sexa voceiro, son voceiro, e se me piden que non, pois non. Non me sentín vetado porque non era unha cuestión de nomes. Sempre quixen escoitar á maioría.

-As duras reaccións non lle fan pensar que isto significa unha ruptura en En Marea?

-Eu quero pensar que non hai ruptura, senón só un desencontro puntual, porque ademais non foi unha exclusión dos críticos senón unha renuncia deles. Aínda o venres nos reunimos tratando de chegar a un acordo, e na proposta que levabamos había catro persoas para a coordinadora, que eran Borja San Ramón, Rafa Dopico, Iago Martínez e Noemí Prados, e foron eles os que renunciaron.

-Por que cre que o sector de Xulio Ferreiro non o quería a vostede de voceiro?

-Iso habería que preguntarllo a eles. Supoño que había dúas formas de pensar, aínda que eu creo que son complementarias. Que o discurso sexa plural ou que haxa unha referencia clara, pero nós imos combinar as dúas cousas porque vai haber espazos sectoriais que van estar representadas por outras persoas, non por min, por iso penso que as dúas posturas eran complementarias.

-Quedan fóra EU e Podemos?

-Iso non está tan claro. En Marea é de adscrición individual, trátase de acubillar todas as sensibilidades, e na coordinadora está Elena Cores, que foi proposta por Podemos; da mesma maneira que tiña que estar Noemí, porque eu tiña ese compromiso con Esquerda Unida. Foi ela a que renunciou.

-Semella máis grave a división en Anova, xermolo de En Marea e proxecto político de Beiras.

-É certo, Anova foi un actor fundamental no espazo de confluencia, pero eu nunca me apartaría do proxecto de Beiras, antes diso vou para casa. O que pasa é que dentro de Anova hai varias sensibilidades, o mesmo que en Podemos. En Marea é un espazo de participación cidadá e iso é bo, non é unha coalición, e se hai un desencontro de partidos, non se traslada a En Marea. E hai xente coma min que non ten afiliación e mareas que se vían á marxe e crían que estabamos máis pendentes dos partidos que do espazo de unidade. Pero eu creo que no seguinte plenario todo isto quedará atrás, xa desde o domingo quedou atrás.

-Hai quen di que primeiro se esnaquizou AGE e agora vai pasar o mesmo con En Marea.

-Non, o que se fixo foi deixar atrás AGE para crear unha dinámica diferente á de partidos.

-Tamén din que para isto non pagaba a pena marchar do Bloque.

-Tampouco. En Marea non é un partido tradicional e a coralidade está garantida, pero os inscritos falaron e non queda máis remedio que respectalo.

«En decembro, o 90 % votaron contra a incompatibilidade de cargos, e había que respectalo»

Fronte a quen lle acusa de ter roto o consenso, Villares sostén que «no plenario de decembro, o 90?% votou contra a incompatibilidade de cargos, e iso había que respectalo». Era esa incompatibilidade, que ía no documento político de Máis Alá!, a que impedía que el fora voceiro. A entender dos afíns a Xulio Ferreiro, como ese documento foi o máis votado, non se podía modificar, como logo se fixo.

-Que pensa de Xulio Ferreiro?

-Que é o mellor alcalde que tivo A Coruña.

-Antón Sánchez?

-Un excelente compañeiro e a voz enérxica da dignidade no Parlamento.

-Carmen Santos?

-Unha excelente compañeira que representa a integración no espazo de confluencia dun segmento social que chega á política por vez primeira, e a rebeldía que expresamos quedaría incompleta sen contar con esa parte.

-Eva Solla?

-É unha máquina moi eficaz de traballo, unha persoa moi eficiente e moi traballadora.

-Agora é libre para falar por si mesmo?

-Sempre fun a mesma voz e expresei o mesmo sentir político.

-Di Leiceaga que o éxito de Feijoo é que non ten oposición.

-Leiceaga que fale por el.

-Pero estas liortas non axudan...

-Non se nos esperaba porque eramos un movemento de indignación e estamos a facer un discurso político. Non nos conformamos con indignarnos, queremos comprometernos e a xente está sorprendéndose gratamente.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
6 votos
Comentarios

Luís Villares: «Quero pensar que non hai ruptura, senón só un desencontro puntual»