Rafael Fernández Padín: «A min xa me tratan máis coma un pai ou un consultor que coma un policía»

É para os veciños unha cara amable que desde un uniforme lles dá os bos días desde hai 32 anos, primeiro como policía en Vilanova e, trala segregación hai dous decenios, no novo Concello da Illa


Rafael Fernández Padín é, para os veciños da Illa, simplemente Rafa, unha cara amable que desde un uniforme lles dá os bos días (ou, se fai falta, lles tira das orellas) desde hai 32 anos, primeiro como policía en Vilanova e, trala segregación hai dous decenios, no novo Concello da Illa. Con 56 anos, estaría a un paso da xubilación se se adiantase, como está previsto, aos 60. E el non o dubidaría. 

-Se o puidera deixar, deixábao, sen pensalo. Hai xente nova que está esperando, xente que está ben preparada, que estuda, e que melloraría o corpo. A maioría dos que entramos cando eu entrei entramos porque non tiñamos outra cousa que facer, pero hoxe calquera auxiliar sabe máis ca min, estudan Dereito, están ben preparados.

-Pero sempre hai traballos que poden facer os maiores, aínda que non sexa na rúa.

-Cos anos vannos arrinconando, vannos deixando para facer tarefas administrativas, pero para iso non fai falta ser policía, unha notificación pódea entregar calquera.

-Igual é máis fácil nos concellos máis grandes, onde hai máis persoal e máis postos alternativos.

-Si, pero iso é un refuxio para a xente maior, e non me parece mal, porque se hai xente que se sinte con forza para seguir traballando, está ben, pero eu prefiro marchar.

-Non seguiría, logo.

-Non. A min agora fanme caso porque son amigo da xente, porque tomo café con eles ou vexo os partidos, pero non porque me vexan coma a un policía. A min xa me tratan máis coma unha persoa maior, coma un pai, ás veces coma un consultor, que coma un policía.

-Son moitos anos no mesmo lugar. ¿Non cre que iso sexa bo?

-Creo que tamén habería que reivindicar a mobilidade, que se crease igual unha bolsa de policías para toda Galicia e que houbese máis opción de moverse, porque estar sempre no mesmo sitio, coa mesma xente, creo que non é bo.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
5 votos

Rafael Fernández Padín: «A min xa me tratan máis coma un pai ou un consultor que coma un policía»