Ana Pontón: «O voto desencantado das mareas volverá se nós o facemos ben»

Mario Beramendi Álvarez
mario beramendi SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

PACO RODRÍGUEZ

A líder do BNG apela a abrir un tempo novo e a traballar xa para recuperar terreo nas municipais

28 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai algo máis dun ano, Ana Pontón (Sarria, 1977) colleu o temón do Bloque. Eran tempos convulsos, e aquela operación tiña certo aire de provisionalidade. Esta fin de semana, despois de lograr un resultado nas autonómicas moi por riba das expectativas, foi reelixida portavoz nacional da organización na súa décima sexta asemblea.

-Na radio hai un programa tódalas mañás que se chama «Hoxe empeza todo». Pois iso. ¿E agora que?

-Agora toca seguir traballando para afianzar ese tempo novo que abrimos. Queremos recuperar apoio social e electoral, e temos retos importantes nas vindeiras eleccións municipais.

-Que mudou no BNG?

-O que conseguimos ao longo deste ano foi unir ao Bloque e afianzar a idea de que o país precisa forzas políticas propias, un nacionalismo con capacidade de actuación. Logramos reilusionar. E neste momento o que nos din moitos sectores sociais e que falemos das nosas propostas para dar solución aos graves problemas sociais.

-A organización, en cambio, segue co mesmo modelo de fronte co que naceu hai agora 35 anos. Nada mudou aí...

-O que é positivo non hai que cambialo. A pluralidade política é un valor, foino sempre e ten que seguir sendo cara ao futuro. Nós, na nosa organización, recollemos formas distintas de entender o país, que suman e que aportan nun proxecto.

-Cre vostede que a actual arquitectura do Bloque vai servir para que a organización sexa quen de crecer e ser unha alternativa real de goberno?

-Os éxitos e os fracasos do Bloque ao longo da súa historia non son culpa do frontismo. Dependen dos acertos e dos erros, do que facemos ben ou mal, e de momentos e etapas diferentes. Nós temos a aspiración de que o Bloque sexa unha referencia maioritaria en Galicia. E imos traballar para iso. Son das que pensa que a este país lle iría moito mellor cun Goberno nacionalista. E non temos máis que ver os niveis de desenvolvemento de Cataluña ou de Euskadi, que non se explican sen políticas autocentradas.

-En que medida o Bloque se presenta máis cohesionado porque os críticos están todos fóra?

-Eu o que vin durante todo este ano é que moitas persoas que tiñan dúbidas remataron con motivos para ter confianza no proxecto do nacionalismo e do Bloque. A crítica dentro da nosa organización vén de serie. Non coñezo a ninguén no BNG que non sexa crítico ou crítica e por tanto non penso que ese sexa un valor que non teñamos neste momento.

-Este BNG que abre un tempo novo agocha agora a bandeira soberanista que izara no 2013 trala fractura de Amio?

-Nós non agochamos nada, nós dicimos o que somos. O BNG ten un proxecto estratéxico, e ademais eu estou convencida de que ou temos capacidade para decidir, ou temos un poder político propio, ou non imos resolver os nosos problemas estruturais, como demografía, sectores produtivos, renda.

-O BNG mira cara ao futuro. Pero vostede non valorou a baixa de Xavier Vence, o anterior portavoz...

-Si que me preguntaron, e téñoo expresado. Xavier Vence ten todo o meu respecto e a miña consideración. Foi un militante que ten feito grandes achegas dende o punto de vista teórico, e deu un paso nun momento moi difícil para o Bloque. E ten todo o meu afecto e o meu recoñecemento, e só vou ter boas palabras para el.

-En que medida as divisións internas das forzas do resto da esquerda poden rematar beneficiando ao Bloque?

-Eu teño moi claro que os deméritos dos demais non van facer que nós sumemos. Para que a nós nos vaia ben temos que facer nós ben as cousas.

-Non pode ser que o BNG recupere voto desencantado das mareas, por exemplo?

-Si, pero volverá se nós o facemos ben. Non porque os demais erren. E xa o dixen na asemblea. O PSOE tivo crises e os seus votos non viñeron para o Bloque.

-Cre vostede que os nacionalistas que marcharon do BNG terminarán arrepentidos de dar ese paso?

-Non teño unha bola de cristal nin me corresponde facer esas aseveracións.

