«Defendemos ser útiles fronte a esa outra posición de trincheira»

Susana Luaña Louzao
s. luaña SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

Xoán Rey | EFE

A deputada Ánxela Rodríguez é a primeira galega (número 14) na candidatura de Íñigo Errejón

10 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Ánxela Rodríguez Pam está de campaña: da Coruña a Avilés, de Vigo aos Pirineos... «Estou na montaña, entrando nun túnel, non sei se se cortará...», di inmersa de cheo na ruta para divulgar a mensaxe de Recuperar la ilusión que lidera Íñigo Errejón para o congreso de Vistalegre II. Nótaselle o entusiasmo. «É unha tarefa que me fascina a de traballar para botar do poder a Mariano Rajoy», asegura.

-¿Por que apostou pola lista de Íñigo Errejón? ¿Cales son as diferenzas coa de Pablo Iglesias que a levaron a tomar esa decisión?

-Creo que nestes momentos que estamos nun ciclo político non electoral, para mellorar a vida da xente hai algunhas cuestións que defendemos que son fundamentais. No plano político, defendemos ser útiles fronte a esa posición de resistencia e trincheira. Iso pasa por integrar a xente que non está no partido, non podemos esperar tres anos, hai que xuntar a máis. E logo, no plano organizativo... O que queremos para España o queremos tamén para nós. Separación de poderes, unha comisión de garantía independente, descentralización... Que no consello cidadán estean representados os territorios e non só a xente de Madrid, e que entren os círculos.

-Pero o que transcende non é iso, senón as liortas internas.

-Temos que facer autocrítica, si. Non fomos o suficientemente responsables, temos que debater de ideas e deixar os comentarios fóra de ton. Se non, o que estamos a acadar é que a xente se aparte. Canto máis agresiva é a mensaxe más difícil vai ser achegar a persoas que agora non están en Podemos.

-¿Iso pasa por pactos con outros partidos como o PSOE?

-Non se pode esperar a ter outras eleccións para facer traballo parlamentar, é necesario negociar con outros grupos, dialogar e, se se pode, chegar a acordos.

-Como con En Marea. ¿Como ve ese pacto vostede que é deputada en Madrid baixo esas siglas?

-Creo que é clave. O cambio pasa por acordos así, aínda que sen perder Podemos a identidade.

-¿Pero iso non é complicado? ¿Non corren o risco de quedar anulados pola outra forza?

-Hai unha serie de cuestións propias que nós levamos no programa político, como o pleno emprego ou a renda básica, que nos diferencian. Pasa como con Esquerda Unida, ¿vai perder a súa identidade?

-Pero EU ten unha longa historia e Podemos está empezando...

-Os camiños políticos non son únicos nin lineais e hai que seguir construíndo de forma colectiva.

-¿Se gaña Errejón estará na dirección de Podemos?

-Estarei con Iñigo, con Pablo ou onde sexa preciso que estea.