Carlos Amoedo: «Non vexo argumentos xurídicos para anular as ofertas públicas de emprego»

Tamara Montero
tamara montero SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

CESAR QUIAN

Os Orzamentos prorróganse a 1 de xaneiro se non hai uns novos e de xeito íntegro, incluíndo a taxa de reposición

03 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Carlos Amoedo (A Coruña, 1970) é catedrático de Dereito Administrativo na Universidade da Coruña especializado en procesos de acceso á función pública.

-Pódense convocar as oposicións ou non?

-Hai un paso previo que é aprobar a oferta de emprego público anual. O que se está discutindo é se as comunidades ou entidades locais poden facer esas ofertas. Para que se poidan aprobar o outro paso previo é que haxa Lei de Orzamentos, que fixa a taxa de reposición.

-Se hai uns Orzamentos prorrogados que fixaban unha taxa do 100 %, poderían convocarse con esa taxa?

-Pódese aprobar na medida na que ao non existir os Orzamentos do 2017 enténdense prorrogados os do 2016 e a taxa de reposición para esa oferta pública de emprego sería a que aparece no artigo 20 da Lei de Orzamentos para o 2016, que é o 100 % para sanidade e educación.

-E o artigo 20 segue en vigor.

-O que pode dicir un xurista conforme ao artigo 134 da Constitución e o artigo 38 da Lei Xeral Orzamentaria é que a prórroga realízase a 1 de xaneiro e realízase integramente, salvo nas excepcións que establece o artigo 38 da Lei Xeral Orzamentaria.

-Que son?

-Os créditos de investimento e transferencias correntes. Xuridicamente non acabo de ver os argumentos que utilizaría a Avogacía do Estado ou a Xunta para requirir a anulación dunha oferta pública de emprego aprobada no 2017 con ese 100 % de taxa de reposición aprobado no 2016. Non os vexo porque sinceramente creo que non os hai.

-Pero houbo ameazas de impugnación. Non hai base?

-Obxectivamente non albisco os argumentos xurídicos para atacar esas ofertas de emprego.

-O País Vasco xa publicou a convocatoria.

-Para facer unha impugnación deste estilo antes de ir á xurisdición contenciosa a Avogacía do Estado o que fai é requirir a anulación do decreto que aproba a oferta pública de emprego. A Avogacía ten un mes e despois a Administración aínda ten dous meses para contestar. Habería que esperar para ver se nese período de tempo sae a Lei de Orzamentos.

-Hai maneira de blindarse?

-Se as comunidades teñen dúbidas sobre a seguridade xurídica das ofertas poden buscar xeitos de blindarse, por exemplo metendo unha disposición transitoria onde se explicite que a oferta pública de emprego se executará na medida en que sexa respectuosa coa taxa de reposición que se aprobe nos Orzamentos para o 2017.