Ana Pontón: «Síntome libre indo polo monte»

GALICIA

A líder do BNG asegura que a política foi «algo vocacional moi apegado a un sentimento de que Galicia non estaba ben tratada»

27 ene 2017 . Actualizado a las 08:59 h.

A líder do BNG atópame un oco no medio dun día de intensa actividade parlamentaria. Ana Pontón, moi alta, moi sorrinte, devora o cuestionario como se tal cousa na seguridade do seu despacho no Parlamento. Dá a impresión de que non é cousa do despacho, senón dela mesma.

-Sendo de Sarria, faría o Camiño algunha vez.

-Pois non, aínda que pareza incrible. Téñoo na axenda, aínda que non farei o Camiño Francés.

-Cando era pequena, que quería ser de maior?

-Tiven unha etapa na que pensei estudar Xornalismo. Por aqueles correspondentes de guerra que facían algo tan interesante. Agora, en perspectiva, xa non o vexo dende aquel punto de vista tan idílico.

-Con que lle gustaba xogar cando era cativa?

-Xogaba moito con meus irmáns. Eramos catro e tiñamos moito tempo para xogar a pillar, subirnos ás árbores. O que si lembro é que non me gustaba xogar coas bonecas. Estaban todas metidas en caixas. Chegou un día que decidín que era moi maior e que as tiña que legar á miña irmá. E ao cabo dun ano estaban todas rotas.

-E na política meteuse cedo.

-Para min foi algo vocacional moi apegado a un sentimento de que Galicia non estaba ben tratada. Quizás influíu que unha parte da miña familia emigrou e iso mostra que aquí hai algún problema. O que lembro é que esa preocupación pola nosa autoestima sempre me motivou.

-E daquela, algunha vez pensou que ocuparía este despacho?

-Nunca entendín a miña participación política vinculada a estar nun cargo. Pero a vida me foi levando a ter que asumir responsabilidades. Dende logo non estaba na lista de cousas que tiña pendentes de facer.

-E está a gusto agora?

-Estou contenta, si. Conseguimos darlle unha remontada ao BNG; estamos nun tempo de cambio e xeramos unha expectativa.

-Deixemos o tema, que lle gusta facer cando se libera da política?

-Ese é un dos grandes problemas, que non teño moito tempo libre ultimamente. Gústame moito ir ao cine, ao teatro e quixera ter máis tempo para ler porque se me amontoan os libros na mesiña de noite. Xa non merco máis ata que non os acabe. Pero sobre todo para camiñar polo monte. Encántame. Síntome libre, collendo unhas botas de montaña e indo polo monte, aos Ancares, O Courel...

-Cociña?

-Si. Gústame moito. Ultimamente case nunca o fago. Pero gústame cociñar para a miña parella, os meus amigos. É un acto social que une moito ás persoas. Para min é moi relaxante. É tan interesante o proceso previo como o resultado. Na miña casa de Sarria ás veces miña irmá e máis eu cociñabamos para ata 20 ou 30 persoas. Igual estabamos día e medio cociñando. E disfrutabamos.

-Cal é a súa especialidade?

-Hummm... Non sei...

-Imaxine que é a presidenta da Xunta e ten que cociñar para un dignitario estranxeiro...

-Encargaría a comida ese día, ha, ha.

-Como lle explicaría o que é Galicia a un extraterrestre?

-É moi difícil... Un pequeno paraíso natural pero que tivo mala sorte cos seus dirixentes e coa súa historia.

-Cal é o home máis atractivo que coñece?

-O máis atractivo?... Tamén teño pouco tempo para pensar nesas cousas... Sempre me gustou moito Brad Pitt, pero agora está tan dexenerado que... Cando era adolescente encantábame.

-Tatuaxes?

-Si. Un nas costas, dun tamaño medio.

-Que diría que é o que mellor se lle dá?

-Escoitar.

-E o que peor?

-Organizar o meu tempo.

-Recibe catro invitacións para ir a cear a mesma noite. A primeira é de Donald Trump; a segunda, de Cristiano Ronaldo...

-Ese táchao xa.

-... Miguel Ángel Silvestre.

-Ese quen é?

-Un macizo que sae nas series.

-E que non teño moito tempo para ver series.

-... E Paul Auster. A quen elixe?

-Uf. Non sei se non quedaría na casa. Aínda que dicirlle unhas cantas cousas á cara a Donald Trump sería interesante. Sempre dicirlle a verdade aos poderosos é moi tentador.

-Sabe que é Snapchat?

-Si. É unha aplicación de móbil e unha rede que che permite ademais facer unhas fotos moi graciosas. Está ben para xogar.

-Unha canción.

-Escollo unha que no seu momento foi moi polémica e ademais gústame moito: Matriarcas, de Guadi Galego.

-Que é o máis importante na vida?

-Ter felicidade.