O profesor da UDC corrixiu o exame da suspendida pola Xunta e logo aprobada polo TSXG
18 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.Carlos Amoedo (A Coruña, 1970) foi o perito independente que se designou a instancias do Supremo para corrixir o exame da opositora que o TSXG aprobou despois de que o tribunal cualificador a suspendera. Catedrático de Dereito Administrativo na UDC e cunha longa experiencia nos procesos de acceso á función pública, confía en que sentenzas como esta axuden a incrementar a transparencia nas oposicións.
-Tamén lle sorprendeu a sentenza?
-Pese a ser o perito xudicial, sorprendeume bastante. Tanto polo fondo como pola contundencia verbal. Non é frecuente que se cargue tanto as tintas contra a Administración. Fala por exemplo dun «resultado sangrante».
-E iso que era o segundo pronunciamento do TSXG sobre o mesmo asunto.
-Si. Xa houbera una sentenza previa, ditada pola mesma sección pero por distintos membros, que lle dera a razón á Xunta e validara o comportamento do tribunal selectivo. Pero certamente era unha sentenza sangrante, parafraseando ao Supremo. Por iso lle deron a razón á recorrente.
-Iso non é moi frecuente.
-Non. Pero cada vez é máis frecuente que o Supremo lle tire das orellas ao TSXG. Aquí fixeran unha chapuza bastante grande coa primeira sentenza: un corta e pega dunha sentenza similar, pero esqueceron cambiar o nome e os apelidos do recorrente. Dende hai uns anos o Supremo extrema as precaucións para avanzar no control na discrecionalidade técnica dos tribunais selectivos. Por exemplo, seguir escrupulosamente as bases da convocatoria. Aquí recoñeceu que non se aplicaran correctamente as bases e que había algúns criterios que permitían sospeitar da transparencia do proceso.
-Pódense extraer conclusións xerais deste caso?
-Aquí hai que actuar con prudencia. Non se poden sacar conclusións xerais de casos tan singulares. Que hai malas prácticas nos tribunais selectivos? Eu creo que iso forma parte da cotidianidade. Pero non quere dicir que haxa que cuestionar a validez de todos os sistemas selectivos, nin dubidar da limpeza xeral do acceso á función pública en España. O que si penso é que se poden aproveitar estes casos para reflexionar. Temos que mellorar os mecanismos de control nas oposicións.
-Por exemplo.
-Profesionalizar os tribunais. Ou a creación de comisións especializadas na reclamación, que é algo que na universidade temos bastante ensaiado e funciona moi ben para a revisión de exames. Ou os tribunais de prazas.
-Eu escoitei que hai letrados que preparan aos opositores e logo están no tribunal.
-Iso está prohibido por lei. Se fose así, sería denunciable.
-A reclamante acadou a praza, pero custoulle bastantes cartos. Un pouco inxusto, non?
-Bastante sangrante, porque a sentenza non lle impón as costas á Xunta. Admite mala praxe, pero non ten ese detalle.
-Veremos máis casos como este?
-Está por ver se a sentenza consolida unha liña máis avanzada en materia de control.
-A xente desconfía do sistema?
-Si. Hai un nivel de desconfianza que tamén ten as súas razóns.