José Ramón González: «Ou en febreiro e marzo chove, ou será unha catástrofe»

O responsable de agricultura e gandería de Unións Agrarias subliña as graves consencuencias da seca en Galicia para o sector


Redacción/La Voz

A falta de choiva preocupa polo abastecemento de auga, pero tamén polas súas consecuencias sobre a agricultura ou a gandería. José Ramón González, responsable desas actividades no sindicato Unións Agrarias, di que se non chove pronto, as consecuencias serán moi graves.

-Nótanse xa os efectos da falta de choivas nos cultivos de inverno ou nos pastos?

-Non é tanto os danos que agora mesmo teña ocasionado a seca, que pode haber danos na horta, fundamentalmente na produción de grelo. O que estamos é moi preocupados pola situación que vén. Hai un dato que é alarmante, que é que nos meses de setembro, outubro e novembro choveu un 34 % menos que a media do período entre o 1981 e o 2010 neses mesmos meses. Os acuíferos están practicamente baleiros, e nalgunhas zonas, se non se recuperan, a situación é incompatible con calquera práctica agraria ou gandeira. ¿Zonas máis afectadas? O sur das provincias da Coruña e Lugo, e os macizos centrais de Ourense. Estamos preocupados, pensando que pode haber unha situación bastante difícil se non chove. Falta case un 40 % da auga que tiña que ter chovido para que fose un ano normal.

-Cales son os cultivos máis afectados?

-Nas comarcas agrarias, co cereal de inverno agora mesmo non hai problema. Ao viño agora tampouco lle afecta. Agora mesmo, salvo algunhas excepcións, xa non hai produción de pasto, e só pode haber perdas para os produtores de grelo ou de horta. A preocupación é que as reservas hídricas, os acuíferos, están practicamente baleiros. Nós o que dicimos é que ou en febreiro ou marzo chove, ou se non estaremos diante dunha situación catastrófica, como hai moitos anos que non se dá. E outra preocupación a maiores é que, segundo os informes de MeteoGalicia, nos últimos anos os meses de febreiro e marzo tamén foron secos.

-E vostedes que teñen unha actividade moi dependente do tempo, teñen a percepción de que é algo puntual ou que é consecuencia do cambio climático?

-Todo indica que non é casualidade nin é un ciclo curto, o que pasa é que é moi difícil saber cales son as medidas para evitalo, polo menos desde o punto de vista da agricultura e da gandaría.

-Cren que será necesario comezar a pensar en cambiar os cultivos e adaptalos ás novas condicións que propicie ese cambio climático?

-Iso é algo que está estudado, hai algún catedrático na Universidade de Santiago que xa o dixo hai tempo, nas zonas de viño obsérvase como variedades ás que lles custaba moito madurar agora maduran ben. Iso é algo que está estudado. E despois é certo que o que se nota é un cambio en canto a estes períodos largos sen chover que despois veñen seguidos dun período largo sen deixar de chover. É algo que os que vivimos dependendo directamente das inclemencias meteorolóxicas notamos bastante.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

José Ramón González: «Ou en febreiro e marzo chove, ou será unha catástrofe»