-Antonte dixo que as portas do BNG seguen abertas...

-As portas do Bloque seguen abertas para as persoas que marcharon da nosa organización, pero para todo o mundo que comparta que Galicia precisa de forzas políticas propias. E refírome a organizacións e a persoas, os que nunca estiveron en nada. Xente que sinte o país, e que non deron o paso dun compromiso maior.

-Nesa lóxica encádrase a invitación ao peche da asemblea do alcalde de Lalín, Rafael Cuíña?

-Dáselle moita importancia a este caso, pero tamén invitamos a outros alcaldes que non son militantes do BNG e son independentes. Eu agradézolle moito que viñera, e ademais foi unha persoa que apoiou ao BNG noutros procesos electorais, como as últimas xerais. E estamos cogobernando con eles no Concello de Lalín.

«O PSOE ten demostrado en moitas ocasións maltrato ao noso país»

Unha parte do discurso de Ana Pontón no peche da décima sexta asemblea do Bloque xirou sobre os asuntos de maior actualidade.

-Pedro Sánchez ou Susana Díaz?

-Para min o PSOE non é unha referencia, e os dous, no que a min me interesa, que é Galicia, defenden o mesmo: un Estado centralista. Por tanto, dáme igual. Estamos ante un problema de proxecto e o PSOE ten demostrado en moitas ocasións maltrato ao noso país.

-Vostede dedicou a Feijoo unha parte do discurso de peche na asemblea. E foi moi crítica coa súa achega a Galicia.

-É normal que falemos dos asuntos que preocupan aos cidadáns. Para min Feijoo é o peor presidente da historia autonómica de Galicia no que se refire ao seu legado, ao balance que deixa. Feijoo é un gran manipulador, máis é un moi mal presidente para Galicia, sobre todo nos asuntos clave.

-Como por exemplo?

-En asuntos como o da AP-9 acabou traizoando a Galicia. É incapaz de facer valer a posición do Parlamento galego, e mesmo nos intentou vender que cunha reunión co ministro quedaba resolto o problema. E estámolo a ver con outros asuntos, como o financiamento, onde Galicia está desaparecida. Mentres, Feijoo anda preocupado por Cataluña, cando debería estar defendendo a Galicia, por exemplo cun concerto económico.

-Vostede cre que é realmente viable?

-Totalmente, estou absolutamente convencida. Os galegos pagamos máis impostos do que estamos recibindo.

-Non pensa que a Feijoo lle tocou lidar cunha crise sen precedentes?

-Ninguén nega iso. Pero todos os presidentes tiveron que xestionala. O asunto é a posición na que estamos. E non é a mellor. A crise foi máis intensa porque Feijoo foi o alumno avantaxado de Montoro recortando.

-Se tan mal o fai. como é posible que o vote tanta xente?

-Na dinámica política galega xogan moitos factores. O PP ten unha implantación territorial moi forte, e nestes anos, ademais, os partidos que estabamos na oposición non o fixemos ben.

-Que relación teñen con En Marea no Parlamento?

-Temos contactos con toda a oposición e falamos con todos os grupos sobre os asuntos da axenda parlamentaria. O que vexo é que En Marea ten o seu proxecto propio político, e respecto a nós hai diferenzas en cuestións moi importantes.

Namorada da súa aldea natal, en Sarria, e da poesía de Marta Dacosta

«Se tivera que escoller un recuncho de Galicia, pois quedaría coa miña aldea, Chorente, en Sarria, que é o meu refuxio, aínda que hai lugares moi fermosos neste país», detalla Ana Pontón, unha persoa que gusta da lectura e que ten á poeta Marta Dacosta como unha das autoras de cabeceira. A súa comida preferida é o ceviche, a súa cor o verde e o seu filme favorito dos últimos que puido ver é «Mimosas», de Oliver Laxe. «¿Un lugar ao que non iría nunca? Pois supoño que á Lúa», di sorrindo a portavoz nacional do Bloque. Ana Pontón, amante da literatura, gusta de ler as obras no idioma orixinal dos autores. O faino co castelán e non tan a miúdo co inglés. «Se dominara mellor esa lingua, faríao, pero non é o caso», ironiza a líder nacionalista. A súa canción favorita dentro das actuais é de Guadi Galego e titúlase «O mundo está parado».