«Todos somos responsables; a dirección galega, os cargos públicos e os militantes»

Susana Luaña Louzao
susana luaña SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

MARCOS MÍGUEZ

A deputada de En Marea en Madrid pensa que a campaña en contra de Errejón foi inxusta, pero admite que a discusión pola pluralidade ten que ser máis calmada

29 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Ánxela Rodríguez foi quen de trasladar a Galicia a polémica entre a liña oficial e os críticos de Podemos cando puxo en interdito o traballo da directiva galega, pero a deputada de En Marea no Congreso asegura que as súas palabras foron mal interpretadas.

-¿Non era unha crítica á dirección galega e polo tanto a Carmen Santos?

-Eu falei en primeira persoa do plural, dixen que todos somos responsables desta situación; a dirección galega, os cargos públicos e os militantes.

-¿Comparte as desculpas deu Pablo Iglesias?

-Temos que tratar de embarrar menos e eu celebro esas desculpas. A campaña contra Íñigo Errejón foi moi inxusta. É certo que hai diferenzas estratéxicas, pero ten que ser un debate máis calmado. Non podemos negar que hai un clamor absoluto de xente que di que Podemos ten que ser máis plural e, se na consulta os votos foron tan repartidos, é que se está invitando a ese debate político. Pero ten que facerse noutros termos, con cariño, noutro ton.

-¿Recoñece que hai un enfrontamento con Carmen Santos desde que ela gañou as primarias ás que vostede tamén se presentaba?

-Perdín por cincuenta votos, a democracia tamén consiste en recoñecer esas posicións diferentes. O que pasa é que o debate xeral non se pode trasladar de forma simétrica a Podemos Galicia, porque aquí dáse a situación única do acordo con En Marea, e eu estou orgullosa de que sexa así. Concordo co manifesto Recuperar la ilusión, pero tamén con moitas cousas que di Pablo Iglesias, que coas súas desculpas deu unha boa lección. Non obstante, esas lóxicas non se trasladan a Galicia, onde todo está ligado a como se vai artellar En Marea, e en Podemos Galicia temos a obriga de poñernos man á obra.

-¿Cre como algúns militantes de base que esa coalición con En Marea pode facer desaparecer a Podemos en Galicia?

-Entendo que haxa xente que teña ese medo de que iso ocorra. Eu penso que non vai pasar tal cousa, pero si que boto de menos que se fale máis coa nosa xente e que se clarifique ese espazo común. Hai que sentarse e falar do espazo que ten Podemos dentro de En Marea, no que teñen que caber os demais partidos. É difícil, pero ese é o reto que temos por diante.

-¿Está de acordo coa lista de consenso que propón Villares para En Marea?

-Non sei o que quere facer Villares, pero creo que sería bo que houbese máis dunha lista. Podería ter sentido unha de consenso, pero o debate non se debería mirar de forma tan dramática.

-¿Vai presentar unha Podemos?

-Eu non estou nese debate, ademais son deputada e estou de acordo e que non se acumulen os cargos.